Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
23-08-2021

O imperialismo sempre contra-ataca

ROBERT NEAL BAXTER


Aló polo ano 1917, Lenin caracterizou a época actual como a do imperialismo, a fase superior do capitalismo, na cal grandes blocos de superpotencias se forman e competen entre si para submeteren terceiros países co fin de controlaren os seus recursos, tanto humanos, na forma de man-de-obra barata, como naturais.  

Hoxe, máis dun século despois, hai quen pretende facernos crer que vivimos nun mundo pós-moderno en que xa ficarían superadas as antigas divisións e tensións máis proprias da época da Guerra Fría, e que, polo tanto, xa non fai falta organizarse e somar forzas anti-imperialistas desde a solidariedade internacionalista que sempre caracterizou e segue a caracterizar a esquerda nacionalista.  

Así, hai tamén quen podería caír na armadilla de ver inxenuamente na retirada das tropas do Afeganistán, así como na inminente saída de efectivos militares do Iraque, un indicio dunha mudanza fundamental na política intervencionista dos EUA, que, de súpeto, renunciarían ao seu obxectivo de subxugar pola forzar calquer país que non se dobregue à súa vontade e non acate as súas ordes.  

Nada máis lonxe da realidade: esta manobra só responde aos intereses actuais do campo imperialista capitaneado polo país ianque e secundado polos seus lacaios nucleados ao redor da OTAN. Así, tras ocuparen militarmente o país afegán sob pretexto de reinstaurar a democracia e combater o islamismo –o mesmo que eles proprios criaron no seu día para loitar contra os Soviéticos encanto mantiñan hipocritamente alianzas xeo-estratéxicas coas ditaduras do Paquistán ou da Arabia Saudita–, os EUA e o Reino Unido retiran as súas tropas dun día para o outro, deixando atrás un país de novo ao borde dunha guerra civil.  

Da historia hai que aprender sempre para compreendermos correctamente as tensións dialécticas de cada momento, e a historia demóstranos clarisimamente cais son as consecuencias inevitábeis desta política: carnificina, miseria e inestabilidade. Os imperialistas aplican a máxima, formulada polo Rei Luís XV da Franza, de “despois de min, o diluvio”, descrita por Marx como “o lema de todo capitalista e toda nación capitalista” (O Capital).  

Así, a actual retirada do Afeganistán, tan necesaria mais tan irresponsábel asemade, non fai máis do que replicar a actitude que adoptou o Estado español cando abandonou à súa sorte a ex-colonia do Saara Español após a Marcha Verde orquestrada polo goberno marroquino e a subsecuente ocupación de 80% da Saara Occidental por parte do Reino Alauita.  

Noutra orde de cousas, o colonialismo británico deixou tras de si unha África desfeita, escuartexada arbitrariamente segundo as súas necesidades con fronteiras deseñadas a golpe de regra sen pensar nas terras ancestrais dos povos que levaban séculos vivendo alí, e en moitos casos legando a maior parte das terras máis produtivas à minoría branca, herdeira do colonialismo. Non é de estrañar, pois, a inestabilidade e os conflitos que asolan o continente, xunto co continuado espolio dos seus recursos, consecuencia directa do proceso colonial e imperial.




Tamén, no subcontinente indiano, unha retirada irresponsábel deixou as portas abertas ao baño de sangue fratricida que finalmente desembocou primeiro na creación do Paquistán (entre 200,000 e 2 millóns de mortos), co barril de pólvora que segue a ser a Caxemira, e máis tarde do Bangladesh (entre 300,000 e 3 millóns de mortos). A este apavorante ronsel de cadáveres hai que somar as vítimas mortais rexistradas durante o reino británico, así como as represalias tomadas contra as diferentes rebelións que desafiaron o poder colonial ou os entre 2 e 3 millóns de persoas que pereceron na Fame de 1943 en Bengala, unha hecatombe na que o ‘heroi’ Churchill xogou un papel importante.

  Tamén non está de máis lembrar que foi o imperialismo británico o denonante do actual xenocidio programado do povo palestiniano cando entregou as terras alleas do Mandato da Palestina ao novo Estado Sionista. Desde entón, as potencias imperialistas ignoran as repetidas resolucións da ONU e protexen o seu obediente sipai de Oriente Medio sob pretexto de que se trata do único pais ‘democrático’ da rexión. No entanto, esas potencias non dubidan en abandonar os seus principios democráticos no momento en que saen eleitas nas urnas forzas que poidan frustrar aos seus designios, como foi o caso cando Hamas conseguiu unha maioría esmagadora nas eleccións parlamentares de 2006 na Palestina, con 76 dos 132 asentos face aos 43 de Fatah.  

Na Asia, despois de sementaren a morte entre a populación civil da Corea, con bombardeos implacábeis sobretodo no norte onde saíu vitorioso o Partido dos Traballadores, os imperialistas ianques deixaron detrás de si un país dividido, cun rexime fantoche no Sul. Polo outro lado, apesar de bombardearen o seu país e libraren unha guerra química a base de axente laranxa e napalm, os ianques foron derrotados pola resistencia comunista e patriótica da Frente Nacional para a Libertación do Vietname (Việt Cộng). Canta razón tiña Castelao cando falaba de “imperialistas fracasados”!  

Ao igual que un virus mortífero, o imperialismo muda continuamente de forma para se adaptar a cada nova realidade e a súa voracidade é insaciábel, deixando un rastro de morte e devastación. Antano, manifestábase sob o manto do colonialismo, co tráfico e a escravatura de seres humanos para traballaren nas plantacións de azúcar, de algodón ou de borracha, como no arrepiante caso do Estado Livre do Congo. Hogano, o flaxelo imperialista cobiza os diamantes de sangue, o petróleo e o coltan (columbita-tantalita), e, xa máis preto, rouba a forza do vento da Galiza para abastecer de enerxía a capital madrileña. Todo isto sen pestanexar cando fai falta suster reximes represivos e ilexítimos mediante corrupción e golpes de estado a fin de velar polos seus proprios intereses. En adiante, cada vez máis se vai apoiar no denominado ‘poder brando’ –máis insidioso e sub-repticio– para seguir asoballando os povos do mundo. Mais nunca, nunca descansa. Pau que nasce torto nunca se endireita...  

Así pois, non podemos ceder ante os cantos de serea e debemos manternos máis firmes do que nunca no noso combate anti-imperialista, un baluarte de povos libres, de povos grandes, unidos no noso propósito común baixo a bandeira da solidariedade internacionalista de respeito mutuo como o que se escenificou o pasado 24 de xullo no marco das celebracións do Día da Patria Galega.


Robert Neal Baxter