Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
10-10-2018

Que unha formación que vén a representar un revival da vella Fuerza Nueva logre reunir dez mil persoas na capital do Estado, pode causar moitas cousas pero non sorpresa

Vox como síntoma

XABIER PÉREZ IGREXAS


O feito de que a nova marca da ultradereita española, Vox, congregase arredor de dez mil persoas nun acto público en Madrid, brindoulle unha desmesurada atención mediática que permitiu a esta formación amplificar sobremaneira o seu discurso reaccionario. Esa cobertura motivou críticas e debates arredor do papel dos medios sistémicos, obviando que en efecto estaban a exercer o seu papel como altofalante dunha opción que historicamente ten sido sempre funcional aos intereses do grande capital: o fascismo.

Hai xa ben anos, a economista Miren Etxezarreta alertaba, ou máis lembraba, como a clase dominante en contextos de crise tiña utilizado o fascismo, e mais a guerra, como instrumentos ao servizo da salvagarda dos seus propios interese. Esta crise non ía ser diferente. De aí a emerxencia e promoción de movementos “populistas” e chauvinistas. De Trump a Salvini. De Le Pen a Orban. Con acentos e matices diferentes, mais interpretando unha mesma e xa coñecida partitura: xenofobia, autoritarismo e unha visión reaccionaria e retrograda da sociedade. Vox é unha expresión, a moita menor escala, desa vaga de neofascismo.

No caso español, a crise estrutural do capitalismo que atravesamos e que ameaza con se cronificar, deveu tamén nunha crise de réxime político, que debilitou e puxo contra as cordas o statu quo xurdido do pacto da Transición. De aí, que máis unha vez o fascismo se artelle sobre unha concepción profundamente españolista. Negadora da diversidade nacional e violentamente uniformadora.

O discurso de Vox é apenas a expresión sen filtros nin imposturas do mesmo sustrato ideolóxico ao que obedecen o Partido Popular ou Ciudadanos, e antes UPyD. Pivotando sobre a cortada do políticamente incorrecto, expresan en voz alta e con formulacións máis contundentes o mesmo relato que paira sobre o discurso das outras dúas patas do chamado centro-dereita español.

Que unha formación que vén a representar un revival da vella Fuerza Nueva logre reunir dez mil persoas na capital do Estado, pode causar moitas cousas pero non sorpresa.  Oxalá a base social do españolismo máis descarnado fose tan cativa! No entanto, dese éxito de convocatoria podemos tirar varias conclusións. En primeiro lugar, que a orfandade política de amplas capas sociais duramente castigadas pola crise e mais as políticas de saqueo, supón un espazo de oportunidade para o fascismo. A ausencia dunha alternativa transformadora/emancipadora en España, para alén da impostura do novo reformismo socialdemócrata de aparencia rupturista, contribúe a ensanchar ese espazo. Segundo, visa a crecente polarización social provocada pola crise do réxime. “La España de los balcones” ou o “a por ellos”, son un combustíbel fantástico ao servizo da ultradereitización. E terceiro, agroma até a superficie o pouso sociolóxico e ideolóxico que a non ruptura democrática posibilitou. Ese franquismo de baixa intensidade, latente, que agora xa se atreve a expresarse sen disimulos.

Diante deste fenómeno cómpre non caer nin na infravaloración nin en sobrevalorar o seu alcance. Tampouco optar pola indiferenza ou a negación. Co fascismo non funciona nunca a contemporización. Hai que confrontalo democraticamente. Como se combate o cancro desde os primeiros síntomas. Para evitarmos o risco dunha metástase que nos faga retroceder na liña do tempo. Confrontar desacomplexadamente e con firmeza no debate político, indo á raíz cínica e falsa do seu relato demagóxico. Pero tamén, ofrecendo unha alternativa sólida e consistente a quen, por pura desesperación, xa non traga con máis aggiornamento político.

O fascismo nunca acabou de marchar e agora axexa desquiciado. Hai que cortarlle o paso, antes de que sexa tarde.