Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
24-09-2018

Xorden voces e hai intentos que, desde unha posición española e/ou españolista, revisionista dos mitos do pasado, pretenden reestruturar a visión de como foi en realidade

Até onde pode chegar un españolismo crítico coa versión histórica do pasado?

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


A parcialidade manifesta, a ocultación intencionada e mesmo o roubo que se practicou e practica con aleivosía dirixida a consagrar o mito da nación española como enraizada nunha tradición e historia de longo avoengo que representaría Castela, non é contestada xa só pola historiografía nacionalista ou das nacións sen Estado, en maior ou menor medida. Agora xorden voces e hai intentos que, desde unha posición española e/ou españolista, revisionista dos mitos do pasado, pretenden reestruturar a visión de como foi en realidade, en concreto o medieval. Un dos casos recentes, que mereceu o Premio Internacional de Ensaio Jovellanos, é o de Juan Pedro Aparicio co seu Nuestro desamor a España (2016). Neste libro, o xornalista, novelista e ensaísta leonés, acomete unha reivindicación do papel orixinario, central e protagonista do que el denomina  reino de León medieval, e o que significaba desde o punto de vista dunha potencial concepción de España. O que máis nos interesa a nós é a súa revisión da historia en clave de facer valer a verdade. Pois ben, esta loábel intención que, efectivamente, dota o libro dunha forte carga de desmitificación de como se conta a historia peninsular sobre a Alta Idade Media, é incapaz de constatar o que a propia bibliografía que usa, revela, embora non asuma: a existencia do reino de Galiza e a súa entidade política, económica, social e cultural, xustamente no momento que el considera cénit, o dos reinados de Fernando II e Afonso VIII (para el, naturalmente IX), convertidos en reis exclusivamente de León. Os testamentos, diplomas, cartas e privilexios que el considera base de toda historia fiábel, desautorizan esta eliminación de Galiza.

Desde logo non actuou con tanta desconsideración quen el considera un “exemplo excepcional” de historiados fiábel, Julio González, nado en Palencia en 1908 e morto en Madrid en 1991, no que bebe para escribir o seu ensaio, en particular sobre os reinados que nos ocupan. Cabe destacar, ademais, que, sen enfrontar a mudanza do deseño teórico oficial, este historiador analizou a época destes reis privativos de Galiza e León, constatando sen ambigüidades, desde un deseño interpretativo oficialista, o que os documentos evidencian: o reino de Galiza existía e  era o de maior entidade. Nela estaba o poder político-relixioso, o diñeiro, a demografía, a relevancia cultural e artística. Era o reino que representaba o maior polo de atracción e de identificación afectiva para estes monarcas. Os máis de setenta anos que comprenderon os reinados destes reis de Galiza e León están analizados, efectivamente, en dous dos seus libros publicados en 1943 e 1944 , “el relato mejor documentado y más completo que se conoce de unos hechos que vinieron a desembocar en la práctica desaparición de lo que el reino de León significaba como entidad independiente” ( Aparicio, 2016: 200-201). Xa se ve a capacidade de eliminación que empregan con Galiza mesmo desde a españolidade crítica que presume de revisar a historia dominante e falsificada. Neste aspecto, Aparicio desatende as continuas observacións que Julio González fai, con base documental, non por propensión a unha proclividade galaica, sobre a entidade política do reino galego e a identificación destes  reis co reino de Galiza. A porcentaxe de documentos emitidos, as estadías dos reis, a primacía dalgúns nobres galegos, a supremacía da Igrexa de Santiago, a proliferación de foros para as vilas mercantís da costa e do interior fan de Galiza a referencia política central…Baste con dicir que na catedral de Santiago están soterrados e que a culminación da súa construción e, en particular, a do pórtico da Gloria, a eles foi debida, como manifestación de esplendor dos seus reinados.

O ensaio de Aparicio presta especial atención ao significado de Afonso VIII (IX para el) subliñando que foi excomungado tres veces. Engade, ademais, unha serie de constatacións-valoracións que subliñan como o seu modelo económico-social significou un avance dentro do sistema feudal, en defensa dereitos económicos do reino e dos seus habitantes: “antecedente de los presupuestos generales del Estado” (Aparicio, 2016: 202), reforzo da presenza popular nos concellos e en todo tipo de institucións, como a curia extraordinaria ou Cortes de 1188, ao inicio do reinado, considerada unha asemblea con grande capacidade de decisión política,  ou a dinamización da vida económica. Un rei así non gustaba en Roma, xulga correctamente o ensaísta, quen informa de que, alén de ser tres veces excomungado, o seus reinos sufriron tamén o interdito papal. Para valorar o que isto significaba, Aparicio non recorre a Julio González, pois comprende que debeu ser cauto, tendo presente que escribía no contexto do franquismo máis confesional e dogmático. Acode a como describe Dan Jones (2012)  o que supuxo e excomuñón de Xoán sen Terra en Inglaterra e o interdito do reino, pola mesma época: "Si la excomunión de un rey  era cuestión gravísima, el interdicto era una sentencia aún más terrible porque prohibía todos los servicios religiosos, impidiendo el acceso a los recintos sagrados a la entera población. La sentencia era indefinida, y podía durar tanto como el papa quisiera. De modo que, mudas todas las campanas, un silencio absoluto cayó sobre los dominios del rey. Los servicios eclesiásticos cesaron y el ritmo de la vida quedó suspendido. Sólo se permitía la confesión, la extramaunción de los enfermos y el bautismo de los niños. Por doquier  las iglesias permanecían cerradas y los sacerdotes parados. Los matrimonio se celebraban en los pórticos y los muertos eran enterrados extramuros de las ciudades, en zanjas abiertas en las cunetas, sin sacerdote que oficiara. Inglaterra sufrió una especie de Coventry espiritual" (Aparicio, 2016: 203). No caso dos reinos de Afonso VIII (IX para eles), as consecuencias estiveron, seguramente, algo máis mitigadas pola posición dunha parte importante da xerarquía eclesiástica que estaba identificada, nalgúns aspectos básicos, coa política do rei, especialmente no reino de Galiza. Seguiron de forma máis relaxada o interdito. Porén, non cabe dúbida de representar, co recurso á relixión, un importante factor de lexitimidade, unha forma de presión insoportábel e unha ameaza para  a estabilidade do reino, da dinastía reinante e do rei, que non era posíbel confrontar naquel contexto histórico.

Aparicio ten capacidade e disposición para constatar que o Papa Inocencio III  foi máis indulxente co matrimonio de Afonso VIII con Berenguela de Castela, do que fora antes Celestino III co do mesmo rei coa infanta portuguesa Tareixa. Tamén as ten para decatarse de que, no primeiro caso, por considerarse incestuoso, se lazou unha excomuñón para os cónxuxes, pero só o interdito para os reinos de Galiza e León, non para Castela, como se fixera co segundo, que, alén da excomuñón para os contraentes do matrimonio, significou o interdito para os reinos que o patrocinaban, o de Galiza e León, e o de Portugal. Proba inequívoca de cal era a estratexia e os obxectivos do Papa na Península: axudar á hexemonía de Castela, como reino que unificase o resto, por ser o elixido como garante da cruzada contra o mundo musulmán e modelo socio-político a seguir. E imaxina cal debeu ser a reacción de Roma perante os Decreta de 1188 asinados por Afonso VIII, a teor da habida contra a denominada Carta Magna inglesa anos máis tarde: “…considerados a buen seguro una auténtica extravagancia, aunque con matices subversivos, de un reino esquivo, muchas veces incomprensible, situado además en el Finisterre, que osaba competir incluso con la misma Roma merced al reclamo poderoso de Compostela entre los peregrinos” (ibidem, 237). A verdade é que estas palabras axexan a realidade do reino de Galiza, á vez que o asimilan sen miramentos ao de León.

Non imos ser nós quen discrepemos da interpretación de Aparicio sobre o ascenso de Fernando III ao trono dos reinos de Galiza e León, após ser xa rei de Castela, nunha unidade monárquica, ditada polo Papado e ao servizo dunha idea de unidade con hexemonía de Castela e da cruzada contra o mouro, representar a “primera matrioska do nacional-catolicismo español” (ibidem, 253). Tampouco da tese do concepto de representación aparecer máis claro aínda que nas cortes de abril de 1188 na grande curia de 1208, con máis clara representación dos concellos, e a repetición das mesmas, o que significou que, no reinado de  Afonso VIII (IX deles), “se  incrementaron las clases libres no privilegiadas” (ibidem, 254).  E moito menos de todas as intrigas, fraudes, extorsións que o reino de Castela, con axuda do Papa, e co protagonismo da raíña Berenguela, nai de Fernando III, artellou para lograr facer a este, rei de Galiza e León. Co que discrepamos abertamente da análise de Aparicio é coa súa absoluta entrega á eliminación do reino de Galiza, asimilándoo a León, e a apropiación indebida, por exclusiva e tendenciosa, duns reis que, como mínimo tiñan unha identificación vital cun proxecto político no que Galiza era a entidade política de máis peso, e Portugal unha referencia familiar e de orixe coa que había que reintegrarse.

Neste aspecto, o seus ensaio pretende evocar unha posíbel hispanidade ou españolidade que representaría o reino de León, cuxa evolución libre se encamiñaba á convivencia democrática  por se fundamentar  nunhas aspiracións máis populares, menos confesionais no campo relixioso e máis tolerantes, en contraste cunha Castela tardía, que aspira a ser dominante e hexemónica por ser o instrumento ao servizo do Papa e dun modelo social máis oligárquico. Porén, Aparicio non é capaz de superar un dos cernes da españolidade que o hexemonismo castelán foi asentando, o  natural desprezo e ocultación de Galiza, no campo da historia, que traduce unha indisposición total a recoñecer  a plurinacionalidade do Estado, a existencia de nacións ou pobos diferentes dentro del, con especial quebranto e prexuízo para Galiza. Como corolario, un antinacionalismo militante (enténdase, hostilidade á existencia e reivindicacións de cataláns, vascos e galegos) e unha incomprensión de cal é unha das eivas democráticas máis graves do Estado español. Por onde, queréndoo ou non, camiña xustamente polo funil das matrioskas, do xogo tal e como está estabelecido pola tradición española.

Na súa desmitificación e crítica de como se fixo ou logrou a hexemonía de Castela na Idade Media, pondo de manifesto a prelación histórica e o significado positivo do que denomina reino de León, obvia a existencia do reino de Galiza e a súa importante entidade política, mesmo tratando con certo detalle o papel de reis como Fernando II e Afonso VIII (para el IX). E faino contra as evidencias documentais e desatendendo unha parte da información que a súa fonte bibliográfica básica lle fornecía. Por que? A única explicación é que se toma como natural que Galiza non sexa obxecto de predicación porque non somos ninguén, e o pasado debe estar conforme con este aserto. O que, tratando a cuestión que Aparicio trata, é como substituír a entidade de maior envergadura política e riqueza pola de menor. A operación esixe unha cegueira superior e, sobre todo, unha predisposición a, aparentando discrepar do deseño histórico oficial, tratar de mantelo no que afecta á principal vítima del. A operación estaría só destinada a discutir quen foi realmente, dentro da nación española, o reino que representaba historicamente a posibilidade e viabilidade dunha España digna do amor de todos os españois, democrática e plural, sen pasarse, claro. Distanciarse dun españolismo rancio sen aceitar o pluralismo nacional real. E, sobre todo, non favorecer que a historia dunha nación dominada e oprimida deixe de cumprir a función de convidado de pedra nunha historia que escriben outros, que chegan mesmo a presentar como deles a que nos pertence.

Dito todo isto, tamén sería boa unha reflexión sobre a forma de proceder interna na Galiza coa nosa historia. Non cabe dúbida de a nosa indolencia, desleixo e conivencia, cando non identificación entusiasta,  cunha visión do pasado medieval aberrante, da que somos os principais damnificados, favorecer e xustificar mesmo a natural eliminación que se fai do país, sexa cal for a versión, a da Castiespaña que chama Aparicio ou a súa, Progrespaña, que cualificaríamos nós. De feito, a versión que se ofrece aos visitantes no Centro de Interpretación Histórica del Reino de León, desta cidade,  non só non  fala para nada de Galiza como reino, moitas veces con reis partillados con León, senón que exhala por todas partes un especial coidado en que a palabra Galiza non apareza. Chégase ao descaro de os mapas ou os paneis informativos daren como natural  as cidades como Compostela, Lugo ou A Coruña seren do reino de León. Aliás, úsanse as miniaturas dos tombos de Compostela sen o menor pudor, pois das súas representación reais e dos seus documentos non se deriva ningunha consecuencia política sobre a entidade de Galiza. Todo o máis chega a admitirse nunha contada e controlada vez que Compostela era  a capital espiritual do reino de León. Postos así, digamos que se trata dunha pequena concesión a unha Igrexa da que na  Historia Compostelá se di que o emperador Afonso VII recoñeceu como “cetro e capital do seu imperio”.

Resumamos a cuestión. Deixemos que sexa Aparicio quen exprese directamente, sen complexos, a natural eliminación de Galiza e a dose respectiva de apropiación indebida da nosa historia, coa fachenda excluinte a que nos teñen habituados, co beneplácito submiso de dentro. "El reino de los suevos sobre el que se superponía  casi exactamente el reino de León..." (Aparicio, 2016: 147) di, aludindo a un antecedente que non se ten nunca en conta na historiografía oficial, segundo el. Por outra parte, referíndose a unha carta do Papa Grgeorio VII a un bispo de Burgos, encomendándolle que axude a unha mudanza de rito "per totam Hyspaniam et Gallitiam", aclara sen rubor: "Esa Gallitiam era sin duda el reino de León". Eles téñeno claro. E nós?