Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
02-12-2013

Seméllame que as galegas e os galegos nos poderíamos clasificar en dous grupos, os do Nunca Máis e os do Sempre Sísifo

Sempre Sísifo

MARICA CAMPO


Seméllame que as galegas e os galegos nos poderíamos clasificar en dous grupos, os do Nunca Máis e os do Sempre Sísifo.      

Os do Nunca Máis somos moita xente; porén, despois do berro común, dispersámonos e, agochados no tobo da nosa preguiza, a nosa acracia ou o noso espírito hipercrítico, hibernamos até que cae outra. Fican algunhas voces sempre de garda, pero axotámolas coma un remorso.        

Supoño que non sería necesario lembrar o mito de Sísifo; aínda así, por se a alguén lle cómpre, resumireino: Sísifo, segundo a mitoloxía grega, foi o rei fundador de Éfira (Corinto). Fillo de Eolo e Mérope, tería a Ulises con Anticlea, a que, por último, casaría con Laertes. O caso é que Sísifo, despois dunha serie de peripecias que o trouxeron do alén ao aquén, foi condenado no outro mundo a empurrar unha pedra por un outeiro e, cando estaba a piques de chegar ao cume, a pedra rodaba cara a abaixo e o home tiña que comezar de novo unha e outra vez.        

Naturalmente que os do Sempre Sísifo non son os que comezan unha e outra vez, senón os que nos condenan a esa pauliña. Son bastantes menos que os do Nunca Máis, poucas veces teñen razón e a súa maior habilidade é manexar argumentos falaces e repetir mentiras até facelas verdades no imaxinario popular. É dese xeito como conseguen que masas non pensantes, acríticas ou desexosas de seren enganadas, que ás veces iso parece, se lles entreguen en corpo e alma.

Por máis que resulte tópico citar as palabra de Cicerón, no sentido de que os pobos que esquecen a súa historia están condenados a repetila, é inevitábel facelo. Non fica clara na Odisea a causa do castigo a Sísifo, no noso caso moito me parece que si e que é precisamente esa, a desmemoria. Hai poucas cousas que dean tanto medo como atopar xente nova que presume do seu desinterese polo pasado. Non hai moitos días –e non é a primeira vez- un xornalista, tertuliano en vía V, protestaba enerxicamente porque alguén evocara a Franco e o seu réxime. Baixo capa de neutralidade e espírito  conciliador, á sombra do tan cacarexado pacto da transición, dixo algo semellante a isto: “A mí ese señor no me interesa, murió hace muchos años”. Ademais de lles querer refregar na cara aos interlocutores unha xuventude que ten a piques de curación, ignora ou finxe ignorar como “ese señor” non se equivocou ao dicir que o deixaba todo atado e ben atado; ignora tamén que, mal que lle pese, é herdeiro del.        

Toca, máis que nunca, que termemos da pedra -as pedras, para sermos máis exactos-, que empurremos con forza e que aprendamos a non durmir a destempo. Eles, os de Sempre Sísifo, abofé que non dormen. Impasíbeis, mesmo gabanciosos, fronte ao esboroamento de canto de valor produtivo ten este país, gastan todos os pulos en lle tirar a alma. Cómprelles que nos diluamos como un terrón de azucre nas augas da despersonalización. Para iso, xa se sabe, contra a lingua a loita deles continúa, a nosa esmorece a miúdo.        

Que pinta, digo eu, a señora de Vigo, a de Galicia Bífida, a meter a súa napia no instituto de Guitiriz? Un centro no que non había conflito, cun certo grao de galeguización, mais dentro da lei, ten que perder as enerxías que precisa para outros combates en rebater a unha adaíl da españolización á que promoveu, non hai que esquecelo, a mesma Xunta que agora tamén a padece.        

En Madrid seica non admiten certificacións universitarias emitidas en galego. Para o que lles convén, Galiza é española; logo, a lingua desta terra, nesa lóxica, tamén tería que pertencer ao Estado. Haberá que acudir a unha embaixada de non se sabe onde para que validen os tales papeis porque son estranxeiros. Viva a coherencia!      

Parei nestas dúas cousas,  quen me lea podería engadir moitas outras, porque a nosa é a historia interminábel dos despropósitos e das contradicións, mais aí seguimos, a empurrar, porque, se non o facemos, a pedra caerá sobre nós e nos esmagará (máis aínda).        

Claro que, se cadra, non temos outro destino. A ‘Ley de Seguridad ciudadana’ pretende acabar con todos os Nunca Máis. Porén, consentiremos que lles saia gratis aos do  Sempre Sísifo?