Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
15-08-2019

Imos tratar de dar una explicación da orixe deste nome para as COMPOSTELÁS que non son Santiago; e para esta, darémoslle un tratamento tan especial como merece.

O nome de Compostela: lindando co mito…

CÉSAR VARELA GARCÍA

Ademais da COMPOSTELA santiaguesa, temos alomenos seis lugares que locen o mesmo nome : na Mezquita, Lovios, e  A Merca, pola parte de Ourense, outra en Melide ; e aínda temos que engadir unha COMPOSTELA mais, no Bierzo, hoxe castelanizada en “Compostilla” e a praia chamada, da COMPOSTELA, en Vilagarcía de Arousa.

Imos tratar de dar una explicación da orixe deste nome para as COMPOSTELÁS que non son Santiago; e para esta, darémoslle un tratamento tan especial como merece.

Nos vellos documentos da catedral de Ourense aparece a palabra COMPOSTA nun contexto de pagamentos de foros; velaí una mostra dos orixinais:

1310.- “Joan Pineyra… afora..por cuatro moios e un puzal de viño,…e non colleredes composta en este herdamento u me derdes este vinno”.

1340.- Foro a Joan Lourenzo de viña e monte en Coyña, que plante o monte en cinco anos e pague cuarta  “do viño e da composta”.

1342.-… Celeyroo vende dous moios de viño cada ano, “ sen composta, por cuarta dereyta…”.

1350.-..Foro de unha viña, por tercia, “a composta ena viña e o viño no lagar”.

1400.- Foro dunha viña, por “cuarta de viño e composta,…”

A fórmula repétese sempre : o imposto do viño pagábase “na bica do lagar”  e a “composta”, pagábase na viña.

Algún investigador supuxo que se trataría da ramallada ou estrume que fica despois de facer a vendima, pero a nós non nos parece que semellante menudencia fose suceptíbel de pagar una parte do foro.

Se reparamos na redacción doutros documentos semellantes, se cadra feitos por outro letrado, xa muda un pouco, vexamos:

1214.- “…quintam partem tam de vino qam de grano”.

1215.- …detis medietatem de vino ad lagari,… de pana IIIIª ad aream, de fructibus arborum, IIIª. ( .. de pan 4ª na eira, e de frutos das árbores, 4ª… ).

1380.- Foro en S. Miguel de Rosende,…. “e diades … quarta de temporao e terça do seródeo na ayra,et quarta de vyno aa bica do lagar”.

1405.-…Foro por condiçón que dia “ terça do vino aa bica do lagar e terça de temporao e quarta de serodeo e terça dos froitos e de castañas cada ano en miña vida”

1407.- “ et nos diades,..quarta de toda graa que Deus ý der, ena eyra, et por orto et por lino e por nabal e por froita e por todalas outras cousas que Deus ý der,…”

Como se ve o imposto do viño segue pedíndose “ á bica do lagar”, pero xa non falan de “composta” senón de outras producións sobre todo cereais, “temperaus” e “ serodios”, amén de liño, nabal, castañas e demais  froita.

Isto lévanos a deducir que o que para algún amanuense era o conxunto de outros produtos agrícolas, diferentes do viño, suceptíveis de pagar un foro;  era designado como “a composta”, por outros escribentes.

O sentido da palabra era ben lóxico: CON- PONERE, ou sexa, “ poñer en conxunto”.

É dicir: o foro do viño, que sempre ía diferenciado, e o resto da produción agrícola, que era nomeado como “COMPOSTA”.

Así o foro especificaba : diades unha terça de viño e unha quarta do resto, ou sexa da “ composta”.  

De aí, xa deducimos nós que unha “COMPOSTEDA”, sería un predio rústico que non era viña exclusivamente, senón que producían produtos mais variados; podían ter algo de “seara” , algo de “orto” etc…

Lemos no Corominas:

COMPOSICIÓN: “reparto de una propiedad rústica en diferentes cultivos; Avilés, ano de 1725.

O paso de COMPOSTEDA  a COMPOSTELA debeu ser como o paso de ERVEDEDO a ERVEDELO; de aí que o –ELA non sería diminutivo senón un sufixo abundancial.  

Despois de estudar as COMPOSTELAS así chamadas explicitamente, aínda somos tan ousados de propor que este nome está disimulado na media ducia de CONSTENLAS que figuran por terras de Carballo, Cuntis, A Estrada, Meaño, Teo e o Val do Dubra.

O camiño puido ter sido o seguinte:

COMPOSTANELA > COMPOSTENLA  (como Fontanela > Fontenla) > COMP´STENLA > CONSTENLA.

Esta relativa abundancia do topónimo estaría xustificada polo común que debería ser o feito de ter eidos adicados a  variados cultivos.

A Compostela mítica.

Para explicar o nome da COMPOSTELA de Santiago, os eruditos trataron de entendelo como a orixe dunha cidade “feitiña”ou “ben composta”.

Claro que nas outras COMPOSTELAS, non hai rastro de cidade algunha na contorna.

Tamén temos escoitado a posibilidade do enterramento de Prisciliano e os seus discípulos no ARCO MARMÓRICO do Libredón.

Poderíamos incluír aquí a explicación que demos para as demais COMPOSTELAS do País, pero dado o difícil que é construír e manter un mito durante tantos anos, neste caso; temos que ter un respecto!

Xa pensáchedes no traballo que levaron os escoceses en construír o invento do monstro do Lago Ness, e o rendíbel que foi o resultado?; e os mitos de D. Quijote, Sherlock Holmes, o mago Merlín, etc…?

E os mitos do Reis Magos, e o do Pai Natal? Canta ilusión colocan os meniños en tal día? E o felices que son os fabricantes de brinquedos que viven á conta desa ilusión!

O mito de COMPOSTELA ten moitos anos de antigüidade, até dispón dunha guía como é o Códice Calixtino; atrae milleiros de persoas a este Fisterra, co contente dos taberneiros do Franco, que son todos do Val do Dubra, da Sé Compostelana, dos deáns, sochantres e  demais electricistas da catedral.

Non desprecemos as fantasías; se cadra, máis dun noventa por cento das obras humanas baséanse nas nosas elucubracións psicolóxicas.

Sexamos prácticos, e deixemos a nosa materialista teoría do nome de COMPOSTELA antes exposto, para as COMPOSTELÁS, ourensás e demais.

A orixe do nome de Santiago de COMPOSTELA debe ter una interpretación aparte; xa o di a palabra: CAMPUS STELLAE; que se explica porque no seu día, neste lugar aconteceu un milagre;  no monte apareceron unhas luces ou estrelas que baixaron do ceo e delataron o lugar dun enterramento ou ARCO MEMÓRICO; a partir de aí nada volveu a ser como denantes!