Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
16-06-2021

As linguas son un elemento moi importante no xurdimento, desenvolvemento e estabilidade das sociedades e dos grupos humanos

Un interpelante estudo portugués sobre a lingua galega

MANUEL CABADA CASTRO


Hai xa algunhas semanas recibín dun amigo como exquisito galano das comúns preocupacións sobre o devir da nosa propia lingua, a galega, un volume que a continuación só quería comentar ou case só soletrear nalgúns dos seus puntos básicos. Por aquilo de que “bonum est diffusivum sui”: o bo difúndese por si mesmo. Trátase da obra escrita polo sobresaínte lingüista portugués Fernando Venâncio [F. V.] que, traducida ó galego, leva o título de Así naceu unha lingua. Sobre as orixes do portugués (Vigo, 2021). Refírome, pois, ás páxinas desta edición nas citas deste comentario.

Parte este, por suposto, de que as linguas son un elemento moi importante no xurdimento, desenvolvemento e estabilidade das sociedades e dos grupos humanos. Elemento fundamental e fundamentante das propias culturas, da común comprensión dos integrantes das mesmas e orixe (indesexábel) de non poucos conflitos sociais e políticos. De aquí que os intereses políticos non deixen de interferir, dunha ou doutra maneira, nelas ó longo da historia. A lingua galega estivo e está sometida así tamén a fortes e indesexábeis dependencias que interferiron e interfiren no seu proceso.

A publicación de F. V. entra así directamente e a fondo na análise da relación que a sociedade e os intelectuais portugueses mantiveron ou aínda manteñen co seu problemático veciño do norte, o galego, é dicir, coa nosa lingua, a lingua dos galegofalantes. Digamos xa dende o principio que F. V. avoga decididamente pola dignificación da nosa propia lingua, mais non xa só por razóns simplemente éticas ou morais en xeral, senón pola concreta exixencia de sermos fieis á historia real da relación da lingua galega co chamado portugués. Nalgún momento comentará a este respecto F. V. algo que entre nós, os galegos, é suficientemente ben coñecido polas nosas propias vivencias persoais: “É estraño, e para nós dificilmente concibíbel, mais é un fenómeno común que os galegos se avergoñen do idioma propio. Dáse isto en xente das vilas a quen preguntamos unha cousa en portugués e, por sincera deferencia, respóndennos en español. E dáse tamén en intelectuais a quen incomoda vérense asociados (na percepción deles) a un dialecto de aldeáns. O portugués sería, para eles, a versión presentábel do galego” (257).

Pola contra, e fronte a esta percepción dos galegos sobre si mesmos, F. V. porá de relevo que a lingua que posteriormente se denominaría portugués fora previamente  [...] “a lingua que Portugal herdou de Galicia”. Unha lingua “gramaticalmente consolidada, coherente e en pleno funcionamento”. “Existía, certamente, unha natural variación territorial [...]. Mais non se desenvolveu en ningunha parte un sistema alternativo, e certamente non outra lingua. Foi por iso que, cando Portugal xurdiu, os seus habitantes continuaron, con naturalidade, a se expresaren na lingua en que xa o facían. E así a primeira lingua de Portugal foi o galego. Era a que había dispoñíbel [...] O feito é que o galego e o portugués de 1400 eran incomparablemente máis semellantes que os actuais modelos de lingua portugués e brasileiro” (80).

F. V. rematará algúns parágrafos despois as súas apreciacións sobre o portugués de xeito moi claro:

”O noso idioma foi, pois, desde o seu inicio, unha creación galega” (83).

O autor desta importante obra diríxese de maneira explícita e directa ós seus compatriotas portugueses, intentando desvelar o erro ou o engano en que moitos deles están enleados no que se refire á relación entre a lingua de Portugal e a de Galicia, dirixíndose naturalmente, de maneira directa ou indirecta, a aqueles que desde un punto de vista teórico ou intelectual estarían na orixe de tal errada crenza. Mais é tamén, sen dúbida, aínda que só sexa indirectamente, unha relevante mensaxe tanto para galegofalantes como para adversarios do uso da propia lingua. Velaquí o seguinte importante parágrafo, non carente polo demais de boas doses de pertinente ironía:

“Fica, polo tanto, claro, e nisto insisto: o idioma dos portugueses non apareceu con Portugal, ou mesmo cando Portugal se preparaba, senón ben antes. Aí está unha perspectiva inesperada, contraintuitiva mesmo, para quen, como moitos de nós, sempre concibiu a nosa realidade histórica dentro dos acolledores límites de ‘un pobo, un territorio, unha lingua’. Realmente, esa Historia que hai séculos andamos contando uns aos outros é unha narrativa feita á nosa estrita medida, proporcionándonos aconchego e autoconfianza. É a iso ao que nos estimulan aquelas historias de lingua que, implícita mais convincentemente, suxiren un idioma formándose tardía e aceleradamente a partir dun latín milagrosamente aínda en uso oral, e pronto para servir a ese Portugal que non tardaría en aparecer. E así, naquela primeira tarde portuguesa, alí estaba un idioma noviño do trinque, nacido por xeración espontánea, pronto para estrear, para exclusivo proveito e alta recreación da nova grea” (99).

En realidade, as cousas non ocorreron así, é dicir, pasando de feito por alto a esencial función da lingua galega na que (e da que) xurdiría en Portugal o portugués en canto lingua dunha nova realidade política diferenciada de Galicia. Tal como quedou indicado, para F. V. sería só arredor do ano 1400 cando diversos factores de orixe política, militar e social contribuíron a un importante cambio de apreciación da propia lingua galega (Cf. 131-133), da que en realidade porén xurdiu o portugués (non, xa que logo, inmediata ou directamente do latín: cf. 111). A este respecto indicará taxativamente F. V.: “A historia do portugués é, de maneira desmedida, a historia das súas tentativas de afastamento do galego” (138-139). “Galego e portugués fixeron, durante unha restra de séculos, vidas separadas. A propia História do português é toda ela -digámolo unha vez máis- a historia das súas tentativas de afastamento do galego” (246).


Un modo de proceder que F. V. considera, sen atenuantes engadidos, como “anticientífico”: “o case silenciamento do galego na historia e na descrición do portugués -dinos el- só pode merecer a avaliación de totalmente anticientífico” (245).

En realidade trátase só dun caso máis entre tantos -poderiamos dicir- daquela perigosa presenza das “ideoloxías” (no sentido clásico de Marx e Engels) en tantos inadvertidos modos de pensar e de proceder. Aínda que sen utilizar tal expresión, F. V. vén referirse en realidade a ela cando indica en relación con esta central temática do seu estudo:

  “Ese idioma que, arredor do ano 1200, xorde na escrita asenta en estruturas de tal envergadura e tal complexidade que exixiron séculos de circulación oral. O único nome que cabe atribuírlle é galego. Mais a simple idea de que, algún día, un idioma estranxeiro puidese ser no pasado a lingua de Portugal énos insoportable. Froito desa repugnancia naceu ese famoso galego-portugués, un truco de maxia que para conforto do noso patriotismo, elimina intermediarios entre o latín e o portugués [...]

O que acontece é que nunca se explicou como, en tempo récord, se pasou do latín a dúas linguas derivadas del, e moito menos se expuxo que especificidades únicas e inconfundíbeis as distinguirían, até o punto de mereceren xa nomes diferentes. En suma: en todo isto, reinan unha visión máxica da Historia e unha liviandade difícil de disfrazar. Obxectivo? Non afrontar máis do necesario o patriotismo portugués” (116-117).  

Quizais fose, polo demais, o comentado intento portugués de se liberar da real orixe galega da súa lingua o que, nun certo modo paradoxal, o levou porén sorprendentemente a se aproximar ó español. Mais F. V. fai ó respecto o seguinte comentario: “En histórias da língua portuguesa, afírmase, tendendo a ser politicamente correcto, que ao separarse do acolledor berce galego-portugués, o galego caería na órbita do español. A verdade histórica [...] revelouse exactamente a contraria. Foi o portugués o que desde moi cedo se apaixonou pola lingua centropeninsular, tomando dela todo canto xulgou útil, e foi moito” (222-223).

Non son poucas, tal como se pode sospeitar, as consecuencias que destas teses básicas de F. V. (apoiadas en concretas e suficientes argumentacións) se derivan en relación coas actitudes respecto da lingua galega non só de portugueses (ós que en principio está dirixida a obra) senón tamén de galegos e mesmo españois. Non me vou deter nisto (deixando que o lector destas liñas se aventure a internarse por si mesmo nos concretos contidos desta importante obra), aínda que non quero deixar de aludir concretamente ó que o autor  comenta sobre a vivencia e a expresión da saudade:  

“Outra convicción portuguesa: a de seren, por todo o universo, os únicos a percibiren debidamente o sentimento de saudade, e de seren, por iso, tamén eles os que crearon un nome para tal. Estamos totalmente enganados. A saudade é un sentimento galego xenuíno, e o nome que alá lle dan é, por incríbel que pareza, tamén saudade. Certo, os galegos non matan saudades, cousa en que nós somos peritos, mais sofren con ela na alma iguais angustias” (122).  

 Hai tamén outras consecuencias ou derivacións ás que F. V. non deixa tampouco de aludir, pese ás polémicas que polo menos algunha delas, alomenos desde un punto de vista político ou estratéxico, puidera suscitar. O lingüista portugués, segundo máis arriba comentei, facía explicita referencia ó longo tempo en que  galego e portugués levaron “vidas separadas” (246). Deste feito derivaríase porén para el a seguinte consecuencia: “Certo é que, a pesar de todos eses e outros factores de separación, comparten, aínda hoxe, numerosas e moi diversas características. Con todo, ao fin e ao cabo, todo apunta a que o galego e o portugués deben ser hoxe considerados estruturalmente dous sistemas diferentes e definitivamente irredutíbeis. Nunha palabra: é tarde de máis para volver a reunir galego e portugués” (246).

Porén -e así quero xa rematar-, se é verdade que o futuro, o futuro humano, endexamais está xa escrito, algo diso deberá afectar tamén o noso devir cultural e lingüístico. Fica moito aínda por facer, por cambiar, por reestruturar...