Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
15-08-2022

E a xente dise apolítica... e non é certo. Quen así fala descóbrese ela mesma impermeabilizada polo franquismo ou négase a crer no Pobo polo que loitou o fillo da sra. Generosa e do sr. José.

Rúa Moncho Reboiras en Imo

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN


Con frecuencia descoñecemos o máis próximo. Ás veces por térmolo á man deixámolo de lado. Pero tamén por prexuízos infundados, interesados,...que levan ao esquecemento da nosa propia historia.
 
Pasoulle a moita xente comprometida de verdade co noso Pobo. Xosé Ramón Reboiras Noia pode ser un exemplo disto en Dodro. Foi como un estraño na súa aldea do que nin se ouvía un chío nun concello anestesiado, logo do ditador, por décadas de caciquismo.  

O quefacer constante do nacionalismo, o impulso, as anuais homenaxes -nomeadamente as da UPG onde Moncho militaba- non esquecen desde o Ferrol ata o cemiterio de Imo, o facho da loita contra os réximes facilitadores de gobernos marionetas do neoliberalismo.  

E van a máis os recoñecementos e honras a Pepe de Loureiro no cemiterio do Padronelo aos que se suman ano a ano persoas curiosas que xa non son da policía secreta gravando na casa da fábrica. O adro de san Xoán Bautista de Laíño ve desfilar os logros co sindicato maioritario galego de clase, a CIG, ou movementos culturais aos que tanto lle debe o mártir de Imo. O BNG de Dodro leva tamén anos traballando polo concello sen desprezar os valores da Galiza de Reboiras. Así no 2015 clamaba só ante a non arraigada memoria democrática polo borrado dunha gran imaxe do militante nacionalista galego. Estampa xa icónica baixando por un camiño ao lado dunha leira de millo, verdadeiro tesouro compartido por seu irmán Manolo.  

E a xente dise apolítica... e non é certo. Quen así fala descóbrese ela mesma impermeabilizada polo franquismo ou négase a crer no Pobo polo que loitou o fillo da sra. Generosa e do sr. José.  

Pero detrás hai un inxente traballo político diario, tamén con publicacións, para saír do esquecemento. E mesmo evolucións, que fixeron posible, por exemplo, a promovida pre estrea nos hórreos da Lavandeira polo Concello de Dodro do aclamado documental Reboiras. Acción e corazón de Alberte Mera -2020- desbordando todas as previsións municipais. O libro Reboiras. O camiño da rebeldía de Xosé Manuel Pereiro, Xurxo Martínez González -2021- ou a última novela de Luis Rei Nuñez Matarán a Reboiras deste pasado mes de maio de 2022.  

E coma no Ferrol, ou Corcubión, ou Culleredo,... é o grupo municipal do BNG no goberno de Dodro quen propón en base ao primeiro Regulamento Especial para a Concesión de Honras e Distincións do concello perpetuar -e reparar democraticamente na súa aldea- a memoria histórica.  

Saíu adiante a RÚA MONCHO REBOIRAS grazas á xenerosidade canda o BNG, dos demais grupos no goberno PSOE e UV. A sesión plenaria do 9/6/2022 contou con numeroso público entre familiares, veciñanza, BNG local; Manel Casal responsable de organización da UPG; Bieito Lobeira, Lucía López e Rubén Cela membros da Executiva do BNG. E pese á proposta razoada do recoñecido asasinato franquista, o PP votou en contra.  

Ogallá paseen bos e xenerosos preguntándose desde a Porteliña ao Muronovo por quen foi ese prócer galego asasinado. Ese que un día sacaron cos pés por diante da casa de Lola de Loureiro nun Imo mudo de choros no medio de xente estraña para min, salvo miña avoa.