Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-01-2020

Está claro que, xuridicamente, a resolución que dite a Xunta Electoral Central sobre o recurso presentado por PP e Ciudadanos sobre a inhabilitación do President da Generalitat ten que ser rexeitada

Inconstitucionalidade da inhabilitación do President da Generalitat

EDUARDO ÁLVAREZ

Hoxe reúnense os trece membros da Xunta Electoral Central para analizar o recurso presentado polo PP e Ciudadanos contra a resolución da Xunta Provincial de Barcelona que rexeitou a inelixibilidade sobrevida do President da Generalitat. O bipartito alega neste recurso como fundamento xurídico o artigo 6 da Lei electoral xeral, que recolle que son inelixíbeis “os condenados por sentenza, aínda que non sexa firme, por delitos... contra a Administración Pública ou contra as institucións do Estado cando na mesma se estabelecese a pena de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para o emprego ou cargo público...

Indican os recorrentes que o señor Torra encóntrase nesta situación e, en consecuencia, incorre en inelixibilidade sobrevida  polo que debe abandonar a presidencia da Generalitat. Mais, por outro lado, o artigo 67 do Estatut de Autonomía de Catalunya declara que o seu Presidentcesa por... condena penal firme que comporte a inhabilitación para o exercicio de cargos públicos. ¿Estamos diante dunha antinomia, isto é, dunha contradición irresolúbel entre estas dúas normas? Para o PP e Ciudadanos, movidos por intereses políticos e non xurídicos, prevalece o disposto na Lei electoral sobre o Estatut. Afirman que diversos alcaldes e concelleiros tiveron que abandonar o cargo por inelixibilidade sobrevida a causa de seren condenados por sentenza non firme. E isto é certo.

Despois da modificación da Lei electoral en 2011, operada coa finalidade de impedir o acceso dos abertzales condenados por sentencia non firme a cargos públicos, foron varios os concelleiros e alcaldes, entre eles dos propios partidos que promoveron esta reforma, que tiveron que cesar por este motivo. Pero, como deben saber tanto o señor Casado como a señora Arrimadas, pois ambos afirman posuír a licenciatura en Dereito, as antinomias poden ser de dous tipos: reais ou aparentes.

As primeiras son irresolúbeis e mostran a impericia do poder lexislativo que as aprobou. As segundas, en cambio, son numerosas en calquera ordenamento xurídico e resólvense por normas preestabelecidas e, en ausencia destas, pola xurisprudencia constitucional. E neste segundo caso é onde radica a interpretación xurídica correcta que se debe aplicar ao recurso sobre o que se vai pronunciar a Xunta Electoral Central no día de hoxe. As regras de interpretación das normas xurídicas no ordenamento español, como sabe o alumnado xa desde o primeiro curso de Dereito, figuran no artigo 3.1 do Código civil, que cita como criterios o gramatical ou literal, o sistemático, o histórico, o lóxico e o social.

Sobre todos eles, prevalece o sistemático, que impón a consideración do ordenamento xurídico como un todo orgánico para que as normas legais respondan ao fin supremo da xustiza aplicábel ás circunstancias de cada caso. E aquí é onde intervén o artigo 28 da Lei orgánica do Tribunal Constitucional, ao afirmar que, á hora de interpretar a legalidade e, por tanto, a aplicabilidade dunha norma do Estado ou das Comunidades Autónomas hai que considerar, ademais da propia Constitución, as leis ditadas para delimitar as competencias do Estado e as diferentes Comunidades ou para regular ou harmonizar o exercicio das competencias destas. É dicir, os Estatutos de Autonomía pertencen ao denominado pola doutrina e pola xurisprudencia Bloque de constitucionalidade, isto é, forman parte das normas que actúan de parámetro para interpretar outras normas e para medir a constitucionalidade ou inconstitucionalidade da totalidade do ordenamiento xurídico.

Desde moi pronto, o propio Tribunal Constitucional recoñeceu que os Estatutos de Autonomía integran o parámetro que se debe empregar para cualificar a aplicabilidade doutras normas en colisión. Este Tribunal introduciu o concepto “bloque de constitucionalidade” na sentenza 10/1982, de 23 de marzo, afirmando rotundamente que este bloque está formado esencialmente pola Constitución e os Estatutos de Autonomía. Segundo isto, os EEAA sitúanse materialmente nun rango superior ao resto das leis orgánicas e ordinarias e adquiren, segundo denominación de García de Enterría, a condición de “leis constitucionais secundarias” e, na terminoloxía de Kelsen, forman parte da “Constitución total”, e como tales serven tamén de medida da validez das leis do Estado. A esta consideración material de xerarquía superponse tamén a situación formal en que coinciden a Constitución e os Estatutos, pois, como afirmaba F. Rubio Llorente, ambos, como normas constitucionais que son, resultan indispoñíbeis para o lexislador ordinario, dado que este nin puido por si mesmo aprobar os Estatutos, nin pode hoxe sen o concurso de vontade allea, dadas as previsións neles contidas para a súa reforma, modificalos nin derrogalos.

Está claro que, xuridicamente, a resolución que dite a Xunta Electoral Central sobre o recurso presentado por PP e Ciudadanos sobre a inhabilitación do President da Generalitat ten que ser rexeitada porque, segundo require o Estatut, tería que existir sentenza condenatoria firme, que non é o caso. Mais, como vén acontecendo habitualmente, os órganos encargados de resolver estes asuntos adoitan basearse máis en criterios políticos que de xustiza.
En conclusión, a resolución que consista na inhabilitación do señor Torra devén inconstitucional como sucede tamén coa reforma do ano 2011 da Lei electoral propiciada polo PP, PSOE e UPyD por impedir o dereito de sufraxio pasivo a cidadáns presuntamente inocentes e por limitar, alén disto, o dereito de sufraxio activo daqueles cidadáns da circunscrición electoral que votaron por esta persoa declarada inelixíbel.
Ademais de conculcar o dereito constitucional español, esta reforma resulta contraria tamén ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos, cuxo marco normativo ao respecto se encontra no artigo 3 do Protocolo Primeiro do Convenio Europeo para a protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais, feito en París, o 20 de marzo de 1952, na xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e mais no Código de boas prácticas en materia electoral adoptado pola Comisión Europea para a Democracia polo Dereito na súa LII sesión plenaria celebrada en Venecia en outubro de 2002.

Esta Comisión do Consello de Europa proclama como primeiro principio do patrimonio electoral europeo o sufraxio universal e entre os límites que cita para a privación do dereito de sufraxio activo a pasivo, no seu apartado 1.1.d.iv, indica que "deberá estar motivada por unha prohibición baseada na saúde mental ou por sentenza firme penal por delitos graves. Finalmente, tamén podemos recorrer a xurisprudencia comparada existente sobre este asunto que nos ocupa. O Tribunal Constitucional italiano resolve unha cuestión de inconstitucionalidade sobre a Lei 55/1990, na que se estabelecía a inelixibilidade para as eleccións rexionais, comunais, provinciais e circunscripcionais (eleccións administrativas) de quen fose condenado, non necesariamente por sentenza firme, ou de quen estivese imputado por algún dos delitos que prevía esta lei, de notábel gravidade, como a asociación de tipo mafioso.

Resulta claro que o obxectivo da lei era tutelar o bo funcionamento das administracións públicas e a libre determinación dos órganos electivos, bens xurídicos da máxima importancia en democracia e que se vían ameazados pola infiltración do crime organizado de selo mafioso nos entes locais. Pois ben, a Corte Costituzionale italiana, en sentenza 141/1996,  de  23  de  abril  de  1996, resolve en contra da inelixibilidade establecida pola lei ao observar unha grave contradición interna na norma. En efecto, constata que se a mesma situación de condena se producise respecto de quen é xa elixido, a consecuencia non consiste en declaralo inelixíbel, medida irreversíbel, senón na suspensión do mandato até que finalice o proceso xudicial. Falla a proporcionalidade da medida, ao non utilizarse o medio menos lesivo para a obtención da fin lexítima. Á vista do anterior, conclúe a Corte Constitucional italiana que só por sentenza firme poden seren excluídos os cidadáns da concorrencia electoral.