Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
24-02-2010

Este indicador de impacto ambiental sitúa a Galiza por riba dalgúns dos países da nosa contorna

A nosa pegada ecolóxica

MANUEL SOTO CASTIÑEIRA

Protesta da ADEGA


Convidado a escribir para este novo Terra e Tempo dixital sobre medio ambiente, vexo ben comezar esta andaina cunha cuestión que debería estar de actualidade permanente, e que de feito o está, aínda que rara vez sexa obxecto de cabeceiras e menos de primeiras páxinas. Trátase da nosa pegada ecolóxica, ou o impacto ecolóxico que o noso modo de vida e actividades causan sobre o planeta.  

A versatilidade do concepto fai que sexa de aplicación á toda a humanidade, a un país, a un colectivo, entidade ou empresa, ou a calquera persoa considerada individualmente. Por suposto, coas imprescindíbeis matizacións. A súa carga comunicativa converteuno nun dos principais indicadores de sustentabilidade, ou máis propiamente, de non sustentabilidade da actual sociedade humana, e das súas formas consideradas como máis "avanzadas".

A pegada ecolóxica defínese como a "área de territorio produtivo necesaria para obter os recursos utilizados e para asimilar os residuos producidos por unha determinada poboación ou colectivo, cun nivel de vida específico". É por suposto unha área hipotética que resulta da suma do terreo ou área necesaria para satisfacer as múltiples compoñentes de "consumo" propias das actuais sociedades. 

A PEGADA ECOLÓXICA GLOBAL 

Desde hai máis ou menos unha década disponse dos primeiros cálculos da pegada ecolóxica para a maior parte dos países, e para Galiza desde hai cinco ou seis anos. Neste comezo do novo milenio, os recursos globais dispoñíbeis atinxen as 2,1 hectáreas/persoa. Mentres, a pegada da humanidade no seu conxunto estímase hoxe en 2,9 ha/persoa. Velaí a non sustentabilidade global do actual modelo capitalista de explotación, produción e consumo. 

Mais a pegada ilústranos de forma clara as desigualdades sociais, dentro de cada país e no plano das relacións entre países, e pon de manifesto a insolidariedade que xera. USA aparece á cabeza, cunha pegada media de 12,5 ha/persoa, cuxa satisfacción só se pode explicar pola usurpación de recursos daqueles países dependentes e menos industrializados. Séguenlle países do norte de Europa, Australia, etc. 

Neste escenario, os países que presentan unha menor pegada, sofren polo xeral condicións de miseria e pobreza extrema, agravada nas últimas décadas. Non cabe pensar que están a preservar os seus recursos, pois a deterioración destes pode ser aínda maior, ao inxerirse nos circuítos do mercado capitalista globalizado e simplemente satisfacer a pegada dos poderosos.  

A PEGADA ECOLÓXICA DE GALIZA 

A nosa pegada ecolóxica supera as 6 ha/persoa, lixeiramente por riba da media estatal e dalgúns outros países do noso contorno. A análise dos seus compoñentes pon de manifesto diversos aspectos de grande interese: un sistema eléctrico con forte dependencia do carbón (as dúas grandes centrais térmicas), un ordenamento social e territorial cativo do automóbil particular, e uns hábitos alimentarios intensivos en proteína animal (carne e peixe).

Calquera de nós pode estimar a súa pegada ecolóxica individual. Facer este exercicio, por exemplo, respondendo a un cuestionario necesariamente simplificado (véxase o dispoñíbel en http://www.esb.ucp.pt/gea/myfiles/pegada/questionario.pdf), fainos percibir o alcance das nosas decisións cotiás e tamén as limitacións que a sociedade na que estamos inmersos nos impón.  

As compoñentes da pegada tratan de contabilizar a maior parte dos impactos ecolóxicos da actividades humana, aínda que non todos eles estean convenientemente avaliados. Segundo a metodoloxía deste indicador, a principal compoñente é, sen lugar a dúbidas, a referida aos impactos das emisión causantes e efecto invernadoiro e quecemento da atmosfera, unha clase de impacto global mais que ten consecuencias diferenciadas dunha a outra área do planeta. Velaí outra das razóns do interese crecente deste indicador, nun momento no que a mudanza climática se está a percibir como unha das principais ameazas sobre o futuro da humanidade. Coñecer o reparto internacional da pegada ecolóxica deixaba pouca marxe ao optimismo diante do recente cumio de Copenhague. 

SERMOS NACIONALISTAS 

Sermos nacionalistas é estarmos no mundo desde o noso país conscientes do valor da diversidade cultural e natural e do desenvolvemento harmonioso da nosa sociedade en convivencia, respecto e solidariedade coas demais sociedades humanas. Non é posíbel isto se non somos conscientes sequera do impacto que as nosas decisións teñen para o conxunto da humanidade, e dalgúns pobos en particular. Non é posíbel isto desde un modelo económico que esgota os recursos e aboca as sociedades á miseria ou ao consumismo depredador, sen outra solución posíbel. 

O nacionalismo galego formula pois a modificación das relacións internacionais, rachando en primeiro lugar coa dependencia dos pobos, e co intercambio desigual. O desenvolvemento autocentrado segue a ser unha premisa, non suficiente pero imprescindíbel. A pegada ecolóxica de sociedades periféricas e dependentes como a galega deixa claro como das industrias de enclave, da falta de adaptación das infraestruturas á realidade do país, ou das pautas sociais de mimetismo da metrópole só se pode derivar degradación e non sustentabilidade ambiental.  

A loita pola sustentabilidade ambiental súmase entón á loita pola economía propia, pola lingua, a cultura, a equidade, ou a cohesión social e política, aspectos permanentes na análise e a reivindicación nacionalista.