Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
23-05-2010

Cada medida que toma o Goberno en relación co galego é un paso atrás para o noso idioma

Obrígannos a tomar parte

IRIA TAIBO CORSANEGO


Nestas últimas semanas, o goberno galego está a demostrar a súa capacidade de sorprendernos chegando até límites e barreiras que ninguén antes ousara superar. Até esta mesma semana, podiamos pensar que a estratexia do goberno actual sería a de cansar á masa social que defende o galego. Na segunda metade da lexislatura darían o tema por rematado, deixarían que esmorecese, co obxectivo de que a parte menos belixerante desa base o esquecese. Dentro desa teoría, podiamos pensar que farían pequenos retoques no decreto, co obxecto de rebaixar pouco a pouco o nivel de mobilización, e pasado o comezo do próximo curso o debate iría acalmando.

Esta teoría parte da base de que os dirixentes do Partido Popular teñen claro que o idioma é para eles unha interesante arma electoral. De feito, en parte grazas a teren sido capaces de crear unha confrontación lingüística até entón inexistente, cren que gañaron as eleccións. Nin a vitoria foi tan estrondosa nin é todo branco ou negro neste tema. Mais a propia idea de usar a lingua como parte da estratexia electoral é unha irresponsabilidade. En calquera caso, si que parece que o partido do actual goberno e os seus satélites gañaron a batalla nos medios de comunicación. Conseguiron que na rúa se fale da imposición do galego, cando a día de hoxe eu non conseguín que ninguén me explicase un só caso no que unha soa persoa fose obrigada a escribir ou falar en galego. Casos de xente que é obrigada (presionada, coaccionada, etc) a usar o castelán nos máis diversos ámbitos si que coñezo uns cantos. Por desgraza. En fin, o que nos debe facer pensar é a facilidade que ese discurso tivo para callar, coa escasa substancia que ten.

Mais en dúas semanas sucederon moitas cousas importantes que fixeron mudar a miña teoría. O ditame do Consello Consultivo, unha manifestación multitudinaria en defensa do galego e a aprobación do "decretazo".

O ditame do Consultivo, sen dúbida, representa un duro golpe para o decretazo e para os seus piares fundamentais, como a consulta aos pais e a propia falta de medidas de apoio á lingua galega.

A manifestación con certeza foi significativa para o goberno. De feito, só tres días despois aproban o decretazo, en resposta que ofende aos que acudimos ese día a Compostela, que por moito que digan non eramos pouca xente. Por certo, sen entrar na guerra de cifras, aínda que só fosen 20.000 persoas (como dixo a policía), alguén entende que esa cantidade de xente se manifestase en Madrid, Barcelona, Sevilla ou Teruel e que non aparecese a máis mínima referencia a esa mobilización na capa dos principais medios de comunicación do estado o día seguinte? A mañá do 18 de maio, eu encendín a radio como case todos os días, na emisora máis escoitada en Galiza, e na súa programación para todo o estado durante unha hora non escoitei nin unha soa referencia a unha mobilización que, de terse dado en calquera outro lugar da península ibérica, tería sido unha das principais noticias do día.

Ademais da lectura xornalística, a manifestación ten outras moitas. É verdade que podiamos pensar que o pulso da mobilización en defensa da lingua galega estaba a piques de decaer, mais o día 17 viuse que non é así. Que o goberno de Feijóo aínda ten unha importante oposición social. Tamén continuamos vendo que se mobiliza unha importante cantidade de persoas castelán falantes, ou polo menos non militantes do monolingüismo en galego. É tremendamente positivo que sexa así, pois demostra que Feijóo e os seus palmeiros obrigan a polarizarse a toda a opinión pública, e cando é así, erran ao pensar que a maioría social quere medidas que vaian en contra do galego. Por outra banda, esa polarización tamén axuda a rachar con esa idea de que o nacionalismo patrimonializa a defensa do galego. Non é certo, nin tampouco xusto: o que sucede é que en tempos relativamente calmos, só algúns sectores fan o esforzo de defender a nosa lingua, por desgraza. Canto maior é o ataque, máis amplo é o abano de defensores do galego. Cada quen cos seus matices, mais seguramente nesta cuestión o Partido Popular está a conseguir o efecto contrario do procurado.

En fin, tres días despois desa significativa mobilización, Feijóo anuncia a aprobación do decreto, tendo en conta, só parcialmente, o ditame do Consello Consultivo, para a retirada de parte da polémica consulta ás familias. Como era fácil prever, os entes que propugnan o falso bilingüismo móstranse tremendamente airados e xogan co goberno a "policía bo-policía malo". Chaman a Feijóo "mentiroso en el sentido literal de la palabra" por retirar a consulta aos pais. Curiosa defensa a ultranza do bilingüismo, por certo, só en castelán.

Mais seguramente máis preocupante que todo isto  é a intención de Feijóo de modificar a Lei de Normalización Lingüística. Parece que non vai ser posíbel rebaixar o ton de crítica contra este goberno, pois en lugar de procuraren o consenso (máis alá das palabras e declaracións de intencións en días sinalados), cada medida que toman en relación co galego é un paso atrás para o noso idioma. Até esta semana, todas as medidas lexislativas aprobadas en relación co galego no ensino pretendían, aínda que fose só como declaración de intencións sen verdadeira aplicación, a promoción do galego neste ámbito. Partían da base da realidade, o galego é unha lingua que precisa protección, e procuraban un consenso o máis amplo posíbel para a súa aprobación. Outra cousa é que o seu cumprimento práctico fose máis ben relaxado. Mais agora mesmo, o odio contra o galego domina as accións do goberno galego. A instrumentalización electoral dun sinal de identidade do noso pobo tan importante como o idioma, sen ningún tipo de complexo, antepoñendo sempre a cuestión das urnas e do programa, parece que o permite todo. As cousas están así, cando unha lei me impide deixar de protexer a lingua de todos e todas as galegas, cámbioa.