Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-02-2020

Chega o mes de xuño. Vesteiro Torres entrega as actas de “Galicia Literaria” á biblioteca da Universidade de Santiago. Deixa ordenados algúns traballos, destrúe outros

Un poema de Manuel Curros Enríquez dedicado á pianista Emilia Quintero Calé

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ

Revisando casualmente, para outras historias, o libro Obras completas de Curros Enríquez, V: La Lira Lusitana / La Señorita de aldea/ De mi álbum/ Artículos y poesías (Madrid, 1912), encontramos, na p. 113, formando parte do que sería o libro Mi álbum, un pequeno e críptico poema, -unha quintilla endecasílaba- que non coñecíamos e pretendemos agora glosar.  

Á Emilia Calé y Quintero.
(Madrid.)
 
El que, niña, tu genio ha celebrado
Y recogió el cadáver de tu tío
Y á la Musa cantó que te ha engendrado,
En extranjeras playas desterrado
Tu recuerdo agradece tierno y pío.  

Quen é a destinataria da dedicatoria? Habería que indicar, en primeiro lugar, que a orde dos apelidos está invertida: o correcto sería Quintero Calé (ou, máis ben, Gómez Quintero Calé). Trátase da que foi bautizada co nome de Emilia Telesfora Lorenza Juana Francisca Gómez Quintero Calé, nacida na Coruña o 5-1-1864, filla primoxénita de Lorenzo Gómez Quintero Fernández Morado, natural de San Xoán de Porto Rico mais con ascendencia paterna galega, e Emilia Calé Torres, nacida na Coruña o 12-2-1837 (12 días antes de que o fixese, en Padrón, Rosalía de Castro), que será unha das máis importantes escritoras galegas do XIX. (Sobre esta autora, remitimos ao artigo que redactamos Ana Romero Masiá e máis eu: “Emilia Calé Torres: a escrita na dor”, Nalgures, tomo XII, 2016, pp: 451-540, e consultable no link http://www.estudioshistoricos.com/wp-content/uploads/2018/01/nalgures_xii.pdf

A parella enxendraría igualmente a Sofía Carmen Antonia Lorenza (Vilaboa, Culleredo, 17-9-1865), Áurea Helia Julia Leocadia Francisca Emilia Lorenza Florencia (A Coruña 7-8-1868) e a súa xemelga María del Consuelo Inocencia Adela Dolores Francisca Emilia Lorenza Amaranta, e Lorenzo Gómez Quintero Calé (Madrid, 6-4-1872).

Logo de residir en varias cidades galegas ou españolas, a familia estableceuse en Madrid en 1871. (Casualmente, neste ano casa Manuel Curros Enríquez, que xa levaba uns anos morando alí, con Modesta Vázquez Rodríguez).

Transcorre o tempo e chega 1875, que deparará á familia varias satisfaccións: a nai, ademais de seguir publicando novos poemas, ve saír do prelo a 2ª edición de Horas de inspiración; o 29 de maio, a nena Emilia, de 11 anos, dá o seu primeiro recital de piano no “Liceo Piquer”, co que iniciaba unha carreira de éxitos que farían dela unha pianista recoñecida; e, en setembro, nacerá “Galicia Literaria”.
Non sabemos con certeza se Curros Enríquez asistiu ao concerto da pequena; pero si é seguro que debeuna escoitar nas ocasións nas que se achegaba ao domicilio dos Quintero-Calé (na rúa Estrella, nº 7, 3º) para asistir ás xuntanzas de “Galicia Literaria”, ou quizais xa antes. A todo isto refírese o verso “El que, niña, tu genio ha celebrado”.

Coa familia vivía un curmán moi querido da poeta, Teodosio Vesteiro Torres, escritor e músico vigués que sería, ademais, o primeiro mestre de música da pequena pianista. O matrimonio apoiaría a Teodosio na idea de traballar en Madrid por Galicia. Con estes devezos fundouse, neste domicilio, unha sociedade de vida moi breve pero de alto interese para a historia de Galicia: “Galicia Literaria”.

Emilia Calé asina a acta fundacional da mesma 20-9-1875 e polo seu esposo, que está ausente, faino o secretario, Vesteiro. Os outros asinantes son Francisco Añón Paz, Manuel Curros Enríquez, Cecilio Gómez Labrada, Andrés e Jesús Muruais Rodríguez, Victorino Novo García, Emilio Núñez Couto, Manuel de la Peña Rucabado, Arturo Vázquez Núñez e Eduardo Verdes Quintián. Algún tempo despois, incorporaríanse José Novo García ou Celso García de la Riega, entre outros.

Na seguinte xuntanza, celebrada o 30 de setembro, Emilia Calé recibiu o nomeamento de socia de mérito, ademais de ser recoñecida como fundadora. Foi a única muller que formou parte da asociación. Nesa velada, Curros Enríquez e Francisco Añón dedican cadanseu poema a Emilia Calé. O poema de Curros titulábase “A la poetisa gallega Doña Emilia Calé y Torres de Quintero en la inauguración de la sociedad Galicia Literaria verificada en su casa la noche del 30 de setiembre de 1875”. Del, coñecemos polo menos dúas versións: unha publicada ás poucas semanas (El Heraldo Gallego, ano II, nº 43, Ourense, 21-10-1875, p. 331) e outra, con diversas variantes, máis de tres décadas despois. (Obras completas de Curros Enríquez, II: El Maestre de Santiago/ El Padre Feijóo/ Poesías escogidas, Madrid, 1909). Este poema de Curros dedicado a Emilia Calé sería ao que alude o verso “Y á la Musa cantó que te ha engendrado”.

As xuntanzas seguen celebrándose no domicilio de Emilia ata o 20 de outubro: na acta deste día indícase que, ao marchar a familia para Galicia, trasladaríase á casa doutro asociado, Vázquez Reyes, en Corredera Alta, nº 7, principal.
Pola súa parte, Teodosio vén tamén pouco despois a Galicia: iso fará que se resinta a vida da sociedade e que xurdan diferenzas entre os asociados. Aínda que volve a Madrid e retoma a secretaría da entidade, o proxecto esmorece, celebrando a súa derradeira xuntanza o 30-1-1876.
Curros, dende o nadal de 1875, e xaneiro-febreiro 1876, está na fronte da guerra carlista no Norte, como enviado de “El Imparcial”. Logo regresa a Madrid, ferido.

Chega o mes de xuño. Vesteiro Torres entrega as actas de “Galicia Literaria” á biblioteca da Universidade de Santiago. Deixa ordenados algúns traballos, destrúe outros e, na madrugada do 12 de xuño, cando cumpre 28 anos, suicídase dun tiro de revólver fronte ao Museo do Prado, nun lugar que chamaban “Salón del Prado”.

Deixaba dúas cartas de despedida: unha a Curros (que dirá que “un compañero suyo de habitación puso en nuestras manos”), como representante dos escritores galegos residentes en Madrid e outra a Valentín Lamas Carvajal como representante dos residentes en Galicia. Vivía Vesteiro neste momento na rúa Caballero de Gracia, nº 26. (La Iberia, Madrid, 14-6-1876, p. 3). (A Curros deixáralle tamén a pluma de prata coa que escribira as derradeiras cartas).

Vesteiro sería enterrado no Cemiterio do Sur: no cortexo fúnebre, Curros e Victorino Novo acompañan o cadaleito; máis tarde, deciden organizar unha Coroa poética na honra do defunto. (Carlos López-Keller Álvarez: “Curros en 1876. Apuntes dunha metamorfose”, Madrygal, 1, 1998, pp: 67-72, Madrid).

Outro membro de “Galicia Literaria”, José Novo García, lembrará en “Teodosio Vesteiro Torrers. 15 de junio de 1876” as derradeiras horas da vida do escritor que, momentos antes da súa norte, congregara, como adoitaba facer, aos seus amigos máis achegados. Logo, leu algúns libros místicos e, na madrugada, suicidouse. E continúa:

“Poco después de amanecer, fui al Cementerio del Sur, y en una horrible y mezquina habitación, llamada pomposamente Depósito, estaba sobre la mesa de autopsias el cadáver del suicida. Allí acudieron á verle y á ocuparse del entierro algunos, muy contados amigos, á los cuales esperaba la lucha contra estas miserables dificultades que, aún después de la muerte, parecen oponerse al descanso eterno. Las vencieron; y mientras el pobre poeta quedaba sólo, cubierto por una sencilla lápida, los que habíans ido sus compañeros hasta aquel momento, volvieron á su vida habitual, que no es en resumen, otra cosa que una tumba un poco más grande. (El Eco de Galicia, ano VI, nº 203, Buenos Aires, 10-6-1897, páxs. 1-2).

Nesta mesma publicación, na páx. 2, a redacción da revista achega o texto da carta de Vesteiro a Curros Enríquez. Aínda que coñecida, reproducímola de novo:

“Queridísimo amigo y paisano: Lejos de todas las personas que amo y me aman, con la sola excepción de V., á quien he consagrado lugar justísimo de preferencia en mi corazón, no quiero partir sin dedicarle una cariñosa despedida.

Pienso morirme muy pronto, porque no es posible que resista más la lucha interior que vengo sosteniendo desde que tengo uso de razón. Espero que Dios me acogerá en su seno de paz después de la expiación de mis faltas acá ó allá.

No sé dónde seré enterrado. No haga V. ni deje que otros hagan gestiones a favor de mis viles cenizas. Haga la tierra de lo suyo lo que quiera.

Moriré creyendo en Dios y confiando en su misericordia, amando á mi patria como siempre, á mis amigos y paisanos y compañeros de letras, para quienes recomiendo á V. mi memoria, sobre todo para los residentes en Madrid, pues escribo con igual objeto á Carvajal, que me recordará á los que en Galicia viven.

Dejo mis obras á mis buenos y queridos primos, y V. será quien les diga lo que ocurra conmigo. Viven en la plaza de la Constitución, núm. 18, segundo, Lugo. Sería mi gusto que me olvidasen en absoluto. Niegue V. su voto al intento (si llega á haberlo) de dedicarme una corona fúnebre. Ni la patria tiene por qué llorarme, ni deben sonar sobre los muertos voces de dolor sino cantos de aleluya.

Y V., querido amigo, ¿qué pensará de mí? Júzgueme V. como su criterio dicte, pero no me niegue una buena memoria. Piense alguna vez en su infortunado amigo, y guárdele el cielo de la suerte que me ha tocado.

Trabaje V. para su propia elevación: tenga V. fe en Dios y en si mismo… y ame V.

Adios, hasta aquel día en que nos volvamos á ver espiritualmente, ya disipadas las tinieblas de esta vida.

Perdóneme el disgusto que le causaré: era inevitable.

Otra vez adiós. Se lo envía desde lo más íntimo de su corazón su apasionado amigo y compatriota. Teodosio Vesteiro Torres.  

Por tanto, o verso “Y recogió el cadáver de tu tío”, evoca, logo, á participación de Curros en todo o relacionado coa norte e enterrro de Vesteiro.

Xa, por último, que o poeta celanovés escriba “En extranjeras playas desterrado / Tu recuerdo agradece tierno y pío”, confirma que residía xa en Cuba, a onde marchara en 1894. Quizais esta lembranza teña que ver coa circunstancia de que o pai de Emilia, Lorenzo Gómez Quintero, tivo que trasladarse á Habana, por razóns profesionais, a finais de 1895, permanecendo alí ata decembro de 1897, cando regresa á Península. Resulta lóxico supoñer que Lorenzo teríase encontrado con Curros, lembrarían os tempos en Madrid e levaríalle, con seguridade, os saúdos das dúas Emilias: a nai poeta, e a filla pianista.