Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
21-09-2019

Nunha primeira aproximación sería suxerente derivar os nosos ENCOIRADOS, do “INQUADRATOS”, que aparece en algúns documentos medievais

Ancorados: S. Pedro e S. Tomé

CÉSAR VARELA GARCÍA

Velaí temos o nome de dúas parroquias da  Estrada, e até o nome dunha vila do  norte portugués, que loce un nome semellante; VILAR DE ÂNCORA.

O noso admirado toponomista A. de Almeida Fernandes , deduce que , ÂNCORA na súa orixe, era o nome do río que a recorre , e desbotando calquer relación con unha “áncora” de barco, presupón , para este nome unha lonxana orixe pre-latina, xa que “ Os nomes dos ríos sao , geralmente, pré-romanos, e este deve sê-lo…”

Nós, preferimos asociar o nome da vila portuguesa ao nome das nosas parroquias estradenses.

Os nosos ANCORADOS, aparecen nomeados nos antigos documentos como, ENCOIRADOS ,e así, temos un lugar dese chamadeiro, en Poio, amén de outro mais sonado, que era o antigo nome de MARIN:  SAN GIAO DOS ENCOIRADOS.

En Portugal, temos polo menos una ducia de lugares chamados hoxe ENCOURADOS , sendo descritos nos doc. medievais como “Incoirados”, “Coriatos” e mesmo “Inquadratos” e “Inquaderatus”.

Almeida Fernandes explica istes nomes procedendo do latín “quadera”, “ cujo derivado *quaderola é o actual nome común “queiró”, uma espécie de urze”.

Na verdade, se fose un abundancial ,  sería de esperar un nome con terminación mais típica de vexetais como –AL, -EDO ou –EIRO, por exemplo; derivando da coñecidísima planta do monte,UZ, existen:  UCEDO, UZAL ou UCEIRA, pero sonaría algo  raro un … ”UZADO” ; do mesmo xeito que resulta extrano un ANCOR-ADO referido a vexetais.

Decidimos tomar outro camiño para explicar o étimo desta restra de topónimos galego-portugueses.

Nunha primeira aproximación sería suxerente derivar os nosos ENCOIRADOS, do “INQUADRATOS”, que aparece en algúns documentos medievais, facendo referencia ao feito tan común de dividir o terreo de laboura en retallos rectangulares ou “QUADRATUS”.

Ao tratar sobre o topónimo COURELA, o filólogo portugués , que aposta por una orixe pré-romana, opina que : “ creio nada ter com um lat. “quadrella”. Na verdade, quadrifínios eran generalidade na agrimensura romana: logo, nao iriam particularizar-se desse modo predialmente….. É possível que alguns escribas dos séc. XII-XIII relacionassem com o latim , escrevendo “quairellas”: outros, porém, evitavam “quadrus” ( de “quairella”) escrevendo “coyrelle” ou “querele”….”

O camiño que propomos, é  iniciar todo nas palabras latinas, COLO, COLONIA e INCOLO, cos significados de cultivar a terra, habita-la e instalarse de novo.

O verbo COLO, CULTUM, tivo que ser produtivo na nosa toponimia   de base rural.

As novas apropiacións e repartos de terras deberon ocorrer en diferentes situación históricas.

“Chegou mesmo a haver o “coureleiro”, funcionario régio ou municipal que distribuía as terras destinadas a acourelamento…”

Os nosos ANCORADOS, deben proceder pois, dunha palabra como *INCOLORATOS > INCOORADOS > ENCORADOS , e daí, os nosos ANCORADOS da Estrada,, referidos aos terrenos ou aos novos posesores ou  INCOLAS.

Os ENCOIRADOS  de Marín e Poio, amén dos ENCOURADOS portugueses,  sairían asimesmo duns supostos : *INCOLORIATOS > ENCOIRADOS  que mallarían na mesma idea de repartir terras entre labregos acabados de chegados, chamados ao xeito latino de, INCOLAS.

Sería ben interesante pescudar nos vellos documentos para saber os acontecementos históricos , o cando e o porqué destas novas apropriacións e reparto de  terras.