Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
18-08-2021

Xa que agora os estados islámicos son amigos, o Apóstolo protexe España daqueles inimigos que non se identifican coa “Nación española”

¡Santiago! ¡Cierra España!

EDUARDO ÁLVAREZ


Desde a Idade Media, Santiago converteuse en caudillo dos exércitos cristiáns fronte ao islam. Durante moitos anos, nos libros escolares víñase dicindo que, en 842, o Apóstolo aparecéuselle en Clavijo ao rei Ramiro I prometéndolle que ao día seguinte ían ser derrotadas as mesnadas de Abderramán II para liberar o seu reino do tributo da entrega anual de cen doncelas. Así foi, no medio da batalla descendeu do ceo montado nun cabalo branco e atacou as tropas musulmáns con tanto ardor guerreiro que nun chisco foron desbaratadas.

En 1212, os reinos cristiáns de Castela, Aragón, Navarra e Portugal, convocados contra o islam polo papa Inocencio III, a cuxa chamada non acudiu o rei Afonso VIII de Galiza, emprenden unha cruzada contra as tropas do califa almohade ás que derrotan na batalla de Tolosa ao berro de ¡Santiago! ¡Cierra, España! Para entendermos hoxe o sentido desta exclamación, temos que acudir á trixésima segunda acepción da RAE: “Trabar batalla, embestir, acometer,” que, coloquialmente, equivale a !A por ellos, oé...!

Hai cen anos, entre o 22 de xullo e o 9 de agosto de 1921, o exército español estaba sufrindo a  ominosa derrota coñecida como Desastre de Annual durante a Guerra do Rif fronte as tropas rifeñas comandadas por Abd el-Krim. Como na batalla de Tolosa, nesta cruzada contra o islam, que pretendía simultaneamente continuar a “gloriosa Reconquista” e estender o Imperio por terras de África despois do Desastre de 98, España e o seu exército tamén estaban baixo a protección do apóstolo Santiago, mais neste caso o seu auxilio de nada valeu: calcúlase que foron máis de dez mil os militares que morreron vítimas da política colonialista e da comisión de graves erros militares. Ao mando das operacións encontrábase o xeneral Silvestre, quen, sen contar cos perigos a que expoñía as tropas, deu orde de ataque incitado por un telegrama que previamente lle enviara o mesmo rei Alfonso XIII co seguinte texto: “Ole, los hombres con cojones.”

Desde aquela, os gobernos dos estados islámicos xa non son considerados inimigos de España. Ao contrario, moitos dos mesmos guerreiros que loitaran con Abd el-Krim contra o exército español integráronse anos despois no exército sublevado contra a República ás ordes de Franco, participando nas accións máis sanguinarias da Guerra civil. Dentro da España confesional católico-franquista, o islam estaba permitido e o Estado encargouse de levantar mesquitas e cemiterios para o culto musulmán. O propio Ditador creou a Guardia Mora para a súa protección persoal, constituída por soldados procedentes do Protectorado español.

Cada 25 de xullo, o Estado español, representado polo seu Rei e mais o Exército, segue celebrando, en íntima comuñón coa Igrexa, o día do seu Patrón e da Arma de cabalaría, á que pertencía o Rexemento de Cazadores de Alcántara que pereceu por completo aquel 22 de xullo de 1921. Mais, malia o Apóstolo deixase de ser invocado como Matamouros, o berro ¡Santiago! ¡Cierra, España! seguiu tendo vixencia en España. O 25 de xullo de 1938, tamén ano santo xacobeo por prórroga do anterior por mor non de pandemia senón da guerra para que, segundo o arcebispo Muñiz de Pablos, puidesen chegar “a Compostela, sobre todo los que en este nuevo año de gracia de 1938 vayáis quedando libres del cautiverio y del horror de las hordas comunistas”, monseñor respondeu ao oferente Serrano Súñer, referíndose á presenza do Apóstolo na batalla de Brunete: “No nos faltó más que haberlo visto a caballo. Y, excelentísimo señor, volverá a montar a caballo si es necesario.” En 1971, tamén ano xacobeo, é Franco como oferente quen afirma “que los combates decisivos de la guerra se resolvían decididamente en los días en que se celebraban las mayores festividades de la Iglesia, como con toda claridad se acusa en la batalla de Brunete que, después de varios días de empeñados combates, se resolvió la pugna a las doce de la mañana del día de nuestro santo Patrón...”

Na actualidade, a monarquía ditatorial de Marrocos profesa amizade especial co Estado español e as monarquías absolutas de Oriente Medio manteñen lazos de estreita irmandade coa Monarquía española favorecendo negocios escandalosos do Rei emérito e acolléndoo no seu territorio. Xa que agora os estados islámicos son amigos, o Apóstolo protexe España daqueles inimigos que non se identifican coa “Nación española”. Isto explica que o Rei na ofrenda do pasado día 25 o invoque como defensor da súa unidade, que o Ministerio de Defensa felicite “por la festividad de#SantiagoApóstol, patrón del Arma de Caballería del @EjercitoTierra, de Galicia y de toda España¡¡Santiago y cierra España!! (sic) e que despregue unha escuadra de avións militares sobre Compostela deseñando no ceo bandas descoloridas por enriba dos galegos e galegas que celebran o seu Día nacional.   


Eduardo Álvarez