XOÁN COLAZO PAZÓ
Non pretendemos facer aquí un balanzo de todo o que supuxo a obrigada entrada de Galiza –a través do Estado Español- no Mercado Común Europeo, hoxe convertido nunha Unión Europea que exacerba aínda máis os seus aspectos mercantilistas contrarios aos intereses das clases traballadoras e de pobos coma o noso. Este é só un pequeno exercicio de memoria para comprobar como foi e segue a ser a destrución ordenada dende esa instancia europea, que liquida literalmente a base material da economía galega.
Aplicar a motoserra aos nosos pesqueiros. Como consecuencia directa de normativas europeas miles de barcos galegos despezáronse nestes anos. For para permitir a construción de novos buques for para reducir a capacidade do noso sector pesqueiro, xa pequenas embarcacións de artes menores de dentro das rías xa barcos da frota de altura, a Unión Europea obrigou a que se destruíran buques de toda caste. Foi e é normal nos portos galegos ver o labor de ir chapodando calquera grande barco de ferro, que algún día navegou por Terranova, o Sahara, a Costa dos Esqueletos, o Banco de Galiza ou o Gran Sol. Mesmo con subvencións europeas para facelo. Pero tamén moitísimas pequenas embarcacións tiveron ese mesmo destino aínda que con outros métodos: chalanas, dornas, traíñas de madeira sucumbiron baixo a motoserra ante a atenta ollada do inspector que debía certificar que aquel barco nunca máis había sucar a tona da auga. Esta aberración cultural, esta imaxe bárbara de os propietarios deberen tronzar as cadernas, a quilla, os mastros das vellas embarcacións tradicionais da nosa costa é tamén a metáfora dunhas políticas da hiperintervencionista Europa do Capital que non acouga até ver esmagada toda forma alternativa de vida, por pequena que sexa, que non engorde a súa sede de lucro.
Agora si, millentas desas embarcacións son todas elas obra morta. O goberno galego segue a destinar ducias de millóns de euros de fondos europeos todos os anos para levar centos de barcos ao despezamento. Van alá moitos miles deles, convertendo Galiza no país europeo que máis reduciu a súa frota, mentres outros países, como Dinamarca seguían o rumbo contrario e triplicaban as súas embarcacións pesqueiras. Temos 1.360 embarcacións menos que hai unha década, o 20% menos, e ese ritmo endiañado continúa. As motoserras seguen a actuar a día de hoxe na nosa costa, desfacendo barcos, e de non revertermos a situación seguirá a ocorrer no futuro.
Pasteiros chantados de eucaliptos. De novo a demostración empírica desta tese pode verificarse coa simple contemplación do panorama que presenta o noso agro ou mesmo con enxergar a contorna máis achegada ás vilas e cidades galegas. Unha masa informe de eucaliptal vai medrando, mentres xorden as plantacións de eucaliptos no que até hai pouco eran terreos agrarios. As sucesivas crises das producións gandeiras e labregas, inducidas pola Unión Europea, atoparon entusiasta colaboración na Xunta de Galiza, que en moitos casos aproveitou fondos europeos para canalizalos cara á forestación de terras cuxa vocación era a gandeira ou agraria. As políticas dos sucesivos gobernos Fraga nos anos 90 foron exemplares neste senso, chegando mesmo a investir grandes cantidades de euros en converter unha xa escasa superficie agraria útil en enormes plantacións de eucaliptos. O Programa Galego de Forestación de Terras Agrarias de 1993 (Decreto 250/93) recolleu o peor das políticas europeas para implantar unha liña produtivista baseada en especies de medre rápido, de xeito ilimitado, sen ter en conta as aptitudes dos diferentes solos e creando non só un monocultivo de eucaliptos, senón un perigoso monocultivo económico. Foron preto de 100.000 hectáreas en menos dunha década. E o peor de todo é que non foi cousa do pasado, pois é algo que se mantivo xa no presente século e que dá un salto cara adiante, se cabe, coa actual ofensiva de ENCE e os seus apoios na Xunta.
O círculo vicioso de abandono de explotacións agrarias e fomento de forestación con especies alóctonas de ciclo curto, incide á súa vez no abandono do rural. Temos pois un agro abandonado, despoboado de xente, cunha forestación que non xera practicamente rendas e que non ten asociada unha industria transformadora, sendo ecolóxica e socialmente negativa. Aliñamentos de pequenos eucaliptos azulados nas veigas, nos prados naturais, nos pasteiros, nas hortas, nos antigos cultivos herbáceos,… iso é o que prima.
Voos baratos cara a Europa. Puidera semellar que mozos, mozas e persoas de maior idade ateigando a cotío os nosos aeroportos son un síntoma de dinamismo turístico e de cosmopolitismo. De escoitarmos calquera representante do PP así sería: todo moi bonito, xente que non fica atada ao limitado eido propio, que quere ver mundo e fai gala dun aceptábel nivel económico e cultural. Mais non son estas as reais motivacións que expulsaron do país máis de 200.000 persoas dende o inicio da crise en 2008, por certo, a meirande parte delas menores de 34 anos e máis da terceira parte con estudos superiores. A sociedade que con moito esforzo proporcionou formación ás novas xeracións de galegos e galegas, vese agora sen a vitalidade que ese recurso humano imprescindíbel en calquera lugar. Son outros países, outras sociedades as que se aproveitan dos seus coñecementos, da súa forza de traballo, das súas capacidades, intelixencia e esforzo. Nomeadamente os países centrais de Europa son os grandes beneficiarios. En troques, eses países poden vender aquí os seus produtos, os mesmos que nós xa non damos feito. Exportamos materias primas e forza de traballo, importamos produtos elaborados. Mentres, Galiza mingua, a nosa poboación redúcese e o problema demográfico agrávase para as vindeiras décadas. Iso si, os nosos compatriotas cosmopolitas que andan por Europa e o mundo adiante sempre estarán ben conectados polos modernos sistemas de comunicación e transporte, para que se sintan menos emigrantes.
Tres imaxes tan só dunha Galiza que necesitamos reverter, nunha outra Europa.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.