Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
04-02-2013

A dun rei que, malia ter un soldo ofensivo para os tempos que corren, recupera a extra que a outros se lles nega

Vidas exemplares

MARICA CAMPO


Ás nenas e nenos da miña infancia, no colexio, na catequese  e en certas familias pías,  dábannos a ler libros de santos, a miúdo cheos de feitos fantásticos ou extravagantes tales como non mamar en Venres Santo cando naipelos ou viviren moitos anos no alto dunha columna ou debaixo dunha escaleira. Alén diso, todos eran moi boíños, obedientes, castos, austeros e devotos. Algúns tamén practicaban a caridade cristiá, mais case sempre as haxiografías facían menos fincapé nisto que nas outras cousas. Tratábase, resumindo, de vidas exemplares que nos debían  servir de modelo no camiño da santidade, que seica  a ela nos tiñamos que sentir chamados todos e todas as que recibiramos o bautismo.        

(Non deben andar moi lonxe daquelas ensinanzas as relixiosas dunha orde de longo, longuísimo, nome: Fraternidad Reparadora Apostólica en el Corazón de Cristo Sacerdote. Chámanlles “as monxas azuis de Oropesa”, e xa se deixan ver por varias parroquias de Galiza. Levan unha vida de austeridade extrema e, en canto á captación de vocacións, proceden como unha verdadeira seita. O seu maxisterio ten alarmada a boa parte dos veciños de Zas).          

O caso é que, descoñecendo eu de pequena o verdadeiro significado de “exemplares” nas novelas de Cervantes, e coidando dedicarme a libros piadosos, lin, entre outras cousas, La tía fingida, quen, se a memoria non me traizoa, tiña, entre outros oficios, o de remendadora de virgos. Nin que dicir ten que, cando meu pai se decatou, interrompeu abruptamente a miña lectura tirándome das mans o volume. Despois explicoume o porqué do cualificativo das tales  novelas.        

Malia todo, con ou a pesar daquel clero e aquela escola, en moitas familias ensinábase que o primeiro era ser boas persoas. Había unha recomendación bíblica, a de non reter xamais a soldada dun obreiro, que era de obrigado cumprimento en moitos fogares. A usura tiña o rostro dun ancián amarelo, de queixo afiado e nariz ganchudo ao que non nos queriamos semellar nunca. Acoller aos esmoleiros non admitía escusa. Isto último mesmo deixou pegada na paisaxe de certas zonas nas que a presenza de cipreses indicaba a vontade de  lles dar pousada aos  peregrinos, por certo, tantas noites como árbores desta caste houbese arredor da casa.      

Sen saudades daqueles tempos no tocante a fanatismos relixiosos,  celebrando, pola contra, que desapareceran en boa parte, bótase a faltar unha educación en xustiza social. Semella que é tarefa exclusiva de certos partidos de esquerdas. A Conferencia Episcopal, tan de dereitas, segue erre que erre poñendo o acento en todo o relativo ao sexo e as súas derivacións e, de momento, non convocou nin acudiu a outras manifestacións que as que xiraron arredor deste asunto. A fame e os desafiuzamentos non lle tiran o sono. Caritas é o que é a pesar dos mitrados, non grazas a eles. Mais seguimos a ter vidas exemplares:

A dun rei que, malia ter un soldo ofensivo para os tempos que corren, recupera a extra que a outros se lles nega. Un bon vivant, sen dúbida, que só acougará cando a farmacopea non lle faga efecto, porque a pata quebrada non o conseguiu. A do seu ínclito xenro, o que tentou tapar latrocinios coa capa dunha organización de nenos con cáncer, que xa fai falla ter peito. A de todos e todas os que subiron ás pólas desa retorta e frondosa árbore chamada Gürtel. A dos altos directivos dos bancos e das caixas que marcharon cos petos cheos tras arruinaren tanta xente. A de…, para que seguir? Vidas de exemplar corrupción, como o deus diñeiro manda. Ai, se Cervantes volvese, pareceríanlle santos os seus congregados no patio de Monipodio!