Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
30-04-2021

Probe Irlanda…

ROBERT NEAL BAXTER

Probe Irlanda…


Para aqueles desafortunados individuos que só ven o parte na TVG, facilmente pasaría desapercibida calquer nova internacional de relevancia debido à máxima e case exclusiva prioridade que se outorga às fazañas de Feixoo, aos comentarios a respeito de sucesos anódinos varios, às árbores caídas en Madriz e a outras sandeces similares.  

Así, pois, se callar non transcendeu o facto de que o principio do mes de abril foi marcado por un singular estoupido da violencia no Norte da Irlanda, dunha envergadura sen precedentes desde a asinatura do Acordo do Venres Santo en 1998. O que comezou en Doire (que os meios británicos teiman en chamar Londonderry) con ataques con cócteles molotov contra a policia local (PSNI), herdeira dun corpo que confabulou cos paramilitares unionistas no seu día, rapidamente se estendeu a outros pontos, sobretudo à capital, Béal Feirste, co secuestro dun autobús no Shankhill Road, berce do unionismo máis acérrimo, e cos enfrontamentos entre unionistas e republicanos na denominada ‘liña de paz’ que separa as dúas comunidades no oeste da cidade.  

Se ben os acordos puxeron fin a 30 anos de conflito grazas ao cesar-fogo e ao desarmamento dos principais grupos paramilitares –o Exército Republicano Irlandés (IRA) e a  Forza Voluntaria do Ulster (UVF)–, tamén cumpre recoñecer que non gozaron dun consenso unánime, xa que serviron para perpetuar o statu quo da Partición. Noutras palabras, desde hai exactamente 100 anos, os seis Condados setentrionais da Illa seguen baixo o xugo da Monarquía Británica, aínda que conten cunha Asemblea propria con limitadas competencias desde 1998. Así foi que o conflito seguiu latente a menor intensidade, animado principalmente por grupos republicanos disidentes paramilitares, tais como o IRA da Continuidade (CIRA) ou o Novo IRA (NIRA).  

No entanto, non foron os grupos republicanos quen estiveron na orixe deste recente recrudescimento da violencia. À luz dos fortes vencellos que sempre existiron entre a Irlanda e a Galiza, e que se plasman na consabida exhortación de Alfredo Brañas “Galicia, levántate e anda, ¡Como en Irlanda!”, cumpre deterse a analisar máis polo miúdo o acontecido para entender quen son os instigadores e cais os motivos que se achan detrás deste novo surto de violencia.  

Desta vez, os protagonistas eran os unionistas movidos por dous detonantes principais. En primeiro lugar e no máis inmediato, a decisión de non instruír sumario contra destacad@s representantes do Sinn Féin acusad@s de violaren as restricións da COVID cando acudiron ao funeral do veterano republicano Bobby Storey. E, sobretudo, o impacto da escandalosa chapuza da implementación do Brexit a mans do goberno británico que, até o último momento, parecía esquecer totalmente que esta parte da Irlanda se incluía nos seus dominios. Apesar de Boris Johnson asegurar reiteradamente que non habería nin unha fronteira dura entre as dúas partes da Irlanda nen unha fronteira marítima entre o Norte de Irlanda e o ‘resto’ do Reino, finalmente –e moi previsibelmente a teor das circunstancias e do historial do goberno conservador que lidera– non hesitou en retractarse e deshonrar a súa promesa.  

A ver se o Partido Unionista Democrático (DUP) de Arlene Foster, que sustentou o goberno conservador de Theresa May, aprende dunha vez por todas a lección de que “Roma no paga traidores”. O Reino Unido xa hai tempo que leva utilizando os seus suxeitos colonizados como carne de canón antes de cuspilos implacabelmente. Non é de estrañar, xa que son consubstanciais ao capitalismo colonial a exploración e o posterior abandono das colonias cando deixan de servir os intereses da potencia imperialista. No fundo, a raíz do problema é sempre a mesma: a continuada colonización británica.  

Os protagonistas do conflito actual non son os republicanos (maioritariamente católicos) que loitan polos seus direitos básicos dos cais foron historicamente privados, mesmo por vía da discriminación legal, nunha reivindicación que se saldou con 14 mortes no masacre do Domingo Sanguento de 1972. Polo contrario, a situación actual xerada principalmente pola xestión incompetente e miope do proceso da saída da Unión Europea explica por que agora son os unionistas mormente protestantes, sobretudo os máis xoves, os que se rebelan contra Westminster, ao se sentiren traizoados pola Pérfida Albión. Nas palabras dun destacado unionista: “o acordo do Brexit cortou a Irlanda do Norte do resto do Reino Unido deixándoa à deriva, arredando Belfast cada vez máis lonxe de Londres, abrindo camiño para unha Irlanda economicamente unida”.  

Este sentimento de traizón vese exacerbado pola máis que probábel reunificación da illa da Irlanda nun futuro non tan distante e polo medo dos protestantes a perderen os seus privilexios históricos e a pasaren a ser unha minoría nun país maioritariamente católico. Un temor, certamente, infundado. En vez de ollaren para un país estranxeiro, talvez sexa a hora de os protestantes unionistas reivindicaren o destacado papel que desempeñou un elenco de egrexios protestantes nacionalistas irlandeses, desde Wolfe Tone, que liderou a rebelión de 1798 contra o dominio británico, e Charles Stewart Parnell, defensor da autonomía (home rule), até Constance Markievicz, membro do  Exército Cidadán Irlandés (ICA) que participou no Alzamento de Pascua de 1916, pasando por Roger Casement, Bulmer Hobson e Erskine Childers, membros dos Voluntarios Irlandeses (Óglaigh na hÉireann), e un longuísimo etcétera.  

Rosalía xa deu no cravo aló polo ano 1863 cando articulou unha máxima extensíbel ao caso irlandés e máis universalmente a calquer caso colonial que se podería parafrasear neste caso da seguinte maneira: Probe Irlanda, non debes chamarte nunca británica, que Inglaterra de ti se olvida.