Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
11-11-2017

A aparición da musa, gaita medieval elaborada no Obradoiro Seivane, supón un avanzo non menor nas pesquisas no ámbito da gaita en particular e no mundo dos instrumentos medievais no xeral

A musa, gaita medieval galega do século XIII construída polo Obradoiro Seivane

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Contemplada desde a actualidade, a música da Idade Media constitúe unha das máis relevantes partes do legado cultural europeo. Ao mesmo tempo, ese patrimonio enforma unha non menos transcendente parte da vida das xentes daqueles tempos, isto é, un longo período que abranxe desde a desaparición do Imperio Romano e a emerxencia dos reinos xermánicos no século V até aos preludios do Renacemento no s. XV. Chama a atención, por exemplo, a diversidade de instrumentos de que se ten noticia ou a variedade de tradicións musicais que conflúen nese universo sonoro, tales como as arábigas, as célticas, as cristiás, as románicas, as xermánicas etc. Tamén é digna de nota a existencia de relevantes escolas artísticas e tendencias, cal Notre Dame, e non debe deixar de se esquecer o feito de se produciren influencias mutuas a través dos camiños medievais terrestres e marítimos. Por súa vez, os contactos comerciais entre diferentes nacións e as peregrinacións a importantes centros de culto (Canterbury, Compostela, Notre Dame, Roma etc.) levaron e trouxeron, duns países a outros, gostos musicais, instrumentos, intérpretes, melodías e modas que, co pasar do tempo, constituirían para as xeracións futuras todo ese patrimonio cultural. As diferentes escalas e modos que existían nese tempo contrastan coa redución aos modos maior e menor que se verifica xa no século XVII, mais aínda posúe un confronto moito máis acusado coa reforma consistente na adopción dunha escala temperada dividida en doce distancias, que é a actual da música chamada culta e que tivo en Johan Sebastian Bach (1685-1750) un dos seus máis preclaros enstusiastas e defensores.

Como acontece hoxe en día, a música durante a época do Medievo estaba presente en toda a sociedade: en primeiro lugar, verticalmente, porque tanto as clases sociais máis acomodadas canto as camadas menos favorecidas do punto de vista económico desfrutaban de se deleitar a escoitaren as súas melodías favoritas; e en segundo lugar, horizontalmente, xa que da Fisterra galaica até ás augas do Danubio, do Algarve até aos países escandinávicos, do río Shannon até á costa siciliana, un elenco de bardos, trobadores e xograis dedicábase a esta manifestación artística. Por seu turno, nas principais abadías, catedrais e mosteiros do mundo cristián, os monxes tamén se ocupaban de proporcionaren na liturxia forma musical ás súas crenzas a través do canto gregoriano, que algúns estudiosos teñen sinalado como o antecesor do xénero galaico do alalá, moito embora se descoñeza na actualidade a verdadeira orixe deste.

O reino medieval galego foi un dos pólos en que todas esas tradicións e modas musicais a que antes se fixo referencia emerxeron con forza. O Pórtico da Gloria (concluído en finais do século XII) ou o Pórtico do Paraíso (rematado na primeira metade do s. XIII) representan con acerto os instrumentos que se tanxían na altura, conforme sinalan Carlos Villanueva e Lorena López Cobas nos seus respectivos traballos El Pórtico de la Gloria. Música, arte y pensamiento (1988; 2ª ed. en 2013) e Historia da música en Galicia (2013), ao paso que as Cantigas de Santa María (redixidas e compiladas na segunda metade do século XIII grazas a Afonso X O Sabio) recollen tamén ilustrativamente varios daqueles exemplares. Ao tempo, todas esas iconografías e imaxes deixan constancia do avanzo musical que supuxo a polifonía, que vai deixando atrás, cando menos a partir do século X, despois da reforma carolinxia das celebracións litúrxicas, a tradición monódica eclesiástica anterior. E, a este respecto, a Galiza non foi allea a esa efervescencia cultural: non sobra ponderarmos aquí que no Museo da Música de Bruxelas, hai uns poucos anos, as melodías que se ouvían ambientalmente na sección de música medieval eran, as máis delas, derivadas da notación musical das Cantigas de Santa María. Como é ben sabido, a lingua galega floreceu na literatura de maneira áurea naqueles tempos e, a noso ver, a música medieval galega parece ter tido un desenvolvemento de similar importancia, aínda que talvez menos (re)coñecido ou estudado.

Moitos dos instrumentos medievais que aparecen nos templos e códices da época desapareceron por diferentes causas nos túneis da historia e só son utilizados na actualidade por parte de grupos ou de solistas que se dedican a tales estilos musicais; presentemente, por exemplo, certas castes de cítolas, harpas, laúdes, rabeis, salterios ou organistra só poden ser escoitadas en concertos en que se recrea esa estética sonora ou en gravacións contemporáneas especializadas. Outros, polo contrario, foron capaces non só de asentaren a súa implantación social, mais, cos séculos, tamén conseguiron erexirse en elementos nacionais ou nacionalitarios desde o Romantismo do século XIX para se dotaren dunha poderosa carga simbólica. Así, conforme aconteceu noutros países europeos, como Bulgaria, Bretaña, Chequia ou Escocia, na Galiza correspondeu a un aerófono con depósito de ar e insuflación bucal cumprir esa encomenda, de aí que o tal aerófono, coñecido hoxe en día co nome de gaita, deu desenvolvido sobradamente esa responsabilidade sociocultural e tamén coñeceu unha evolución extraordinaria, en particular nos últimos corenta anos. Unha comparación das varias imaxes de gaitas medievais europeas que aparecen no estudo de Fritz Schneider Die Sackpipe / La Gaita / La Cornemuse / The Bagpipe (2009) ou até nas Cantigas de Santa María corrobora diacronicamente esa evolución organolóxica e estética.

Neste sentido, se se tentase reproducir unha modalidade de gaita medieval coas precisas técnicas de construción actuais e cos coñecementos que hodiernamente se teñen, aparecerían varios interrogantes a que habería que dar cumprida resposta: cal modelo dos coñecidos polas imaxes conservadas debería ser o escollido? En que tonalidade debería estar afinada? De que maneira podería definirse a súa escala? Como tería de ser a súa dixitación? E que tipo de lingüeta –simple ou dupla, branda ou dura etc.− habería que preparar ao punteiro? Polo menos desde finais do século XX, xa ten habido na Galiza varias tentativas de construír cornamusas como as daqueles tempos, embora algunhas delas non acabasen de callar definitivamente pola inadecuación dos seus formulamentos iniciais e/ou pola concepción do proceso construtivo. Unha gaita galega do Medievo feita na actualidade non pode ser acusticamente un instrumento moderno con estética medieval nin tampouco unha reprodución pretendida mais dubidosamente exacta de exemplares que aparecen nas iluminacións da altura; estas son só imaxes que non tencionan ser realistas nin naturalistas, ou, polo menos, non foron concibidas coa técnica comparábel á do realismo pictórico oitocentista da escola de Courbet e Daumier ou á dos prerrafaelitas ingleses. Tamén noutros países se levou a cabo algo similar e se probou a construír cornamusas de hai varios séculos, como é o caso do artesán de Catalunya Jordi Aixalà i Basora, o luthier estadounidense Michael Marc Larg, o artesán checo Zdenek Seidl etc. Porén, sen pretendermos desmerecer nin mesmo minusvalorizarmos calquera tipo de esforzo nesta liña, vira certo que nunha grande parte de casos, na nosa opinión, o produto final tampouco conseguiu, dar conta da meta marcada: o libro de Harry Woodhouse The Cornish Bagpipes. Fact or Fiction? (2009) representa quizais un dos exemplos en que a vontade de reproducir gaitas medievais non deu atinado no albo pretendido, quizais pola excesiva confianza depositada en iconografías que non poden ser tidas como exemplos fiábeis da organoloxía de cormamusas medievais.

Por iso, a aparición da musa, gaita medieval elaborada no Obradoiro Seivane pola proposta do gaiteiro e director de música Raúl Lacilla e presentada ao público en finais do ano 2016, supón un avanzo non menor nas pesquisas no ámbito da gaita en particular e no mundo dos instrumentos medievais no xeral. O seu proceso construtivo implicou diversas liñas investigación, trouxo consigo non poucos ensaios sonoros con diferentes prototipos e supuxo innúmeras horas de traballo. Mais todo este longo proceso valeu a pena: o instrumento, feito de buxo do país, afinado en re e cunha técnica interpretativa que se podería considerar “semifechada”, consiste nun aerófono composto por un punteiro, un soprete, un bordón e un fol. Baséase nos exemplares que aparecen labrados en pedra en varias igrexas do Estado e nos das Cantigas de Santa María, entre as cales existe unha iluminación (cantiga de loor nº. 280) con que garda un extraordinario parecido. A nota do bordón afina na mesma oitava do punteiro e ambos os tubos, o melódico e o pedal, son construídos en paralelo na mesma peza de madeira. Para alén destas características comúns, punteiro e roncón partillan un outro trazo, como é o feito de levaren unha cana de lingüeta simple ou pallón.  

A persoa en que recaeu a responsabilidade de dar a coñecer a musa na Galiza foi Álvaro Seivane, recoñecido artesán de gaitas, o cal colaborou nos concertos ofrecidos en Vigo e na Coruña polo excelso gaiteiro e frautista Carlos Núñez, interpretando co instrumento medieval pezas datadas no século XIII. A partir dese momento, pois, podemos tanxer algunhas daquelas melodías que aparecen notadas nas Cantigas do Rei Sabio ou varias das compostas por Martín Códax cunha cornamusa directamente inspirada nas da época. Tamén se nos abre a porta para nos adentrarmos en tradicións musicais estrutural ou xeograficamente próximas: nótese que noutras partes da península ibérica esta gaita era coñecida co nome de odrecillo, caso nos fiásemos da documentación que aparece nas poesías de Juan Ruíz, Arcipreste de Hita (aprox. 1283-1350). E, ao mesmo tempo, a musa serve até para averiguarmos como soan melodías actuais cun instrumento que reproduce outro de hai máis de oitocentos anos. A música europea da altura caracterízase de seu por un interesantísimo repertorio e patrimonio cultural a que non debe renunciar a gaita galega e co cal acaba de se estabelecer un poderoso vínculo de unión mediante a aparicion da antecitada musa.

Non me cabe dúbida de que esta nova incorporación aos variados tipos de gaitas galegas e doutros territorios peninsulares que se elaboran no Obradoiro Seivane será un referente para as persoas que aman a música tradicional e para aqueloutras que se deixan seducir pola maxia e a mística das sonoridades medievais. De feito, desde a primeira gaita construída no ano 1939 polo mestre Xosé Seivane Rivas (1921-2012) na Fonmiñá (Concello da Pastoriza, Lugo) até ás modernas que hoxe en día “nacen” nas instalacións que o obradoiro ten no lugar do Volteiro (Concello de Cambre, A Coruña), o carimbo Seivane leva sendo sinónimo de rigorosidade e de calidade na construción de instrumentos, ao paso que tamén equivale a un labor constante de investigación e de relevantes avanzos na gaita actual; pensemos, a modo de exemplo, na embocadura desmontábel do soprete, na válvula de corte para os roncóns, no punteiro regulábel, no seipal, no seipón, na fascinante e recente gaita en dó grave etc. Outrosí, a marca Seivane significa un continuo traballo de recuperación e aperfeizoamento dos elementos máis idiosincráticos da gaita galega (como a estilización dos torneados da madeira, a elegante forma do fol, a versátil regularización das técnicas de dixitacion, o característico timbre etc.).

Parabéns, pois, para os irmáns Álvaro e Xosé Manuel e para todas as persoas que traballan no Obradoiro Seivane por seren capaces de combinaren evolución e tradición no instrumento galego máis representativo, tradición que agora tamén pousa un outro pé no reino medieval da Galiza e na música que se nel producía, ora nas celebracións da corte e das casas nobres, ora nas festas e romarías populares.