Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-12-2018

Non podo celebrar que a monarquía fose imposta como forma de Estado desde que, en 1947, o Ditador se arrogou a elección do seu sucesor a título de rei

Corenta anos de Constitución

EDUARDO ÁLVAREZ


Non encontro motivos para celebrar esta Constitución que naceu do franquismo sen romper con el.

Non me uno a este aniversario porque nas eleccións constituíntes de 1977 foron vetados partidos políticos declarados ilegais por defenderen o rupturismo e, en cambio, o propio monarca designou directamente o 20 por cento dos senadores que participaron nos debates e aprobaron o seu articulado.

Como galego, non podo bendicir esta Constitución que posterga o status da miña lingua con subordinación á española nin comungo con que a intanxíbel e indisoluble unidad de la Nación española a anteceda e lle sirva de fundamento xurídico
Non podo celebrar que a monarquía fose imposta como forma de Estado desde que, en 1947, o Ditador se arrogou a elección do seu sucesor a título de rei.

Tampouco estou de acordo con que as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa Católica convertan de facto en confesional un Estado que sufraga cos seus impostos o ensino desta relixión e os salarios do seu clero.

Maldigo esta Constitución que consente a violación de dereitos humanos e de liberdades públicas e que proclama dereitos sociais e económicos sen forza normativa.
¿Como vou celebrar unha Constitución que, no referido á unidade territorial e á forma política do Estado monárquico, impide na práctica a súa reforma e, en cambio, a permite polo procedemento de urxencia e de lectura única para consolidar o neoliberalismo que propugna a liquidación do Estado do benestar coa redución do gasto público e a submisión aos acredores internacionais?