Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
22-05-2010

Tras dez anos de silencio sobre a súa obra, que vai pasar despois do 17 de maio?

Novoneyra, palabra luminosa no medio da espesa néboa que nos invade

MANUEL LÓPEZ FOXO


Tiveron que pasar dez anos desde a súa morte e tivo que chegar o Día das Letras Galegas para que a obra de Novoneyra fora obxecto de atención. Son escasísimos os traballos que se elaboraron  sobre a súa figura e a súa poesía ao longo destes últimos anos. Só agora, co gallo da celebración do 17 de maio, fomos convidados a regresar á súa obra e a redescubrir o poderoso canto de Uxío Novoneyra e o seu inquebrantábel compromiso coa súa patria. Só agora se reeditou un libro tan fundamental para o coñecemento deste autor como é Dos soños teimosos. Resulta dramático que un poeta tan extraordinario como Novoneyra teña que morrer e agardar dez anos unha decisión da Real Academia Galega para que a maioría da sociedade galega teña que descubrir a súa existencia na nosa literatura e na historia do noso país.

Moito é o que se dixo e o que se escribiu de Novoneyra estes días, mais aínda hai quen despois de ler a súa poesía non entende a filosofía profunda da súa obra, a verdade do seu verso, a raíz que nutre o seu verbo, a luz que desprende a súa palabra. Aínda hai quen non sabe que a lingua galega brinca como un cervo libre nos labios de Novoneyra transformando a fala do Courel en pura emoción e en altísima poesía. Aínda hai quen confunde o concepto de paisaxe co concepto de terra e quen non sabe o amor e a entrega que hai detrás de cada verso de Novoneyra. Aínda nos queda moito por descubrir para alcanzarmos o seu gozo fronte á grandeza e a marabilla da Natureza ou para sabermos da angustia vital que invade ao poeta nos tempos do Courel que están detrás de Os Eidos ou do Vietnam canto.

Novoneyra é unha fonte inesgotábel de sabedoría e de humanismo, de entrega á terra e de compromiso con Galiza, de fidelidade ás raíces e de vangarda estética. E un estremece só imaxinando a Novoneyra recitando os nosos Cancioneiros medievais na Compostela de 1957, naquel recital poético que se celebrou no Círculo Mercantil e Industrial de Santiago, dentro dun ciclo de conferencias impulsado polo inesquecíbel Manuel Beiras e inaugurado cun texto de don Ramón Otero Pedrayo, que ao final non puido asistir debido á morte de súa nai. Era a primeira vez que na posguerra, en público, alguén falaba en galego naquela Compostela dos anos escuros.

Estremecemos tamén lendo a despedida de súa nai que nos narra Antón Lopo no libro A distancia do lobo: "Polo velorio pasou a xente da aldea e a dos arredores. Eu non quería rebumbio. Espelinos con amabilidade, sen présas, e fun buscar unha rosas de Alexandría que a miña avoa Petra trouxera do seu Bierzo natal. Inzaran no xardín nunha roseira de pólas recias. Rodeei coas rosas o cadaleito e pechei a porta para que ninguén nos molestase. Estiven só, toda a noite, acompañándoa, oíndo na súa boca lacrada o meu nome".  O seu nome na boca de súa nai: "Eugenio, Eugenio, Eugenio, Eugenio..., porque en Parada era Eugenio". Agora sabemos que o ritmo do Vietnam canto vén de aí, do berro constante de súa nai nesa etapa final da súa vida, da súa desesperación. A lectura deste magnífico libro de Lopo deixa á luz a inmensa grandeza humana do poeta do Courel. Certamente, Novoneyra era deses homes aos que non lles cabe o corazón no peito.