Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
04-02-2019

O seu labor tiña o obxectivo de dar a coñecer algunhas das moitísimas cantigas de Afonso X aínda inéditas

Miguel Morayta Sagrario: un precursor no estudo das cantigas de Afonso X O Sabio

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


Era Miguel Morayta Sagrario (1834-1917, futuro catedrático de Historia Universal da Universidade Central, relevante republicano e Gran Mestre do Gran Oriente Español), aínda un mozo de 22 anos, recén nomeado profesor auxiliar de Metafísica da Universidade Central, cando publica a súa primeira contribución ao estudo das Cantigas de Santa María. Pensábase que o fixera inicialmente no xornal madrileño La Discusión. Diario democrático, baixo o título de “Las Cantigas de don Alonso el Sabio” (nº 175, 25-9-1856, p. 1-2; nº 178, 28-9-1856, p. 1-2; nº 183, 4-10-1856, p. 1-2 e nº 189, 11-10-1856, p. 1-2). Mais por unha pista que nos proporcionou un artigo de Fr. Julián Zarco Cuevas (“Catálogo de los manuscritos catalanes, valencianos, gallegos y portugueses de la biblioteca de El Escorial”, Boletín de la Academia de la Historia, xullo-setembro de 1931. pp: 65-224, p. 170), que dicía que Morayta tería publicado un artigo titulado “Cantigas de Alfonso el Sabio” na revista La Razón, -revista que tivemos a fortuna de poder localizar-, descubrimos un novidoso dato. Efectivamente, en La Razón. Revista política, filosófica y literaria, -da que fora cofundador Morayta xunto con Francisco Pi y Margall e outros, e que se imprimía no obradoiro de Juan Compañel-, non “hacia 1863”, como afirmaba Zarco, senón no tomo I, de 1856, baixo o nome de Miguel Morayta del Sagrario, publica o artigo “Las cántigas de D. Alonso el Sabio” en dúas entregas: p. 412-428 (que se correspondería cun nº do 14-9-1856), e p. 443-464 (nº do 29-9-1856). Por tanto, esta publicación en La Razón (descoñecida pola crítica) é lixeiramente anterior á da La Discusión, mais os textos son idénticos.

Na primeira entrega explica que o seu labor tiña o obxectivo de dar a coñecer algunhas das moitísimas cantigas de Afonso X aínda inéditas, presentándoas en formato de pequeno estudo porque “si salieran solas, es posible que nadie las leyera, y creyéndolo así he puesto en orden algunas noticias, sin otro fin ni propósito que llamar la atención de los editores sobre este libro, que permanece y permanecerá mucho tiempo inédito”.

Nesta serie de artigos Morayta manexa a bibliografía coñecida nese momento, describe os códices existentes e o número de cantigas que recollía cada un, fai diversas consideracións temáticas e estilísticas e pregúntase polas razóns que puido ter Afonso X para escribilas en galego.

Neste sentido, discrepa da afirmación de Tomás Sánchez de que “las veces que han usado en sus canciones y sátiras de esta lengua, lo han hecho por juguete, por diversión, por pasatiempo, por capricho, por extravagancia, por mal gusto, y finalmente, como decidores y trobadores, no como poetas”, porque o monarca tería criterio abondo para non lle fosen aplicables esas palabras. A pesar diso, non se atrevía a asentir coa opinión do Pai Martiño Sarmiento, “que con las autoridades del marqués de Santillana, Argote de Molina y Terreiros, sostiene que esto se explica por la preponderancia de la literatura gallega sobre la castellana”, crendo que podían existir outras causas que achegasen algunha luz.

Unha das posibles razóns que explicarían a forza do galego era o “sentimiento de localidad” que predominaba nos tempos medievais, sendo reinos que só en momentos de inmenso perigo axuntaban esforzos para combater ao enemigo común. Costumes, leis, linguaxe, eran distintas en cada localidade. E sendo a linguaxe o que máis aprezaba e o último que perdía un pobo, “natural es que al tiempo que los castellanos sostenian y perfeccionaban su dialecto, sostuvieran los gallegos el suyo con igual perseverancia, y mayormente cuando Galicia era una de las regiones más importantes de la Península, y que más orgullosa debía estar de su poder y de su influencia”.

Outra razón puido ser a grande importancia do galego, “indudablemente más perfeccionado que el castellano, si no por sus trabajos, por su mayor antigüedad”. Puidese probarse ou non que antes de Afonso X existise unha literatura galega, como deducía Sarmiento das palabras do marqués de Santillana, o certo para el era que unha obra tan puída e perfecta como o Libro de los milagros y loores de Santa María, supoñía unha lingua moi traballada e de grande antigüidade. Comparando calquera das cantigas co poema do Cid, de Fernán González e aínda coas obras de Berceo, “o deduciremos que el castellano es menos a propósito que el gallego para la poesía, lo cual no es cierto, o tenemos que convenir en su mayor perfección; y una lengua es más ó menos perfecta según la importancia y número de las obras en ella escritas”.

Recoñecendo non ter coñecementos nin estudos suficientes para afirmar a prioridade do galego sobre o castelán, concorda con Feijoo en que a lingua lusitana e galega debían ser consideradas dialecto separado da latina, e non subdialecto ou corrupción da castelá,  proposición que se probaba ante a evidencia de que tiñan maior parentesco co latín. Quen tivese coñecemento desas linguas non tería dúbida de que, polo xeral, as voces latinas dexeneraran menos na portuguesa, cousa que non acontecería se a lingua portuguesa fose corrupción ou subdialecto do castelán, “siendo cierto, que con cuantas más mutaciones se aparta una lengua de la fuente, tanto más se aleja de la pureza de su origen”.

Morayta suxire máis posibles razóns: a longa presenza dos suevos nesas provincias, non ter tido os musulmáns asento fixo nin reis ou dominación estable en Asturias e Galicia, a concorrencia contínua de xentes de toda Europa a visitar o corpo do Apóstolo; os matrimonios das fjllas de Afonso VI cos condes Ramón e Henrique de Borgoña… Afirma que o galego-portugués falábase nun amplo territorio, tendo tamén claro que esta lingua “tuvo su origen en Galicia y que pasó a Portugal por ser la provincia dominada”, e que se só se mantivo nese país foi porque “en Galicia faltaron medios para la conservación y cultivo de una lengua, desde que formada nuestra nacionalidad, entraña un nuevo espíritu la potente civilización española”. Por tanto, o desenvolvemento do galego, as súas cualidades peculiares, o espírito de localidade e as aspiracións de Afonso X de cultivar todas as ramas da literatura, “fueron quizá causa bastante, a que olvidando la preferencia que le merecía el castellano, vertiera sus poesías en lengua gallega. Profundizando las proposiciones de Sarmiento, tan rudamente combatidas por Sánchez, no sería difícil hallar otro motivo de mayor entidad que diera completa luz sobre esta cuestión, que hasta ahora nadie ha resuelto”.

É obvio que Morayta, coma os seus predecesores, non podía coñecer neste momento a importante literatura profana galaico-portuguesa, á que aludira o marqués de Santillana; de aí a súa prudencia. Teñamos en conta que aínda en 1823 publicárase en París, -agás uns fragmentos aparecidos despois- o Cancioneiro de Ajuda, por Charles Stuart Rothsays (Fragmentos de hum Cancioneiro inedito que se acha na Livraria do Real Collegio dos Nobres de Lisboa), nunha edición de 25 exemplares só ao alcance duns poucos eruditos. Uns anos despois, Francisco A. de Varnhagen publicou unha nova edición (Trovas e cantares de um codice do XIV seculo: ou antes, muí provavelmente, "o Livro das Cantigas" do Conde de Barcellos (Com dois facsimiles), Madrid, 1849), mais non sabemos a tiraxe e difusión que puido ter. E pasarían dúas décadas para que visen a luz edicións do Cancioneiro da Vaticana e o Colocci-Brancuti.

Uns anos despois do seu primeiro artigo, e baixo o título de “Cantigas de D. Alfonso X” (Revista Ibérica de Ciencias, Política, Literatura, Artes e Instrucción Pública, Madrid, xullo-setembro de 1862, p. 304-310 e 468-473), publicará varias máis, sen figurar o autor. Na introdución, sinalábase que a revista estaba dedicada especialmente a estreitar relacións con Portugal; por iso coidaban que se agradecería a publicación dalgunas desas composicións, inéditas ata ese momento, -coma case todas as 400 cantigas que escribira Afonso X- e que, pouco coñecidas e aínda menos estudadas, representaban un dos momentos máis importantes da historia literaria hispana. Escritas en galego, dialecto ou lingua que apenas se diferenciaba naqueles tempos do portugués, “son a la vez que un monumento de inmenso valor para nuestras letras, un objeto necesario de estudio para Portugal”. Constituían, ademais, “una obra de gloria internacional”.

Nas súas antípodas ideolóxicas, Marcelino Menéndez y Pelayo, nun artigo de 1895, louba e recoñece o labor pioneiro dos estudos de Morayta sobre as Cantigas, cuxo valor e importancia era imposible xulgar mentres non estivesen totalmente impresas:

“Con los bríos de la mocedad y con caudal más positivo de conocimientos literarios, derivado principalmente de la enseñanza de Amador de los Ríos, quiso hacer otro tanto nuestro compañero de profesorado don Miguel Morayta, que ojalá hubiera perseverado en tales estudios, para los cuales mostraba no vulgares disposiciones. Morayta, por los años 1864 a 1865, tenía ya copiada una gran parte de las Cantigas y meditaba publicarlas todas; y aunque naturalmente hubo de fracasar su proyecto ante invencibles dificultades materiales, basta leer los extractos y artículos que por entonces publicó en La Reforma, en la Revista Ibérica y en otros periódicos, y que son de lo más discreto y formal que hasta entonces se había escrito sobre la materia, para no regatearle el título de iniciador donde tan pocos hay que citar. Sólo a un olvido podemos atribuir la omisión de su nombre en el prólogo de la edición académica de las Cantigas…”. (“Las Cantigas del Rey Sabio (continuación)”, La Ilustración Española y Americana, Madrid, 8-3-1895, p. 143-146). Menéndez y Pelayo refírese neste artigo á primeira edición do libro de Leopoldo Agustín de Cueto, marqués de Valmar, Estudio histórico, crítico y filológico sobre las cantigas del rey don Alfonso el Sabio, publicado en Madrid pola Real Academia Española en 1889, que acompañaba á edición das Cantigas.

A referencia de Menéndez y Pelayo á Revista Ibérica confirma que, aínda que non os asinase, eran de Morayta os artigos coas cantigas que antes citamos; identificación tamén ratificada por Joseph Snow (The poetry of Alfonso X, El Sabio. A critical bibliography, Londres, 1977), que cita na p. 22 a publicación na Revista Ibérica e, nas p. 113-114, os artigos en La Discusión: “Aunque son más los bocetos que los estudios, estos artículos son los primeros en evaluar seriamente la obra literaria de las CSM”. Descoñece o editado en La Razón.

Tamén é interesante o dato que achega Menéndez y Pelayo de que Morayta publicara máis textos en La Reforma. Non puidemos consultar ningún exemplar, mais sabemos que se editou entre o 1-10-1865 e o 25-11-1869: nese período, pois, terían sido publicadas novas achegas sobre as Cantigas. Quizais algún día se poidan localizar.