PADROADO DA FUNDACIÓN BAUTISTA ÁLVAREZ
Volver ao programa político do nacionalismo na década dos anos trinta do século pasado, representa nesta altura do século XXI unha necesidade que nada ten a ver coa memoria. Desenterrar do soño dos xustos a proposta do Partido Galeguista é unha urxencia para o debate político presente posto que nos achega un corpo doutrinal de nos do que precisamos para seguir avanzando e non perdernos no camiño. Divulgar os presupostos sobre os que articularon os nosos devanceiros a súa ferramenta política, implica recuperar a beneficio de inventario, o mellor da herdanza do noso pensamento. Aquí non estamos para facer museos, panteóns nin arqueoloxía de vellos documentos, senón para pensar os desafíos do noso presente e do noso futuro.
A edición dixital do Terra e Tempo acolleu desde o primeiro momento unha sección de clásicos, que viña a cubrir o baleiro existente sobre a produción doutrinal anterior, sabedor de que o descoñecemento é sempre camiño aberto a confusión. A maior das represións que padeceu o nacionalismo anterior a 1936, foi o silencio á que súa proposta foi sometida por aqueles a quen lle tocaba legarlla as xeracións posteriores. Non foi esta unha operación inocente, na contra, os que a executaron sabían de máis que desde a lectura dos textos, como o que hoxe ofrecemos, non había sitio para unha lectura do nacionalismo que non se situase en termos de demanda da soberanía, de defensa da autorganización, do antiimperialismo e tamén dunha práctica política partidaria.
O texto que hoxe poñemos ao voso dispor non só deixa claro a proposta do Partido Galeguista senón que informa tamén do seu particular libro de estilo. A publicación e redacción do mesmo, iniciativa de Vicente Risco e Alexandre Bóveda, non deixa dúbidas que os nacionalistas situaban a loita ideolóxica nun primeiro plano, pretendendo organizar arredor de principios e ideas e por conseguinte poñendo en primeiro plano o trunfo do ideal ao ideal do trunfo, aspirando polo tanto a dotarse dun corpo social informado e formado. Á par o nacionalismo achegaba ao povo galego unha proposta para a nosa sociedade, unha proposta de transformación radical como poderedes ler, que vinculaba a resposta as necesidades presentes como un proceso que permite acumular forzas para unha outra transformación de fondo que requiría e require un marco xurídico e político distinto para Galiza.
Volver, por fin, ao programa do nacionalismo na década dos trinta, implica entón repensar o pasado desde o presente, respostar preguntas, abrir interrogantes, atender inquedanzas e facelo sen demora. Animamos a esta tarefa non só a aqueles e aquelas que se senten/sentímonos parte da tradición nacionalista senón tamén aqueles e aquelas outras que o teñen enfrontado, rexeitado ou desafiado, ás máis das veces sen achegarse ao mesmo sen intermediarios. Non é tolerábel nun ou nunha demócrata a condena a priori daquelo que non se coñece en detalle nin se leu a fondo. A Fundación Bautista Álvarez con este documento que hoxe rescata, anima ao estudo do corpo doutrinal do nacionalismo, propicia o debate do mesmo sen mistificacións e caídas na superficialidade e xa por último convida a coñecer os nosos devanceiros simplemente porque os precisamos nos camiños da vida que transitamos canda Galiza.