Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-11-2019

É a actitude, é a actuación, son as comparecencias do presidente da Xunta, as que revelan unha e outra vez, non só a súa dependencia de “papá” senón a incapacidade do instrumento concedido

Unha declaración fascinante

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO

Por ser fiel ao seu costume, e non infrinxir os mandamentos da súa lóxica política, o presidente da Xunta prestou inmellorábeis servizos ao seu partido e á causa do Estado participando activamente en diversos actos eleitorais por España adiante. Referímonos, claro está, ás últimas eleicións celebradas. Interveu, por exemplo, nunha mesa redonda  -xunto con outros presidentes-as do PP-  titulada “Gobiernos de Sentido Común” (emocionante nome!). Todos eles, por suposto, defenderon as políticas relativas ao emprego e á baixada de impostos, e expresaron o seu contundente ataque ás políticas soberanistas. Núñez Feixoo  -segundo el proprio-  forma filas naqueles que pensan que “España es un gran país”, mais, atacado probabelmente de afán de orixinalidade naquel mar de homoxénea unanimidade, proclamou que “se puede reivindicar la tierra sin menospreciar el conjunto” e, aínda, atención, gloriosa frase!: “Que no nos hagan elegir entre papá y mamá, entre Galicia y España, porque somos lo mismo, una gran nación”, con 17 comunidades autónomas e subliñando que o importante son “los 47 millones de españoles”.

“Papá y mamá”: fascinante!. Como non leríamos comentario ou análise nengunha de tan sisuda analoxía, por parte de expertos-as da psicoloxía, da psicanálise ou da pedagoxía? Eu, profana en calquer das disciplinas mencionadas, arrisco a miña interpretación. A frase, como é ben sabido, pertence ao repertorio da bobaxe de perguntas que se adoitaban facer aos nenos, para os poñer nun apuro ou, talvez, para que fosen aprendendo a mentiren ou a disimularen. Se a pequena ou pequeno perguntado tivese posibilidade de se arrepoñer, o adulto perguntante merecería ser respondido: “E a vostede que demo lle importa?”. Mais, voltándomos ao presidente da Xunta, velaí que esta é a imaxe, a pergunta, o recordo infantil que verbaliza para dar conta do binomio Galiza-España. Primeira constatación: está na infancia política a respeito do poder verdadeiro recoñecido, o español.

Segunda e fundamental: no dúo mencionado, fica claro que o papel de “mamá” corresponde á Galiza e o de “papá” a España. Precisaremos abondar nos atributos que, no código tradicional e aínda dominante, caracterizan un e outro papel? Coido que nen preciso é. “Papá” é o que trae diñeiro á casa, o que manda nas decisións importantes, o que goberna os ingresos, o que complementa o seu salario co traballo non pago da “mamá”. Ela, se non tiver ingresos económicos de seu, dependerá sempre da decisión do cónxuxe ou parella, por moito que prodigue coidados, sentimentos, atención familiar e doméstica a sans, doentes, vellos e/ou dependentes. A complementariedade perfeita para o código tradicional.

Que acontece cando esta falsa paz se denuncia, cando se abre paso a evidencia da desigualdade radical que encerra, cando, en fin, sen o traballo da “mamá” a unidade familiar non podería sobreviver? Que acontece cando se demostra que para nós, galegas e galegos, é letal a dependencia das contas españolas, como é vital emanciparnos da “infancia” política e asumir a dirección do noso destino colectivo?

Presidente da Xunta: gaste algo do seu tempo en ler As contas que nos contan. As balanzas fiscais como ideoloxía recentralizadora, de Xosé Díaz, experto que vostede lembrará como deputado que foi do Parlamento Galego. Esta obra demostra como as políticas fiscais que padecemos están pensadas e executadas para beneficiar o Estado, en detrimento dos fondos que nos pertencen, como demostra a nosa capacidade real de goberno e control dos nosos recursos financeiros ao servizo dun goberno galego merecente de tal nome.

É a actitude, é a actuación, son as comparecencias do presidente da Xunta, as que revelan unha e outra vez, non só a súa dependencia de “papá” senón a incapacidade do instrumento concedido  -a “autonomía-  para manexar con eficacia o goberno doméstico. Quer dicer, “mamá” quéixase de que non ten diñeiro, non ten competencias, non pode abrir contas bancarias, pois non ten con que, non pode axudar a definir o futuro dos fillos, pois a súa opinión non conta. Se “mamá” non é consciente da súa subordinación ou se o é, mais admíteo resignadamente ou masoquistamente, só resta, para compensar, exteriorizar ese papel, facer méritos para que “papá” a trate un pouco mellor, lle conceda algo máis de diñeiro, lle permita algunha expansión, lle outorgue algunha categoría.

Esta saída é a que por vía de regra adopta o presidente da Xunta. Tan é así que, na noite eleitoral, en comparecencia público-televisiva, para comentar os resultados da xornada, asistimos a unha escuálida mensaxe en galego, sendo en español o groso da intervención. Falta o mellor, digno dunha obra de teatro ad hoc!: esta comparecencia foi retransmitida íntegra pola TVG, con subtítulos en galego! O presidente da Xunta a se expresar no idioma oficial do Estado e a televisión galega a subtitular as súas palabras no idioma do país que xustifica a súa existencia. Glorioso! O presidente da Xunta tratado como un estranxeiro, que precisa ser traducido, anosado no idioma galego! Será isto o que pensan os directivos da TVG? Será que, en materia de eleicións españolas, cómpre render tributo de servidume a “papá”?

Binarismo sexual, roles de xénero ben diferenciados, bilingüismo ben xerarquizado e desigual. A “mamá” (á Galiza) tócalle facer a comida, lavar, coidar, despregar sentimentos positivos, atender a horta, se a houber, ser compracente, cariñosa, resignada e, sobre todo, pasiva. A “papá” (España), gobernar o diñeiro público, medrar elefantiasicamente a custa do traballo galego non recoñecido, dispoñer a casa como lle peta, trasladarse de domicilio. Un día calquer, “mamá” pode acordar e decatarse de canto tempo perdido, canta submisión entregue sen compensación, canta vida estragada no altar do matrimonio opresor. Ese día contribuirá a se liberar ela, isto é, a asumir a dirección da súa vida e a corresponsabilizarse dos asuntos que lle competen, sen tutelas nen permisos.