Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-09-2019

A temperatura do mar sufriu un aumento obxectivo nas últimas décadas e isto pode estar relacionado co incremento de exemplares xuvenís de quenllas na costa.

Quenllas na costa

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ

Nestes días de verán están aumentando os avistamentos de quenllas, concretamente a especie Prionace glauca, por toda a costa galega. Hai que apuntar que a palabra quenlla, ten dúas acepcións: a primeira (s.f.) peixe condrictio selácio, como xenérico para todas as especies, e a segunda (s.f.) como referido a unha especie concreta (Prionace glauca).  

Trátase de exemplares xuvenís de 50-70 cm de lonxitude que se achegan a augas pouco profundas a alimentarse. Este fenómeno relativamente recente, xa que ven acontecendo dun xeito extensivo dende hai 5 ou 6 anos, non era coñecido anteriormente.  

Nas costas de Galiza Hai moitas especies de seláceos, quenllas en xenérico. A maioría viven nas augas abertas oceánicas, dende a pequena Gata común (Etmopterus spinax), que vive a grandes profundidades, ao xigante Momo (Cetorhinus maximus), que cose seus máis de oito e metros é filtrador. Nas Rías poden atoparse: o Cazón (Galeorhinus galeus), o Melgacho (Scilliorhinus canicula) e a Patarroxa (Scilliorhinus stellaris). Agora tamén a QuenllaP. glauca, estacionalmente, na época de verán-outono.  

Non foron identificadas outras quenllas vivas preto da costa, nin de especies diferentes, nin de tamaños maiores.  

Cal é a explicación  

A presenza masiva de exemplares recen nacidos de quenllas (P. glauca) nas augas costeiras é un fenómeno que non foi rexistrado noutras áreas. As posibles causas poden ser:  

- A alimentación nestas augas, aínda que a presenza de presas habituais para esta idade é pouco frecuente durante a maioría dos veráns, o que parece contradicir esta hipótese.  

- As anomalías oceanográficas, o aumento da temperatura do auga plantéxase como a principal causa da presenza, na costa de Galiza, de peixes de diverso tipo inusuais e raros. A temperatura do mar sufriu un aumento obxectivo nas últimas décadas acompañado dunha diminución na extensión e intensidade do afloramento, responsable da presenza de augas superficiais costeiras máis frías no verán. Esta conxunción, que aumenta aínda máis a temperatura superficial mariña, pode estar relacionada co incremento de exemplares xuvenís de quenllas na costa.  

Onde viven as quenllas?

Viven en todos os océanos, no Océano Atlántico oeste, dende Noruega a Sudáfrica. Os machos e as femias adultos atópanse ao redor de 32º-35º N na primavera e verán, onde se aparean, cunha ampla tolerancia térmica, entre 8 e 27 ° C. Mais, os xuvenís prefiren un rango de temperatura moito máis estreito, de 13-18 ° C. Un desprazamento cara ao norte da área de cría ou da área de recrutamento, zona onde se xuntan os xuvenís, poderían explicar este suceso. En comparación con outras especies de escualos, a quenlla é moi produtiva e pode acadar niveis moi altos de abundancia local. Os eventos de alta concentración de xuvenís poderían ampliar a área habitual de recrutamento máis preto da costa.  

Vulnerabilidade dos xunevís

A proximidade de xuvenís á costa fai que sexan altamente vulnerables. A presenza de agregacións xuvenís localmente supón un perigo para a especie a causa de: varamento de exemplares coa baixamar, capturas accidentais secundarias en aparellos de pesca artesanal, capturas en pesca deportiva, entrada en portos e augas de baixa calidade, manipulación por parte de bañistas.  

Foron observados mortos, tan só neste mes de agosto, o 50 % dos rexistros de exemplares observados nas praias, que ata agora foron 40.  

Manexo

Os xuvenís de quenlla son inofensivos e non van a achegarse a nada vivo que sexa máis grande ca eles, pero hai que manter sempre precaución, deixalos tranquilos se se achegan á beira do mar, devolvelos ao mar se varan vivos, colléndoos cunha toalla e non pola aleta caudal para evitar que se revolvan.  

Caso de achegarse moitas a un areal, alertade sempre aos socorristas e permanecede atentos ás súas indicacións, se o consideran, evacuarán a beira do mar como prevención. Non hai perigo, pero tampouco se poden arriscar a que haxa calquera problema. Eles son os profesionais xestores da seguridade no areal.  

Protocolo de actuación

Alertar sempre do que se observa: 112 (chamada gratuíta) ou ao teléfono da Rede de Varamentos mediante chamada ou wassap con foto (686989008), ambos activos 24 h. É importante facer seguimento de onde se atopan para avaliar ou previr situacións de risco e alertar simultaneamente aos socorristas se están na praia.  

Se o exemplar está varado morto, facer foto xeral e foto ventral, medilo a pés (un tras outro) e trasladar número de pés e número de calzado. Se é posible retiralo a un contedor de lixo, en praias moi concorridas, para evitar duplicidade de rexistros.  

Se está varado vivo collelo cunha toalla e devolvelo ao mar.  

Se entra nunha liña, liberalo vivo, con coidado.  

Sensacións

Cabe a posibilidade de que a variación dun grao (1ºC) na temperatura ambiental, máis ou menos, non supoña cambio ningún para as persoas humanas, nin nos preocupe nin moito nin pouco, mesmo a pesar da alegría de quen di que así, non sei que vantaxes temos a efectos do baño, turismo, etc. Mais se esta situación introduce na nosa vida unha palabra como escualo (seláceo, quenlla) a mente da xente trastorna, pois o que ven ao seu imaxinario é terrible, horroroso, incerto, insoportable.  

Aínda é cedo para saber se a costa de Galiza pode ser considerada como un área de cría para a especie, fai falla recompilar máis información científica durante aínda tempo, mais todo apunta a que o fenómeno se vai repetir nos anos vindeiros. Cómpre informar e divulgar, tranquilizar os usuarios e aprender a convivir, unha vez máis, coas consecuencias do cambio climático planetario.