Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-12-2019

O estado do benestar fica, unha vez máis, sacrificado no altar das finanzas no que pontifican como emisarios os seus reitores políticos.

Atención á dependencia

EDUARDO ÁLVAREZ

O chamado estado do benestar caracterizouse por estabelecer como dereito universal o acceso dos cidadáns á educación, á sanidade e, con determinados requisitos, ás prestacións por desemprego e por xubilación. Desde a aprobación da Lei 39/2006, créase o Sistema de Autonomía para a Atención á Dependencia coa pretensión de constituír o cuarto piar dese estado social. Acotío comprobamos como, coa desculpa da crise económica e do imperativo neoliberal do cumprimento do déficit público, o sistema de pensións sufriu severas reformas e van minguando os servizos educativos e os de atención sanitaria. Mais, os incumprimentos na atención á dependencia non foron obxecto de preocupación social como sucedeu cos operados nos outros tres piares. Polos medios de comunicación constatamos reducións do profesorado, incremento de alumnado por aula, supresións de escolas, existencia de longas listaxes de agarda nas consultas médicas de especialidade, nas probas diagnósticas e nas intervencións cirúrxicas, mais non se informa, por exemplo, de que a 31 de outubro de 2019, segundo datos estatísticos do propio Sistema de Autonomía para a Atención á Dependencia, existían na Galiza exactamente 8.064 persoas valoradas como dependentes que seguen agardando polas prestacións que teñen recoñecidas. Tampouco se informa de que a unha porcentaxe destas persoas sobrevenlles a morte antes de gozaren da atención a que tiñan dereito nin de que o 46 por cento  do total das queixas dirixidas á Valedora do Pobo no ano 2017, último do que se publican datos, teñan que ver co deficiente funcionamento dos servizos sociais.

Estamos perante unha situación que é preciso afrontar con urxencia. Moitas persoas dependentes agardan seren atendidas en centros de atención diúrna, outras levan meses esperando polo ingreso en residencias e moitas máis, polas atencións de carácter persoal e doméstico para a axuda á realización das actividades básicas da súa vida diaria. As partidas orzamentarias que achegan as administracións para estes servizos resultan ridiculamente insuficientes para paliar necesidades que cada ano se incrementan debido ao grao de envellecemento da nosa poboación.

¿Como reacciona o Goberno da Xunta fronte a este problema? Alardeando de rebaixas fiscais nos orzamentos para o próximo ano. E entre estas rebaixas, xactándose da exención do imposto de sucesións para os privilexiados herdeiros que non superen un millón de euros. Mais como de algún sitio teñen que saír os cartos para manter a situación, convén lembrar que, ao remate do ano 2009, a débeda pública galega era de 4.859 millóns de euros e na actualidade ascende a 11.685 millóns, incrementándose nesta década nun 240 por cento e converténdonos a cada un de nós en debedores de 4.327 euros.  Iso si, os beneficiados por esta situación, como sempre, son as entidades financeiras que reciben os cartos dos Bancos centrais a xuros negativos e que logo emprestan ás Administracións que llelos devolven con xuros positivos. Mentres tanto, agora tamén sabemos que entre todos contribuímos con 51.000 millóns de euros, que endexamais reverterán nas arcas públicas, para o rescate da banca. Súbditos somos dos poderes financeiros. Velaquí a mostra máis clara da submisión das economías e das sociedades europeas ao poder das finanzas, submisión consagrada constitucionalmente desde agosto de 2011 mediante a prioridade do pagamento da débeda.

O estado do benestar fica, unha vez máis, sacrificado no altar das finanzas no que pontifican como emisarios os seus reitores políticos.