XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO
Creo lembrar un texto de Sartre que falaba da función esencial do clero medieval en servir de cemento para selar as antagónicas clases sociais co fin de que funcionara a comunidade, e vaia se funcionaba, sobre todo para os dominantes. E, aínda que hai máis de 20 anos desa lectura, recordo como rastrexaba o papel de intermediación dos intelectuais desde aquela até hoxe, e teño idea que concluía que a cousa non variou moito, pois ao fin, ese grupo de funcionarios da sociedade seguía a ter o mesmo labor esencial de reproducir as relacións de poder existentes. Isto é, ocúpanse de lubricar a mecánica da opresión, aínda que dalgún xeito estean fóra de xogo, en principio poderiamos dicir mesmo á marxe da liorta entre as diferentes clases sociais. Desde unha posición de arbitraxe, ou mellor dito, grazas a ela, son unha peza fundamental para que se perpetúe a dominación.
O caso é que a neutralidade é imposible, non podemos evitar inclinarnos para un ou outro lado. Diante diso, o que desenvolve unha tarefa intelectual ten un dilema complicado. Por unha banda, o lóxico é que satisfaga os seus intereses particulares e se poña ao servizo da clase dominante, mais iso iría en contra do seu labor universalizador, e, en definitiva, da súa conciencia.
A posición máis "natural" sería á beira dos oprimidos, xa que é alí onde pode exercer autenticamente a súa profesión racionalizadora, isto é, igualizadora ou niveladora. O desequilibrio, a inxustiza, as desigualdades chocan co pensamento racional, coa lóxica, e xa que logo, co labor do intelectual. O certo é que non resulta agradable colocarse do lado dos de abaixo e correr a súa sorte, ás veces mesmo peor sorte, aturando o castigo implacable dos poderosos que se ceban especialmente con este colectivo, o cal decide desprezar os subornos que lles ofrecen polos seus servizos. Lembremos a masacre de mestres no 36.
Nesta encrucillada houbo quen atopou unha terceira vía que lle facilita tranquilizar a conciencia cunha retórica hipercrítica co poder (patriarcal, imperial ou patronal) mais que conseguen zafar de verse comprometido coa sorte dos pobos ou clases que din defender. Hai moitas fórmulas artelladas para acoller aos que queren fuxir do sindicalismo nacionalista e de clase co fin de lograr o favor dos de arriba sen perder o dos de abaixo. Non son forzas novas, Gramsci xa falaba deles, desas organizacións "educativas" que en vez de tratar de substituír ou retar ao goberno, simplemente se limitan a moralizar. É máis, de feito, son entidades anteriores aos partidos e sindicatos de clase. Por iso, resulta cando menos curioso que se presenten como instrumentos innovadores e novidosos, ofertándose como a alternativa contemporánea para intervir socialmente fronte aos "obsoletos" sindicatos e partidos "tradicionais".
Mentres existan clases sociais, un, por moito que se engane a si mesmo, non pode evitar tomar partido, pois faga o que faga, sempre vai repercutir a prol duns ou doutros, concretamente, todo o que digan para evitar a autoorganización dos oprimidos só serve para engrosar o saldo dos opresores, por moito que choren polo mal que tratan estes aos seus subordinados. Ao fin chega o día en que hai que optar. Por exemplo, o 1º de maio. E, o profesorado, inserido nesa zona gris, nesa terra de ninguén, nesa categoría profesional que cae baixo o amplo epígrafe de "intelectuais", onde se sitúan os que non son nin patróns nin obreiros ou obreiras en sentido estrito, ao fin teñen que pronunciarse, deben decidir que facer.
A pesares da que está caendo, polo de agora, podemos afirmar que o profesorado galego, maioritariamente sabe de onde vén (non é desclasado), e xa que logo, onde quer ir (xustiza social), e polo tanto nesta data vai estar onte ten que estar: coa CIG.