Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
01-05-2018

Non nos estrañemos se asistimos a un novo intento de “movemento democratizador”, “revolución de cores” “primavera nicaraguana” etc...

O de Nicaragua, algo máis que un problema interno

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Nas últimas semanas sorprendeunos a violencia en Nicaragua, con duros enfrontamentos entre manifestantes e policía que provocaron arredor de cincuenta mortes. Conforme ía chegando información ao respecto da situación nese país sabíamos de protestas contra unha proposta gobernamental de modificación da Seguridade Social, que se transformaban nunha mobilización contra o “réxime” de Daniel Ortega e Rosario Murillo, na que se reivindicaba a “democratización” e a instauración dun “goberno provisional” para organizar unha “ordenada transición”. Dicíasenos que os universitarios tiñan “espertado”; e falábase do importante papel das redes sociais, co cancelo #SOSINSS como divulgador dunhas protestas extremadamente violentas, que nalgunhas imaxes lembraban as guarimbas producidas en Venezuela pero cun nivel de sincronización moito maior e máis xeneralizadas.

A situación que se está a dar en Nicaragua é moi estraña, nun país considerado como dos máis seguros e pacíficos da rexión e no que o goberno da Frente Sandinista presidido polo ex-guerrilleiro Daniel Ortega leva anos no poder, cunha ampla maioría absoluta renovada en novembro de 2016. Un Daniel Ortega criticado por sectores da esquerda que o acusan de corrupto, de traizoar os principios do sandinismo e de entregarse ao neoliberalismo; críticas baseadas no feito real de que o goberno da FSLN mantiña até agora unha alianza coa xerarquía da igrexa católica e con importantes dirixentes do sector empresarial, alianza debida segundo o sandinismo á necesidade dun proceso de unidade nacional para pechar definitivamente as feridas provocadas polos enfrontamentos armados do século pasado.

O feito que fai estourar as protestas é a proposta gobernamental de reforma da seguridade social, que en Nicaragua é de cobertura ampla tanto en canto a pensións como a asistencia sanitaria en comparación con outros sistemas da rexión. A proposta, retirada polo goberno despois dos enfrontamentos, era dun aumento das cotizacións tanto de patronal (do 19% ao 22,5%) como de traballadores e traballadoras (do 6,25% ao 7%) e unha especie de copago que supoñía reducir as pensións nun 5%; pero non introducía as directrices do Fondo Monetario Internacional de aumentar a idade de xubilación e os anos cotizados para poder acceder á pensión (neste momento nos 60 anos de idade e 15 de cotización) e de reducir as prestacións sanitarias.

Sendo lóxica a protesta por parte de quen se verían afectados negativamente por esta reforma da seguridade social, non deixa de ser curiosa a reacción da Igrexa católica e da patronal, ambas acompañadas dunha virulencia nas súas declaracións non propias de quen mantén unha proveitosa situación de alianza, aínda que só sexa de intereses, co goberno.

Inmediatamente entraron en acción os EEUU repatriando ás familias do seu persoal diplomático e reducindo os servizos na súa embaixada, ao tempo que o Departamento de Estado emitía un comunicado no que chamaba a “resolver o conflito actual, restaurar o respecto aos dereitos humanos e alcanzar un futuro mellor e máis democrático”, non semellan casuais as dúas últimas palabras do comunicado.

Detrás dos EEUU chegaron a OEA, a UE, e todos os gobernos que acotío responden ao mandato de Washington; destacando no caso do estado español o pronunciamento do rei Filipe VI aproveitando a entrega do Premio Cervantes a Sergio Ramírez, antigo dirixente da FSLN situado desde hai anos na oposición ao sandinismo e ao resto de procesos políticos anti-imperialistas do continente americano.

A importante repercusión internacional dos feitos acontecidos en Nicaragua con protestas que semellan intensificarse neste momento, debe levarnos a analizar o que aí acontece non como un simple problema interno. Para facelo non é preciso ser confesionais coa liña política adoptada pola FSLN, a nosa postura favorábel ou crítica co goberno nicaraguano non debe impedir que fagamos unha análise da situación global na que se enmarcan eses feitos.

Os acontecementos de Nicaragua enmárcanse na loita que se desenvolve entre os gobernos progresistas e nacionalistas e uns EEUU que teñen recuperado posicións. Nos últimos tempos na rexión asistimos á virulencia da dereita no tratamento do caso Lula, á falla de avances no proceso de paz en Colombia agora en situación crítica coa prisión do comandante Santrich, á inestabilidade no Ecuador, á nova ofensiva dos EEUU contra Cuba, á grave crise de Unasur  debida ao abandono desta alianza de Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Perú e Paraguai, e ao papel cada vez máis activo da OEA fundamentalmente contra Venezuela.

A todo isto debemos engadir que en Nicaragua hai dous elementos, dos que pouco se fala, que os EEUU consideran moi perigosos para seus intereses, e nos que están implicados os seus principais adversarios, Rusia e China.

Un é o funcionamento desde abril do ano pasado en territorio nicaraguano da estación  “Chaika” que forma parte do programa de seguimento á navegación vía satélite ruso (algo semellante ao sistema GPS occidental), estación que os EEUU consideran un perigo e á que consideran un centro de espionaxe.

O outro é o proxecto do Gran Canal Interoceánico que o goberno de Nicaragua outorgou ao consorcio chino HKND Group, que suporía un durísimo golpe para a economía e o comercio dos EEUU abrindo unha nova vía con maior capacidade que o actual Canal de Panamá. Un proxecto paralizado neste momento debido a dúbidas en canto á súa viabilidade financeira e a que China ten mellorado as relacións con Panamá aceptando este último país formar parte da variante marítima da Ruta da Seda, Pero que segue sendo un perigo potencial para os intereses norteamericanos.

Todos estes elementos permiten sospeitar que pode haber algo máis alá das lóxicas protestas pola reforma da seguridade social. Non nos estrañemos se asistimos a un novo intento de “movemento democratizador”, “revolución de cores” “primavera nicaraguana” etc..., pois 195 anos despois da promulgación da doutrina Monroe segue gravado no adn dos distintos gobernos dos EEUU o de que América Latina é da súa propiedade.