XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO
Cando acontece unha conmemoración adoita a facerse balance. E na medida en que se celebra os números de edición que o díxito remata en 0 ou en 5, esta 35 Semana Galega de Filosofía non podía ser menos e había que facer algo. Certo que non ten a relevancia dun número máis redondo e que xa no 30 aniversario se levou a cabo algunhas actividades de lembranza. Mais o esforzo que hai detrás desta actividade anima a querer festexar cada lustro sen necesidade de agardar á corentena. E efectivamente volvemos a vista atrás e fixemos memoria. Pero ademais da memoria colectiva cada quen ten a súa particular. Irrelevante quizais para rexistrar os acontecementos históricos ou intelectuais comúns pero que resulta decisiva na conformación da conciencia persoal de cada quen. Sería unha terxiversación imperdoábel querer facer pasar ese recordo peculiar como historia xeral desta actividade. Entre outras cousas porque non puiden asistir ás 35 semanas completas. Aínda que tamén é certo que isto non persuadiu a ningún cronista a dar conta dos feitos que narra sobredimensionando aqueles que lle son máis próximos: cada quen fala da feira como lle vai nela. O que si é raro é que se recoñeza que non se está a facer un traballo obxectivo senón que se é parcial e mesmo tendencioso. E non se fai porque si se fixera a ninguén lle interesaría ler iso. A xente motivase co autoengano de confiar en que lle conten as cousas como foron e non tan só como as viviu o autor. A quen pode interesar as vivencias individuais alén do propio individuo? Con todo, eu voume atrever a facer iso porque na medida en que trata dunha experiencia sobre un evento social e intelectual público quizais aporte algo a quen xunte esta con outras opinións para facer unha composición de lugar máis axeitada. Por iso non podo falar de 35 Semanas Galegas de Filosofía. Non sei cantas foron, agardo que cando menos máis que as 9 e media do título cinematográfico deste artigo.
O que si lembro é ter asistido á V no 1988 porque participaba cun texto sobre Castelao que logo se publicaría nun volume titulado “Pensamento Galego na Historia” que coordinou X. L. Barreiro Barreiro. Mais tiven coñecemento desde o comezo desta actividade e doutras iniciativas dos seus fundadores. Sobre todo no 85 coa publicación de “Antón Losada: teoría e praxe”. Se ben posiblemente o primeiro impacto do que esta proxecto representaba tíveno antes de que se concretara nestas xornadas, presentino cando os libros de texto de filosofía da editorial galaxia no que colaboraban algúns dos promotores da Aula Castelao viñan cunhas viñetas de quen daría nome a súa entidade para introducir ao alumnado no miolo das temáticas filosóficas fundamentais.
Tiven noticia de que había filosofía fóra dos balos da Universidade, e mesmo o daquela decano da facultade, o citado X. L. Barreiro alentaba e apoiaba esta iniciativa. Pero é certo que desconfiaba do revolucionaria que podía ser esta actividade cando ademais da nosa máxima autoridade académica contaba coa colaboración da Caixa de Aforros de Pontevedra. Mais todas as dúbidas se disiparon cando asistín directamente a estas xornadas e me sorprendeu o formato aberto e participativo das actividades. Houbo momentos en que mesmo me pareceu esta apertura un inconveniente cando un se desprazaba a cidade do Lérez para escoitar a relevantes figuras do pensamento e ao final tiña que aturar intervencións desde o público que sobrepasaban o tempo do conferenciante. Mais logo vin que esa era a esencia da Semana, a posibilidade de que cada quen debata directamente co relator e se produza un confronto de pareceres que após as sesións continuaba nos establecementos de bebidas circundantes. E non se me entenda mal. Recordo a intervención de Puente Ojea sobre o Vaticano, pero sobre todo lembro a conversa sobre esta con Francisco Carballo tomando un café nos arredores daquel auditorio de Campolongo.
Pero é certo que hai gravadas na memoria intervencións e debates que aínda resoan no íntimo como foi aquela discusión entre Galeano e James Petras en plena crise da esquerda polos fusilamentos en Cuba no 2003. Ao redor da Semana houbo posibilidade de achegarse a algúns dos intervenientes e asistir a conversas ou entrevistas que quedaron no pouso das ideas que se foron absorbendo e que a miúdo aboian animadas por algún feito. Quizais o caso máis interesante fora aquel encontro con Evo Morales nos que participaran compañeiros da CIG e o SLG. Mais tamén Samir Amin, Alfonso Sastre, Eva Forest e xa neste ano Silvia Federici.
Daquela a Semana era unha ocasión para ter diante aos autores máis recoñecidos do pensamento mundial e ese era o seu maior reclamo. Mais hoxe vivimos tempos de sobreinformación. Calquera pode coller o móbil e buscar unha intervención destes persoeiros. Sempre se puido acceder aos seus textos, pero agora podemos velos e escoitalos sentado no sofá da casa. Mais non o adoitamos facer. A vida que levamos, a urxencia do día a día, a dinámica social non axuda a pararse un momento a pensar. Sobre todo a pensar dialecticamente. Isto é, contrastando opinións, escoitando pareceres, repousando o escoitado e retrucando cando non concordamos. A Semana de Filosofía non é un retiro espiritual, pero si supón unha paréntese. Un tempo para abrir as orellas e amolecer as ideas. Pasaron 35 anos. Mais hai cousas que me parece que non cambian. Seguimos precisando da filosofía. Porque a propia actividade de tentar desvelar enigmas é o que nos define como humanos. E a Semana de Filosofía -por enriba das estrelas que brilaron nos seus estrados- é en si praxe filosófica auténtica. Só o feito de atoparse convocados de xeito transversal e aberto para debater. Dedicarlle un tempo demorado aos temas para profundar. Compartir sobremesas con outros que escoitaron o mesmo que un pero que interpretaron de xeito diferente o que se dixo. Iso, na miña opinión particular desde a propia experiencia persoal, xa merece ser considerado filosofía viva e real. O de menos é o número, mais tamén hai que recoñecer que ten mérito o 35. E hai que agradecer a toda unha xeira de persoas que o fixeron posíbel pero iso eu penso que debera xa corresponder ao conxunto da sociedade galega e xa soborda o que é un texto que simplemente pretende ser unha achega dun testemuño propio.