Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
28-06-2013

Coa política económica do PP, avalada polo PSOE e outras forzas políticas, imos camiño de perder todos os nosos dereitos laborais

A dereita en estado puro

PAZ ABRAIRA SOBRADO


O Partido Popular e os seus máximos dirixentes mostran cada día con maior claridade as súas cartas. Como se dun xogo de naipes se tratase, xogan coas nosas vidas e barallan en partidas indecentes nas que o premio é arrasar cos dereitos das persoas. E non se miden a hora de poñer en marcha novos mecanismos para meternos o medo no corpo e lograr así que non nos enfrontemos abertamente as súas decisións políticas, como as multas impostas a sindicalistas na Mariña lucense ou a representantes públicos do BNG na Coruña.      

A semana pasada o ministro de educación, o xa famoso Wert, saíu anunciando que para obter unha bolsa de estudos na universidade haberá que ter unha nota media como mínimo de 6,5. E cubriuse de novo de gloria ao afirmar que se alguén procedente dunha familia humilde non é quen de chegar a esa nota media será porque non está ben orientado educativamente. É dicir, que se es rico e non chegas ao 6,5 non pasa nada, podes seguir cursando a titulación que queiras, pero se es pobre entón debes pasar ao pelotón dos burros e desempregados porque non tes capacidade para estudar o que decidiche. Clasismo en estado puro. Agora que pretenden convencernos de que non existe a loita de clases vemos como esta está tan presente coma sempre na sociedade. Porque ao que estamos asistindo é a unha verdadeira loita de clases, á eterna loita dos ricos contra os pobres. Outra volta de torca que nos queren aplicar para que o día a día sexa cada vez máis duro e para que cada vez teñamos menos dereitos.      

A isto hai que sumarlle o que está a pasar coas declaracións da patronal, que considera que catro días de permiso por falecemento dun familiar directo son un verdadeiro dispendio e que todos podemos pagar un avión para ir ao enterro dos nosos pais ou dos nosos fillos. Está claro que para estes señores a dor e o sufrimento son cousa de pobres, tamén no caso da morte de quen máis che importan. Será porque a eles só lles importa enriquecerse a conta do traballo dos demais.        

E para que todo isto pase desapercibido, a pesar da extrema gravidade que ten, empregan vías de ocultación máis que evidentes. O macroxuizo aos mozos galegos na Audiencia Nacional por terrorismo pon en evidencia a política ficción que aplican desde a dereita. Pretenden convencernos de que o gran problema galego é a violencia exercida con bombas e non a violencia exercida polos gobernos do PP na Xunta e no Estado e pola Troika europea. Mentres a televisión e a radio pública galega asimilan a Resistencia Galega con ETA e co terrorismo islamita, a realidade é que o terrorismo é o que aplican desde os distintos ámbitos de poder deixando á xente sen recursos e sen mecanismos públicos para sobrevivir.      

Ocultación da realidade e fanatismo político é o que nos presentan cada día os máximos dirixentes do PP. E a este fanatismo súmase cando lle convén o PSOE, como no caso do famoso pacto de política europea, ao que tamén se subiron outras forzas políticas e non só as estatais. Reúnense todos, xuntos ou por separado, para falarnos de que hai que corrixir a deriva europea pero finalmente o que fan é acatar e aplicar os mandatos da Troika, primeiro uns e agora outros, e sempre coa colaboración entusiasta dos correspondentes brazos sindicais, CC.OO e UGT. Todos eles teñen a mesma política económica, a que manda a Troika. Afondan aínda máis nas políticas neoliberais para enriquecer máis aos máis ricos. Ese é o seu acordo, o único ao que lles interesa chegar e do que o BNG se desmarcou completamente por ser totalmente lesivo para o noso país.        

E como xa dixen ao comezo, para que non nos movamos, agora tamén recorren a sancións económicas co afán de facernos calar, pero non o van lograr. Imos seguir na batalla para parar os desafiuzamentos, a privatización da sanidade, para que devolvan os cartos roubados ao pobo nas preferentes,... e para sacar á luz todos os problemas deste País.