Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
23-08-2010

Os distintos gobernos colombianos reclamaron a Venezuela máis da metade da península da Goajira, porta principal xacemento petrolífero de Venezuela

Colombia e Venezuela

XURXO MARTIZ CRESPO

Manuel Marulanda "Tirofijo"


Colombia sofre unha guerra civil desde 1948. Mentres a ex-provincia arredada e díscola de Venezuela nadou na abundancia petroleira durante gran parte do século XX, as clases dirixentes colombianas artellaron un plan, disfrazándoo de democracia, para perpetuarse no poder e manter na miseria a dous terzos da poboación. Máis de nove millóns de colombianos residen no estranxeiro, máis de tres millóns deles en Venezuela.

Os distintos gobernos colombianos reclamaron a Venezuela máis da metade da península da Goajira, porta de entrada do Lago de Maracaibo, principal xacemento petrolífero de Venezuela.

Os sucesivos gobernos venezolanos mantiveron unha actitude pasiva ante as incursións da guerrilla colombiana (FARC-EP, ELN) en Venezuela. Tres son as razóns principais:

1.- A existencia dun conflito interno en Colombia (unha guerra civil continuada) permitía que os posíbeis esforzos na "recuperación" de territorios venezolanos pasasen a segundo termo en Colombia.

2.- A permisividade das autoridades venezolanas na entrada e saída das guerrillas significaba un acordo tácito segundo o cal elas se podían agochar pero non actuar en territorio venezolano, pois daquela si serían perseguidas.

3.- A imposibilidade de controlar os máis de 2000 km de fronteira entre ambos os países e o deshabitado da zona.

Esta situación mudou nos 90 cando os paramilitares colombianos, con presenza en sucesivos gobernos colombianos, incluso no de Uribe, entraron en Venezuela e comezaron a financiarse co secuestro e cos delitos comúns, cousa que nunca fixo a guerrilla. Outro grave problema que debe enfrontar Venezuela son os milleiros de desprazados colombianos que piden asilo en Venezuela. Segundo estatísticas de ACNUR, aos 30.000 desaparecidos súmanse máis de 200.000 desprazados pola guerra civil en Colombia.

A presenza das FARC e do ELN en Venezuela pode ser comparada coa presenza de membros da esquerda abertzale e de ETA no Estado francés. Mentres Batasuna é ilegalizada no Estado español, aínda mantén o seu estatus legal en Francia.

Apoia o goberno bolivariano as FARC-EP ou o ELN? Non. Unha das probas son os constantes chamamentos de Chávez a ambos os grupos para a entrada na vía política e o desarme, feitos ambos non exentos de perigosidade nun país como Colombia, en que todos os dirixentes de grupos armados reinseridos na vida civil foron asasinados polos paramilitares, que forman parte dos sucesivos gobernos de Colombia e cuxa impunidade é evidente.