Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
29-03-2020

“Non nos entenden, non”. Mais Chato si. Con el entendémonos á primeira. Falábamos linguas diferentes e comprendíamonos mellor que os que nos queren impoñer un mesmo idioma

Chato Galante, madrileño, galego, humano

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO

Chegou a nova da morte de Chato Galante polo coronavirus e non puiden evitar lembrarme de quen nos acusaba de Madridfobia por criticar o xeito tan incompetente de xestionar o andazo que o levou por diante. Madridfobia nós que tanto quixemos a madrileños como Chato? En calquera caso, españolfobia, se é que en algo se pode traducir -para que nos entendan- o que sentimos os galegos que simplemente non nos odiamos a nós mesmos. Españolfobia contra os que pola unidade de España non tiveron escrúpulo en permitir exportar o contaxio aceleradamente aínda que iso supuxera a imposibilidade de investir os recursos das zonas blindadas naqueles focos máis graves co fin de que puideran combater con máis medios o virus que nos deixou sen Chato e sen moitos madrileños máis.

Madridfobia? “Non nos entenden, non”. Mais Chato si. Con el entendémonos á primeira. Falábamos linguas diferentes e comprendíamonos mellor que os que nos queren impoñer un mesmo idioma como solución aos problemas de comunicación. A película “El silencio de otros” daba visibilidade á loita pola xustiza e pola verdade que desde a periferia levamos mantendo desde o comezo dos tempos. Non é a primeira vez que no centro se apropian do protagonismo dunha loita que nunca se valorou en outros até que alí se acordan dela. Mais neste caso non. Chato puxo a nosa disposición a súa persoa, coa súa recente sona a raíz do éxito do filme para apoiar á nosa loita. 

Primeiro porque é a mesma loita que el tivo e que nunca se lle recoñeceu tampouco a pesar de estar en Madrid. E despois, porque compartiu cadea con presos vascos, cataláns e galegos e escoitou o que lle tiñan que dicir. E por último, porque a súa loita, a dos dereitos humanos, era auténtica, fundábase na súa experiencia persoal de torturado, na convivencia co recoñecemento e consideración recibidos polo seu torturador (Billy el Niño), no esquecemento e desprezo por aqueles que se dicían de esquerda pero que pola “reconciliación nacional” renegaron das vítimas e antepuxeron o “ben de España” á denunciar a impunidade. E nunha loita polos dereitos humanos auténtica o primeiro que hai que facer é recoñecer o status de humanos a todos os pobos do mundo. 

Porque aí está a trampa. Así os nazis se presentaban en sociedade como garantes deses dereitos humanos que ninguén di publicamente estar en contra. Eles non discutían os dereitos humanos, o que sostiñan é que había uns que eran máis humanos que outros, e desde logo os xudeus non o eran en absoluto. Mais para Chato, logo de estar illado, colgado recibindo golpes continuamente, nu, “sin ser considerado ni siquiera una persona, una cosa... A mí me pasaba cualquiera de aquellos policías y me apagaba un cigarrillo en la cabeza como si fuera un cenicero puesto encima del radiador, que es donde estaba esposado”, foi quen de facer o exercicio de xuntar a súa conciencia política militante coa súa vivencia persoal de xeito que lle abriu os ollos a ver a condición humana en toda a súa amplitude e diversidade para apreciar as dores que nos son comúns sen necesidade que teñamos renegar do que nos diferenza.

Moito queremos os que queremos a Galiza a Chato Galante, madrileño e ser humano que combateu contra a impunidade dos que nos queren quitar a consideración de humanos aos que non somos como eles. Esto non é unha despedida porque en canto volvamos á loita pola memoria seguro que o teremos presente, acompañará sempre aos que compartiron a súa rabia e a súa fame de xustiza.