Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
23-07-2010

O deporte e máis concretamente o fútbol, rompeu o tabú, que había con respecto á bandeira española

A bandeira española con fútbol entra

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


Nunca até estes días puidemos ver tantas bandeiras españolas polas rúas. O campionato de fútbol e o posterior triunfo da Selección Española supuxo un punto de inflexión na aceptación popular deste símbolo do pequeno imperio.

Temos que recordar que as cores actuais da bandeira española veñen xa dos Reis Católicos, pero non foi até o século XVIII que adoptou as cores actuais, manténdose desde aquela como símbolo de "España", coa única excepción do período da II República que adoptou un modelo de tres cores.

É unha frase feita, pero en determinados ámbitos fascistas adoitan dicir que a Ditadura deixou todo atado e ben atado; e abofé que así foi. Que a día de hoxe non se poida investigar e xulgar os crimes da Ditadura non é casual; que un Tribunal Constitucional se entremeta e pula o Estatut Catalán emanado da vontade popular reflectida no Parlament, aprobado tamén polo Congreso dos Deputados español, e ratificado en referendo pola cidadanía catalán non é casualidade; daquela tampouco é casualidade que a bandeira "constitucional" do Estado Español sexa a bandeira dos fascistas, a bandeira da Ditadura. Son só tres exemplos, que debuxan un Estado Español pre-democrático, no que, despois da morte do Ditador, algo tivo que cambiar para que todo seguira igual.

Xa en vida do Ditador preparouse ao Juán Carlos de Borbón como o substituto "natural" deste, seguramente consciente das súas limitacións físicas, mais tamén coaccionado por sectores económicos españois que vían como unha rémora a un Estado fascista, que non era aceptado, tal e como estaba conformado, nas institucións internacionais, nomeadamente as europeas. Paradoxicamente, este persoeiro inicialmente non tivo o pleno apoio nin dos fascistas, nin dos monárquicos, xa que, como todos sabemos, en caso de restauración monárquica corresponderíalle portar a Coroa ao pai do actual Rei; pero tampouco era un personaxe do agrado da esquerda española, que aínda que propagandísticamente republicana, aceptou de bo grao as regras de xogo emanadas da ditadura.

Mais curiosamente  o 23 de febreiro de 1981 todo mudou para a Monarquía cando un golpe de estado perfectamente orquestrado polos servizos segredos estatais catapultaron a Juán Carlos de Borbón como salvador da democracia española, convertendo a republicanos en furibundos "juancarlistas" de toda a vida, estendéndose desde aquela un manto de silencio sobre os negocios e a vida privada da familia real, que daría seguramente para encher varios programas "rosas", e deixaría a trama Gürtel nun pequeno affaire comparado cos negocios borbónicos.

Pois si se me permite o símil o mesmo ocorre coa bandeira española, que durante a Guerra Civil foi o símbolo do bando Nacional, baixo cuxas cores asasinouse a miles de persoas, deixándoas tiradas polas cunetas, obrigou ao exilio moitas outras que correrían idéntica sorte, violouse, ... e en definitiva, practicouse un xenocidio que aínda hoxe está sen xulgar, e polo que se ve, aínda o estará por moito tempo.

Con este currículum non é de estrañar o pouco apego que hai no Estado en xeral á bandeira española, ao que debemos engadir a influencia que nos seus respectivos territorios ten a cultura e o idiomas propios en Galiza, Catalunya e Euskadi, que actúan como freo á influencia españolista, e que soportaron unha represión brutal en todos os ámbitos durante o período da Ditadura, e despois desta tamén, pero aderezado cunha pequena dose democrática, que queda moi ben.

Sen embargo a españolidade conta con potentes ferramentas mediáticas, políticas e económicas coas que impoñer a cultura española, e por suposto os seus símbolos, tanto culturais como políticos. Así non é raro ver festexos tan estraños á nosa cultura como as touradas ou as feiras de abril, que gozan de non pouca popularidade; e así, como non quere a cousa, paseniñamente vaise introducindo aínda máis a cultura española sobre todo nun país como o noso, cuxa feble conciencia nacional faino moi permeábel a todo tipo de influencias alleas.

Pero a arma máis poderosa que ten o españolismo é o deporte, e mais concretamente o fútbol. Vímolo hai dous anos cando a Selección Española desta disciplina deportiva gañou a Eurocopa, aparecendo penduradas das fiestras e balcóns do noso país unha morea de bandeiras españolas. Pero foi a consecución do campionato mundial de fútbol no que a exhibición da bandeira española acadou proporcións epidémicas, cuxas secuelas aínda se perciben case 15 días despois do famoso partido.

Pero por desgraza para o noso país teño que dicir que a aceptación e exhibición da bandeira española, con todo o que iso supón desde o punto de vista político, ven da man da xente máis nova, da que medrou xa en democracia, e á que lle cae moi lonxe a Ditadura, non só por unha cuestión de idade, senón porque no sistema educativo non se explica acaidamente o que supuxo a Guerra Civil e a posterior Ditadura. E non só por iso, senón porque Rafa Nadal, Fernando Alonso, Dani Pedrosa, e calquera dos futoblistas das Selección Española, que apenas chegan aos 30 anos, son os heroes deportivos cos que se identifica a xente nova, e son os (únicos?) ídolos nos que se reflicte a españolidade, que conta con potentes armas mediáticas para reproducir unha e mil veces as consignas, que logo serán reproducidas mimeticamente na rúa nos festexos pola consecución dalgunha vitoria deportiva.

O deporte e máis concretamente o fútbol, rompeu o tabú, que había con respecto á bandeira española, mais desde o nacionalismo non podemos deixarnos impresionar por esta abafante enxurrada de españolidade, cómpre máis que nunca reivindicar os nosos símbolos. Rosalía de Castro e Castelao, así como Alexandre Bóveda entre outros deben estar sempre presentes nos nosos discursos, na nosa vida cotiá. E da nosa bandeira debemos facer incluso ostentación pública desta, tendo unha excelente oportunidade o Día da Patria para tomar as rúas coa nosa bandeira e axitar conciencias adurmiñadas e influenciábeis polos medios comunicación e polos efémeros éxitos deportivos.