Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
18-03-2015

A cen días duns comicios municipais é moi pertinente revisitarmos a ligazón entre o espazo urbano e a cuestión social

Os concellos como primeira liña de trincheiras

XABIER PÉREZ IGREXAS


A cen días duns comicios municipais é moi pertinente revisitarmos a ligazón entre o espazo urbano e a cuestión social, ou expresado doutro xeito: a relevancia de a que lóxica obedece a ordenación do medio urbano [no capitalismo, como é obvio, é a lóxica do capital] e os efectos nas condicións de vida de quen o habita. Malia ter sido debullada desde hai décadas, por figuras de primeiro nivel como o xeógrafo marxista David Harvey que adicionou o espazo como terceiro elemento na dialéctica de explotación entre capital e traballo, non se ten incorporado suficientemente como focaxe indispensábel para enmarcar unha proposta política netamente transformadora.

O anterior non se pode ler en chave de desprezo ou desconsideración, moi ao contrario, cara ás experiencias concretas xa postas en marcha en Galiza, quer Allariz (caso dunha vila nunha contorna rural) quer Pontevedra (como grande urbe), que tracexan --ambas as dúas por impulso do nacionalismo-- coas súas particularidades o vector que nos debe servir de guía, que non de pauta mimética, para abordarmos os reptos no ámbito municipal. Son experiencias que debuxan o vieiro polo que debemos avantar profundando.

A priorización da xestión aparentemente despolitizada e desideoloxizada no nivel municipal ten conducido a converter este eido nunha caste de espazo pretensamente neutro, alleo ás contradicións principais, quer de clase quer nacional. Como se nas vilas e cidades a realidade non estivese determinada polas mesmas relacións de explotación (clase) e opresión (nacional) vixentes no marco xeral. De feito, a política municipal preséntase no discurso dominante e na práctica dominante, como un nivel isolado do debate político e, en consecuencia, das necesidades e problemas sociais de carácter estrutural. No caso concreto do Estado español este discurso municipalista, asumido tanto pola dereita neoliberal como pola socialdemocracia sistémica, acaba por ser utilizado como mecanismo para afondar na españolización.


Cómpre pois, non perdermos de vista a importancia capital dese outro enfoque que sitúa os concellos como primeira liña de trincheiras, pola súa proximidade material, no marco da batalla xeral que se desenvolve sobre as contradicións nacionais e de clase. Desta maneira afinaremos en definir propostas políticas, non só articuladas ao servizo dun proxecto xeral (de país e sociedade), senón tamén como primeiro chanzo que potencialmente nos permita lograr que este comece a se converter nunha realidade concreta. Hai que rachar pois cos discursos que desde formulacións aparentemente asumíbeis como o “cidadanismo” pretenden fragmentar a realidade que enfrontamos, incorrendo nun interclasismo que unicamente favorece –máis unha vez-- os intereses da clase dominante.

Trátase de concibir as nosas vilas e cidades como parte integral da nación e, polo tanto, tamén como ámbitos desde os que alicerzar a nosa proposta de mudanza radical ao servizo do povo traballador. Unha concepción que vai moi alén dunha mellor xestión, ou dunha orientación máis social da mesma, senón que se ten que concretizar nunha aposta decidida por modificar estruturas e marcos na liña de abrirmos espazos para a construción de poder popular.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.