Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
08-04-2021

É francamente noxento comprobar unha e outra vez como o imperialismo recorre a utilizar os povos asoballados do mundo como peóns, manipulando a opinión pública en beneficio proprio

O povo uigur: un novo peón na pugna xeopolítica do imperialismo

ROBERT NEAL BAXTER


O 22 de marzo pasado, os Estados Unidos, Canadá e o Reino Unido somáronse à Unión Europea para axiren de xeito coordinado contra a China–decisión referendada o día seguinte por Australia e Nova Zelandia– mediante a aplicación de sancións co obxectivo de “enviar unha mensaxe clara a respeito das violacións dos direitos humanos e os abusos en Xinjiang”.

O povo uigur é unha das 55 minorías étnicas ou nacionais recoñecidas polo República Popular da China, que inclúen, entre outros, os povos zhuang, hui, yi, mongol, tibetano...Alén da diáspora espallada principalmente entre Turquía, Usbequistán e Quirguistán, este povo turco conta cunha populación total duns 13,5 millóns de persoas concentrada smaioritariamente na Rexión Autónoma Uigur do Xinjiang no noroeste da China, onde convive con outros grupos tais como cazaques, quirguices, tibetan@s, hui, taxiques, mongois, xibes, rus@s e han (etnia chinesa maioritaria).

O Movimento de libertación nacional uigur recusa a denominación Xinjiang –que en chinés quer dicer literalmente ‘Fronteira Nova’, un significado revelador da súa relativamente recente incorporación á China– e reclama o seu territorio sob o nome de Turquestán Oriental (Sherqiy Türkistan), avalado por varios efémeros precedentes históricos que remontan à República Islámica Turca do Turquestán Oriental (12/11/1933-16/04/1934) e à Segunda República do Turquestán Oriental(12/11/1944-22/12/1949).

A situación do povo uigur saltou aos meios internacionais sobre todo após o Incidente de Shaoguan, na Provincia de Guandong (sul da China),durante o cal perderon a vida dous traballadores migrantes uigures. À súa vez,este incidente desencadeou os violentos disturbios que eclodiron no mes de xullo de 2009 na capital uigur de Ürümqi e, segundo fontes oficiais, se saldaron con 197 mortes e 1.721 persoas feridas, a maioría delas pertencentes à etnia han. En represalia, o goberno chinés lanzou unha brutal campaña de represión contra o povo uigur, con detencións masivas e a desaparición dunha corentena de uigures durante as redadas policiais, segundo Human Rights Watch, alén de13 execucións e sentenzas de morte rexistradas entre novembro 2009 e febreiro 2010.

Desde entón, vénse denunciando a existencia de camposde internamento onde desde 2015 ficarían retid@s máis dun millón de uigures, segundo as Nacións Unidas. Estabelecidos polo rexime pseudocomunista de Xi Jinping co nome oficial de ‘Centros de Formación e Educación Profisionais’, estes campos serven para intensificar a sinización forzada da populación e forman parte dunha política global de aniquilación étnica desatada contra o povo uigur sob o pretexto de garantir a conformidade coa ideoloxía ‘nacional’. Dito de xeito máis claro: a asimilación e o xenocidio cultural programado da etnia uigur.

A escusa que esgrime a China é a “guerra popular contra o terror”, unha política instituída oficialmente en 2014 que aproveita e terxiversa perversamente o principio maoísta do mesmo nome. Susténtase nun confusionismo intencionado que consiste en descualificar o conxunto do movimento de liberación nacional uigur, que vai desde o Movimento Nacional de Conscientización de Turquestán Oriental (ETNAM) até o histórico Partido Revolucionario Popular de Turquestán Oriental (ETPRP), asimilándoo ao xihadismo que caracteriza grupos tais como o Partido Islámico do Turquestán, que supoñen unha ameaza terrorista.

Non simpatizo co rexime xijinpingista –herdeiro directo do camiño capitalista  preconizado no seu día polo renegado Deng Xiaoping–, que está lonxe de ser comunista, e moito menos maoísta, por máis que se siga ornando a Praza de Tian’anmen coa efíxie do Grande Temoneiro. Non me cabe a menor dúbida de que existe unha persecución da minoría uigur, e o facto de esta se perpetrar por parte dun país dirixido por un partido que se declara formalmente “comunista” non debe interferir co deber de tod@s @s comunistas de verdade de defendermos o principio leninista do dereito dos povos oprimidos de todo o mundo a exerceren a súa plena autodeterminación, unha reivindicación vital do nacionalismo que, por outra parte, se plasma na solidariedade internacionalista que nos caracteriza.

Ora ben, permitídeme que desconfíe dos verdadeiros motivos das potencias imperialistas, desde os EUA até o fantoche da OTAN, pasando polo seu lacaio, a Unión Europea. Quen son os EUA que, a pesar das promesas de Obama, seguen a manter aberto o campo de detención de Guantánamo e que practicaron a tortura e patrocinaron verdugos e torturadores nos reximes máis sanguinarios para dar leccións a quen for sobre direitos humanos? Realmente pretenden os imperialistas que creamos que teñen o máis mínimo interese pola situación dos povos asoballados do mundo cando seguen a bombardear Siria e ollan para outro lado en canto o Estado Sionista incumpre repetida e sistematicamente as resolucións da propia ONU e con total impunidade segue a inflixir ao povo palestiniano un dos maiores xenocidios dos nosos tempos, ao tempo que se tacha calquera denuncia da política xenocida sionista de equiparábel co anti­semitismo?

É francamente noxento comprobar unha e outra vez como o imperialismo recorre a utilizar os povos asoballados do mundo como peóns, manipulando a opinión pública en beneficio proprio, para promover a súa propria axenda e manter a súa esfera capitalista e neoliberal de influencia global, ao tempo que non se coran de vergoña ao acusaren @s nacionalistas de sermos insolidari@s...Tristemente, os motivos reais,tan sinxelos e tan cínicos,son sempre os mesmos: a exploración neocolonial dos povos para manter o lucro dunha minoría, dividindo o mundo en grandes blocos de influencia enfrentados entre si. Eis a esencia aínda vigorante do imperialismo tal como o expuxo o proprio Lenin.

Coñezamos e analisemos a situación internacional e sigamos, pois, a alzar a bandeira da solidariedade internacionalista, apoiando as lexítimas reivindicacións dos povos irmáns do mundo, sen nos deixarmos enganar pola pátina de pseudocomunismo dalgúns nen atrapar nas redes dos espurios motivos imperialistas.