Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
02-06-2015

Por suposto que o Bloque, como calquera partido ou formación política, debe reflexionar sobre o seu pasado, presente e futuro, recoñecendo erros e modificando condutas no que for preciso

Autocrítica ou harakiri?

MARICA CAMPO


En plena campaña, a directora e presentadora dun programa de debate dunha cadea de televisión galega, interrogaba as reporteiras que cubrían a información dos mitins cunha parcialidade obscena. Referíndose a un dos celebrados polo BNG, con presenza de  Xavier Vence, preguntou: “Fulanita –agora non lembro o nome-, ¿hizo autocrítica el Bloque?”No, Menganita -este si que o lembro ben, mais prefiro obvialo-, el Bloque no hizo autocrítica”. Folga dicir que, no tocante aos outros partidos, non houbo tal pregunta. Non é preciso explicar que un acto deste tipo, no que se procura a adhesión a un programa, non é o momento de resaltar aspectos negativos, aínda que os houber como en toda obra humana. Porén, esta señora, que non perde ocasión de anunciar a morte da organización nacionalista galega, valeuse de tan torpe estrataxema.

Por suposto que o Bloque, como calquera partido ou formación política, debe reflexionar sobre o seu pasado, presente e futuro, recoñecendo erros e modificando condutas no que for preciso; mais é evidente que estas persoas que, sen estimarnos pouco nin moito, pasan a vida botándonos en cara que non facemos autocrítica, en realidade queren dicir outra cousa. En rigor, o que desexan, piden e buscan promover é que nos fagamos o harakiri, ou sexa, que nos abramos a barriga en vivo. E se aínda nos restasen forzas para eviscerármonos na súa presenza, o seu pracer sería orxiástico.

Facer o harakiri porque temos que expiar a longa culpa de sermos fieis a uns principios. Certamente, non lles falta razón xa que, á hora da verdade, os principios non son nada prácticos. Por exemplo, se os tivese, como ía cubrir co seu paraugas unha organización que se di de nacionalistas, ou cando menos galeguistas,   grupos do máis heteroxéneo, formados maiormente por rebotados doutros partidos que sempre refugaron a lingua e a cultura do noso país? Pois así foi nas pasadas eleccións e haberá que ver cantos, tras o éxito ou o fracaso, asumen ás ideas que esa formación di defender.

Daquela, facer o harakiri por non estarmos dispostas a dalo todo por unha presa de votos, mesmo que eses votos nos proporcionasen unha parcela de poder. Facer o harakiri por declinar a palabra lealdade, por non nos vender nin nos alugar, por xogar limpo.

Facer o harakiri porque, tendo en conta a sangría tras Amio, o que quedou de Bloque goza de boa saúde e, en proporción, medrou .

Non, non temos vocación de estar sempre nas marxes; porén, se ocupar o centro do texto nos esixe escribir a nosa propia necrolóxica, mais nos vale rachar o papel ou facer con el paxariñas. Estas, polo menos, proporcionarannos a suxestión de voar.  

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.