Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
01-03-2013

Sempre que paso pola parroquia carballesa de Sofán lémbrome das súas mártires que seguen no esquecemento oficial

Mártires de Sofán no esquecemento

XAN FRAGA RODRÍGUEZ


Sempre que paso pola parroquia carballesa de Sofán lémbrome das súas mártires que seguen no esquecemento oficial. Sofán é unha parroquia que ata a primeira década do século XX era a máis poboada do concello de Carballo, máis incluso que a propia capital municipal. Sabido é que o movemento agrarista ligado ao galeguismo prendeu en Bergantiños onde sobresaen Ramón San Luís Romero ou Castor Monteagudo ademais do propio poeta zapateiro Xesús San Luís Romero quen na súa obra O Fidalgo arremete contra o caciquismo e clientelismo da Restauración.    

A gripe de 1918, moi estendida pola primeira guerra mundial (1914-1918) foi  a máis mortal do século causando millóns de mortos, segundo as fontes falase de 25 a 40 millón en todo o mundo. Neste contexto no concello  decídese a construción dun novo cemiterio, incentivado polos sectores caciquís do poder, ligado aos irmáns Regueiro Vázquez, Manuel (médico) e Andrés (notario) orixinarios do Taramboio (Sofán) e pola súa vez servís do deputado Del Moral, da casa da condesa de Torre Penela. Exemplo da política corrupta e clientelar da Restauración.    

A maioría dos veciños opóñense a construción do novo cemiterio e prefiren a ampliación do vello. A Xunta Local de Sanidade (Manuel Regueiro) e o concello clausuran o cemiterio vello en novembro de 1918. A xente non está conforme  e segue enterrando aos mortos no cemiterio vello ata que estala o conflito o domingo 16 de febreiro de 1919 en que se ía a enterrar a un neno de catro anos. A Garda Civil, con algún matóns ao servizo dos caciques, intenta parar a comitiva fúnebre mais a poboación oponse e a resposta da Garda Civil foi salvaxe sendo o resultado catro mulleres mortas e varios feridos. As asasinadas foron: María Caamaño Pallas, que tiña sete fillos e estaba embarazada, Carmen Veira Souto, con catro fillos, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato.     

Houbo moitas protestas, intentouse facer manifestación en Carballo que o poder caciquil impediu, pero si se fixeron na Coruña a pesar de que moitos carballeses non puideron ir pois o terror apoderouse da capital de Bergantiños. Nos locais da Irmandade da Fala da Coruña celebrouse un mitin onde falaron entre outros Peña Novo, Vilar Ponte, Blanco Torres e Casares Quiroga. O periódico galeguista A Nosa Terra recolle a información moi crítica en diversos números solidarizándose coas vítimas mais tamén lamentando que os labregos non puxeran máis enerxías en loitar contra o caciquismo e outros problemas máis graves que o do cemiterio ou o baldaquino no caso de Oseira. Lembremos a Castelao que recolle no seu Album Nós  os feitos de Oseira (1909), Nebra (1916) e Sofán. Tamén o fai en Memorias dun esqueleto (Céltiga, 1922).    

O concello de Carballo na II República,en 1932 sendo alcalde Francisco Bolón propuxo construír un monumento as mártires de Sofán por suscripción popular, comezando o propio concello cunha cantidade determinada. No mesmo ano en Sobredo, Guillarei (Tui) o escultor Camilo Nogueira  realiza o monumento homenaxe as vítimas dese pobo noutro conflito agrarista (1922) polo impago dos foros. En Carballo despois no bienio negro paralizouse a iniciativa e logo a máis negra ditadura franquista imposibilitou levar a cabo esa homenaxe. E onte? E hoxe?. Quen se acorda de Sofán das mártires?