Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
17-10-2017

Ao Aureli Argemí, vello loitador catalán, amigo da Galiza

Rendición

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Rendición con armas e bagaxes: é o que pretende o Estado español, a través de todas as súas institucións, non só do goberno catalán senón de todos o que secundan. Primeiro, rendición; despois, aniquilación. É ben certo que os conflitos poñen á luz a verdadeira posición de cada quen. Neste caso, non é só Catalunya a retratada; é, en maior medida, a España política dominante e dominadora, a que no seu día fabricou e impuxo unha Constitución que proclama omnimodamente a existencia dun só povo, o español; dunha única patria  -“indivisible”-, a española; dunha forma política herdada da ditadura franquista, a monarquía; dun Exército garante da unidade da única nación recoñecida. É agora cando fica á luz como o verdadeiro cemento unitivo da dereita e da esquerda era e é o españolismo; é agora cando se unen, “como un solo hombre”, na defensa da súa posesión, porque tal é o conceito que teñen das nacións e dos povos que non son o seu, dos chamados estupidamente “territorios”; é agora cando se dan a man, no común labor represivo, uns e outros. Non cabe falar de “extrema dereita”, non sendo que nela se inclúan Felipe González, Alfonso Guerra e tantos outros prebostes do PSOE. Extremo españolismo ou, mellor dito, españolismo en acción, con toda a súa cegueira, cerrilidade, potencia destrutiva.

Rendición. A España que aínda non acabou de lamber as feridas do seu imperio colonial, a España que se rendeu a potencias imperiais europeas, aos USA, que abandonou as súas proprias colonias... agora esixe a rendición da que considera a súa propriedade. Niso basea a súa identidade. Identidade que se retrata unha e outra vez esmagando aos demais, na pior especie da España cañí. Vexamos algúns exemplos da iconografía despregada, dos símbolos usados, da súa artillaría:


Todo isto e máis para proclamaren que son “Orgullosos de ser españoles” (que o sexan e nos deixen respirar aos demais...). Moi fraca ha de ser a conciencia de si, moi insegura a tal identidade, cando se precisa exhibila e impoñela con tal arsenal de material bélico. Remataron os eufemismos. Volta o vocabulario delator: “región”; “regional”, “rebelión”, “sedición”... Todas as armas e todas as axencias do Estado ao servizo de ignoraren e arrasaren unha vontade popular libremente expresada: o poder lexislativo, o executivo e o xudicial; policía e guarda civil; fiscais e xuíces; banca e empresariado; meios de comunicación; Alta Inspección do Estado en materia educativa. Non podía faltar a RAE (Real Academia Española) a quen nunca ouvimos defender o español de Puerto Rico, comesto polo inglés USA, mais si a omnipotencia do idioma oficial do Estado para co galego, o euskera e o catalán. Un auténtico strip-tease, en fin, como cómpre a quen entende a política como imposición, como propriedade. Ao igual que a tan amentada “crise” valeu para o capitalismo reforzar a súa depredación, desregularizar, pauperizar, destruír vidas e salarios, incrementar o seu lucro de xeito descomunal, absorber e liquidar adversarios de menor tamaño, considerar traballadoras e traballadores semovientes en rabaño intercambiábel pola emigración en calquer lugar do planeta, intervir nacións enteiras, atentar contra dereitos humanos básicos..., así a globalización á española  -máis españolización, máis afogamento de dereitos nacionais-  aproveita a grande oportunidade do conflito catalán para ocultar as súas vergoñas e proceder, “sin complejos”, a aniquilar máis e mellor, a españolizar á forza en nome da súa hexemonía, da súa prepotencia.

Retrato así mesmo revelador da Unión Europea. A que permitiu e fomentou guerras como a da antiga Xugoslavia; a que consentiu a creación de novos Estados satélites do seu poder; a que incendia posicións bélicas en Ucraína; a serva da OTAN e dos USA na política internacional xenocida... Hai que ter valor para (Juncker) dicer que xa abonda con 27 Estados e que máis farían a Unión ingobernábel.

E nós, galegas e galegos? Submetidos a unha mediación (anti)política que, por boca do presidente da Xunta de Bois de Palla e dos seus servidores-cúmplices, emprende a indigna carreira de se amosaren máis españois que o amo, máis entregados e entreguistas á política do Estado que nos nega, máis servís e reverenciais do que cabería nunca imaxinar. Hai que ter estómago para oferecer postos escolares a estudantes galegos en Catalunya que quixeren retornar, cando seguimos asistindo a unha inclemente emigración de mozas e mozos en idade laboral. Hai que ser cego, xordo e capataz ben pago para denunciar fugas empresariais cando non se move un dedo para atender mínimos da economía galega. Hai que ter valor para se deixar ver en Madrid cando o país está arrasado por incendios a esgalla (só 80 máis de sábado, 14, a domingo, 15). Só podemos ter vontade de trousar cando se ataca o sistema lingüístico-educativo catalán e, aquí, se está matando directamente a lingua galega, por desprezo, por agresión, por represión de nenas que usan Galiza ou concellos que rotulan en galego. Todo coa colaboración da Guarda Civil e da Valedora do Povo (que sarcasmo!: mude a súa denominación: “Defensora del Imperio”).

A cuestión catalá vén de lonxe e non vai finar por máis castigos exemplares que lles inflixan. Sabíao ben o noso amigo Aureli Argemí cando publicou, en 1993, Sobirania o submissió. Eis o dilema, para eles e para nós, galegos.