Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
01-12-2019

Demos un grande paso, e en só vinte días demostrouse que o que lle viñamos dicindo á xente era totalmente certo.

Sementar e avanzar

DUARTE CORREA PIÑEIRO

Recupero as palabras coas que remataba o meu artigo do mes pasado “É complexo pero é preciso dedicar tempo e efectivos a sementar, dado que só sementando poderemos conter a enxurrada reaccionaria e centralista que o quere levar todo.” porque dez días despois da súa publicación as eleccións estatais demostraron o importante que é sementar.

O nacionalismo galego viviu tempos moi convulsos nos últimos anos, pero pouco a pouco as cousas vanse clarexando e o tempo vén demostrar que os saltos no baleiro e as filigranas poden contar con moito aplauso e un éxito momentáneo, pero finalmente a lei da gravidade levará a que antes ou despois rematen por vir ao chan. Fronte a quen decretaron repetidas veces a fin do nacionalismo como forza con presenza importante no noso país, milleiros de militantes e simpatizantes seguimos aí aguantando o temporal, as veces con dúbidas e preocupacións, pero non deixándonos levar polo desánimo nin polos discursos desa modernidade mal entendida, que á hora da verdade non é outra cousa que a versión maquillada, ou en linguaxe século 21 a versión 4.0, dun Piñeirismo que xa no franquismo decretara a incapacidade do povo galego para auto-organizarse creando estruturas políticas que lle permitiran avanzar no proceso de autodeterminación.

Seguir traballando día a día, defender as nosas propostas pese a termos o vento en contra, denunciar as contradicións e a falla de correspondencia entre os golpes de peito que se daban aquí á hora de falar dos intereses de Galiza e o que despois se facía en Madrid, todo iso foi sementar. Fuxir do sectarismo, marcándose como obxectivo pechar feridas para sumar persoas que no seu momento apostaran por aquela suposta modernidade, e que tiñan e teñen un compromiso co país, todo iso foi sementar.

Un traballo duro en calquera circunstancia, pero moito máis nas circunstancias actuais, cando priman o inmediato, o plástico e o postureo. Pero igual que os nosos mariñeiros saen ao mar cada día sen certeza de que virá peixe á rede, sabedores de que só co esforzo e a constancia hai boa pesca; tamén a militancia nacionalista sae cada día, asumindo as certeiras palabras pronunciadas polo compañeiro Bautista Álvarez no discurso de apertura da IX Asemblea Nacional do BNG en 2001 “(...) o certo é que o trunfo sempre se resiste aos complexos de fraqueza. O que encaixa de cheo no noso pensamento é a necesidade de acumularmos enerxías se aspiramos á vitoria. Procurémolas aquí. Carece de futuro político quen tiver que importalas desde fóra”.

Dixemos sempre que a presenza do BNG no Congreso é a garantía de unha voz propia, porque o BNG ten a cabeza e os pés en Galiza, e o 10 de novembro máis povo confiou en nós. O BNG defenderá, neste caso da man de Néstor Rego, os intereses de Galiza e das súas clases populares, como fixeron os distintos compañeiros e compañeiras que asumiron esa mesma responsabilidade en etapas anteriores.

Demos un grande paso, e en só vinte días demostrouse que o que lle viñamos dicindo á xente era totalmente certo; o BNG con un deputado conseguiu xa maior presenza de Galiza na política estatal que a suma de quen estiveron nos últimos catro anos.

Sementamos e recollemos un froito, agora debemos seguir, intensificando o ritmo de traballo, mellorando as técnicas e sumando a este labor de sementar a todas aquelas persoas que queiran aportar.