Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
11-11-2015

O povo non precisa discursos que se reiteren nos problemas senón que enfaticen as alternativas

Horizontes e sorrisos

XABIER PÉREZ IGREXAS


Hai xa bastante tempo unha compañeira laiábase, con razón, de que ás veces o discurso do nacionalismo galego incorría nun exceso de negativismo. Non cuestionaba, como eu tampouco o fago, o rigor da diagnose que describe a grave situación que padece o noso país en xeral e singularmente as súas clases traballadoras. Non. Obxectaba a respecto do enfoque do noso relato político, a sabendas de que o discurso ten ademais de concepto, forma.

  “Parecemos unha comisión de afectadas” sentenciara. A exaxeración non é tan desorbitada. De vez, adoitamos reparar demasiado na descrición do que hai que mudar, dedicando inxentes azos á denuncia.  Pola contra, gastamos menos artillería discursiva, menos argumentos e moita menos enerxía á hora de proxectarmos as nosas solucións, as nosas propostas.

  A diagnose non mobiliza. Non seduce. Non convoca. É indispensábel, mais por si propia insuficiente para sumarmos mans e cabezas a unha causa. Non abonda, nin moito menos, para estimular a quen fique resignada, cansa ou abafada cun estado de cousas que obxectivamente desanima.

  Cómpre, pois, poñermos o foco e o acento no alicerce mestre de calquera alternativa: as súas propostas de cambio. Debemos articular as nosas propostas programáticas, desde o concreto até o xeral, nun horizonte tan emancipador como esperanzador. Non podemos chamar a se sumaren á carreira de fondo e obstáculos que é a transformación da realidade sen debuxarmos, con trazo amábel e atractivo, a meta. Así, no canto de reiterármonos na descrición da realidade obxectiva que padece a xente que queremos convencer, era ben mellor tentar persuadir a súa subxectividade para a encadrar canda nós, deste lado da trincheira.

  Para iso, como xa se apuntou, é indispensábel ter un horizonte, unha meta, un obxectivo en maiúsculas. Mais tamén é necesario que a forma do discurso teña coherencia con ese mesmo afán. Os sorrisos que invoco no título son apenas unha exaxeración pedagóxica. Gosto tampouco da cursilería do discurso dominante da neopolítica como a meirande parte de vós. Porén, si que debemos recoñecer, en chave autocrítica, que na nosa linguaxe faltan apelacións en positivo. Non é só unha cuestión de léxico, mais tamén -e sobre todo- de tono. Nin broncas, nin sermóns apocalípticos e catastróficos.

  O povo non precisa discursos que se reiteren nos problemas senón que enfaticen as alternativas, as medidas concretas e tamén de que saída xeral son vector. Xa saben, porque a sofren, da situación de emerxencia social, da desertización produtiva e demográfica, da secular marxinación e dependencia do noso país no Estado e en Europa, da emigración, da desigualdade. Saben da perda de falantes da nosa lingua propia, do esmorecemento cultural, da asfixia do deporte base. Mais o que temos que lograr é que saiban de cales son as nosas propostas para reverter cada unha desas cuestións. En positivo, en chave de solución.

  Porque se por algo é indispensábel unha transformación radical (revolucionaria) da realidade --a que é misión histórica do nacionalismo popular-- é porque sen ela non cabe solución aos problemas. Por iso, debuxemos ás nosas compatriotas o horizonte no que ficamos certas de que este povo atopará a súa plena emancipación social e nacional. E fagámolo tamén cun sorriso. Que non cansa.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.