Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
15-07-2017

Que acabe dunha vez por todas o que alguén definiu, moi acertadamente, como o apartheid

Agora vaiche boa

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA


Asisto como espectador ao último intercambio de fogo cruzado entre reintegracionistas e defensores da normativa RAG, cuxa primeira salva foi un artigo do historiador López Carreira a propósito do nome do noso país en Sermos Galiza. Esta enésima sesión de combate fratricida sérveme para, máis unha vez, reflexionar sobre o tema e para redactar un artigo que tiña pensado escribir desde hai tempo. Aí vai.

Xogarei coas cartas voltadas para cima. Eu, por se a alguén lle interesa máis por valor estatístico que pola influencia que eu poida exercer sobre outros, ando no gume da navalla. Explícome: levo tempo a me debater entre o ridículo que me asalta ao ver os eñes a deslucir os meus propios textos e o fatigante que me resulta escribir nunha normativa que non me flúe como debera. Si, xa sei que todo é cuestión de práctica e niso andamos, aínda que hoxe non o pareza. O FLiP, o Priberam e o valioso dicionario de Estraviz son ao mesmo tempo a miña axuda e a miña condena, pola cantidade de veces que debo acudir a eles cando escollo o reintegrado. Denuncio publicamente a miña propia eiva. Durante a miña formación non houbo ninguén que se preocupase de me introducir nos insondábeis segredos do s e do duplo ss. Pola contra, si que se preocuparon moitísimo por me instruír eficientemente noutras arbitrariedades como o uso dos bes e dos uves ou das palabras que levan h ou non o levan. E iso é o primeiro que solicito humildemente: que non volva haber en Galiza unha xeración de mozos e mozas que non saiban ler e escribir en galego-portugués. Que ninguén que saia do ensino obrigatorio se bote as mans á cabeza nin pense que se achega o fin do mundo cando vexa por vez primeira escrito un “jeito” ou unha “formaçom”. Unha confusión innecesaria, un esforzo suplementario? Desde logo, moito menor do que se precisa para saber que Shakespeare ou Rousseau se escriben como se escriben e se len como se len. Nada que non estexa ao alcance de calquera.

A segunda cousa que solicito é que acabe dunha vez por todas o que alguén definiu, moi acertadamente, como o apartheid. Que as grandes editoras non publiquen os libros de quen lle peta escribir nunha normativa diferente e que todo o que cheire a reintegracionismo estexa forzadamente ausente do mundo oficial é, sinxelamente, unha discriminación inaceptábel que converte os e as reintegracionistas nos proscritos dos proscritos. E en persoas, por outra parte, merecedoras dunha corrente de simpatía da que participo, aínda que non participe de todos os presupostos que me chegan desde ese campo. Por exemplo, creo que é un exceso de optimismo pensar que a escolla dun modelo de lingua inserido de cheo na lusofonía vai resultar a táboa de salvación definitiva para a nosa lingua. Oxalá fose tan doado. Infelizmente, e podo estar errado, creo que as cousas non van exactamente por aí e que entre os factores que poidan mellorar o estado da nosa lingua na nosa sociedade –que se resumen, a fin de contas, nunha cuestión de poder- a normativa na que se escriba vai ter unha importancia relativamente escasa.

Entendo que este último é un tema discutíbel e persoalmente o único que desexo é poder discutilo en paz. Case imposíbel, por desgraza, a día de hoxe. Os debates que na rede acompañan os artigos nos que se toca o sempiterno tema da normativa, e o fogo de artillaría que segue ao artigo de Carreira no Sermos é un bon exemplo disto, gozan das mesmas características que os máis tristes debates típicos do mundo dixital: moita palla, exceso de paixón incontrolada, ocorrencias estelares que só entende quen as escribe e escasos argumentos sólidos, sen que falte (como non!) quen lle bote a culpa de todo ao BNG. Eu non dubido que entre os ocorrentes participantes no debate hai máis dun profesional encargado de botarlle leña, ou mellor gasolina, ao lume para que nos queimemos todos. Nin caso, pois, e pasar páxina.

E finalmente a terceira e derradeira cousa que solicito é unha reorientación de esforzos. Abstéñanse, por favor, os e as que non gostan do reintegracionismo de malgastar enerxías en intentar parar ese carro. Con todos os ventos en contra, o reintegracionismo móvese, e para iso só hai que ver a cantidade e a calidade da rapazada que enriquece e protagoniza a vida cultural deste País escribindo poemas, facendo música ou dinamizado asociacións desde eses presupostos lingüísticos. Ou comprobar o número crecente de escritoras e escritores que escollen esa opción, aínda sabendo que as proscribirán aínda máis. Ou observar como desde o reintegracionismo se está a erguer a máis extensa cooperativa de ensino en galego. Parar isto? Agora vaiche boa. Máis valería esforzarse en facerlles un oco onde todo o mundo e en tratar entender que, finalmente, a nosa lingua xa entrou no selecto clube dos idiomas que se interpretan de dous xeitos e non dun só. Salvando as distancias, os tempos e as particularidades, igual que sucede en linguas tan saudábeis como o noruegués, o xaponés ou o grego. Hai quen ve isto como un problema; eu prefiro velo como unha oportunidade.