Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
30-01-2013

Hai un estado de ánimo que se reflicte na Canción pra cantar tódolos días e que non habería outro xeito mellor de o expresar

Construción da rabia

XON CARLOS GARRIDO COUCEIRO

Manuel Maria


Hai un estado de ánimo que se reflicte na Canción pra cantar tódolos días e que non habería outro xeito mellor de o expresar. Manuel María, esa presenza imprescindible en cada fenda pola que fuxían os berros desta Terra, segue aí en cada palabra dese poema escrito con tanta saña que parece que a tensión atmosférica que provoca aínda non escampou nin o fará nunca.    

Un poema tan politicamente incorrecto e ao mesmo tempo tan emocionalmente preciso e tan san, lémbranos o clima de “A xustiza pola man!” de Rosalía. Son deses poemas que deben ser evitados en certos recitais de bo gosto, sobre todo se queremos ser fríos e calculadores, medindo cada palabra con tanta precaución como esganamos o percorrido do noso sangue quente, fervendo, que parece circular por todo o corpo a grande velocidade até que choca entre si no peito. É deses poemas que un non se atrevería a dicir aínda que o pensase. E desde logo, seguramente non se tería feito si se dixera... mais quen algunha vez non sentiu esa rabia?      

Pode que haxa, efectivamente, quen non a sinta nunca. Eses son os realmente perigosos. Os que non teñen sensibilidade e non están mortos. Os que están mortos as veces teñen máis sensibilidade que estes.      

Mais o certo é que este poema é como un bramido de quen vén de recibir unha estocada na fibra máis íntima, e bota por esa boca o que primeiro lle pasa pola mente. Os que a súa identidade soborda os límites do seu corpo físico para estenderse pola pel desta nación, ben seguro que recibiu algunha vez este tipo de agresión e sabe ben o que se sente. Porque este poema, en voz dun pobo aldraxado e mallado -e cada quen pode xulgar obxectivamente quen é o que impón a súa lingua e machaca a do outro- non é unha canción ofensiva, senón que sinxelamente é a expresión máis atinada e comedida do dereito á defensa propia.      

Entra como un camión empotrándose contra un escaparate [Hai que defender o idioma como sexa:/ con rabia, con furor, a metrallazos. / Hai que defender a fala en loita rexa / con tanques, aviós i a puñetazos] e chama a atención sobre a gravidade da ofensa coa cal se correspondería esta resposta. Fronte a un cortés “deixalo pasar” co cal se despacha un asunto polo que non vale a pena pasar o mal trago de violentarse.      

É a reacción do golpeado, a fera ferida que levamos dentro, a dor causada na nosa carne arrincada a bocados e os nosos oídos escaldados polo aceite fervendo dunha lingua invasora, abrasadora, xorda, destrutora... que vai deitando no noso interior unha maré negra que esteriliza todo o que toca. Mais este bramido intenso non se esvae nun suspiro senón que volta como enxurrada polas venas de Manuel até os seus dedos que premendo con forza nas teclas das súa maquina, case rompendo os ferros das súas letras, continúa [Hai que ser duros, peleós, intransixentes/ cos que teñen vocación de señoritos, /cos porcos desertores repelentes /cos cabras, cos castrós e cos cabritos]       Unha fauna tan familiar e ao mesmo tempo tan pouco humana... Non quere dicir con iso que se deshumanice, non. Senón que se humaniza a estes animais con virtudes tan propias dos homes como é a deserción. Non se trata de poñer no banco de matar os porcos ao señorito, senón de lembrar que no banco do señorito só hai un porco.      

O señorito, ese ser improdutivo, ese parasito sen terra, esa carga para o país...      

Mais non abonda con botar fora tanta carraxe, e volver apouvigado ao leito no que durmimos cos nosos inimigos no día a día. Bombear enerxía ao peito até que estoupe só serve para autodestruir a esperanza, e deixar desinchar toda esa xenreira sería como deixar escapar a auga necesaria para aguantar esta travesía do deserto con este sol abrasador que nunca se pon en todo o seu imperio. É preciso manter a tensión creadora [Temos que pelexar cos renegados, /cos que intentan borrar a nosa fala. /Temos que loitar cos desleigados /que desexan matala i enterrala]      

Mais compre lembrar as nosas razóns para manter as nosas forzas. O medo a desaparecer desaparece cando se sabe que un é alguén só se perde o medo. E a vitoria é certa cando o obxectivo do inimigo é tan ambicioso e inútil como extinguírmonos e a nosa pretensión é tan necesaria como sobrevivir: [Seríamos, sen fala, unhos ninguén, /unhas cantas galiñas desprumadas /Os nosos inimigos saben ben/ que as palabras vencen ás espadas]        

Palabras que vencen espadas... son palabras de metal máis duro e folla máis afiada. Palabras ao fin e ao cabo, só palabras... e non feitos? Ou é que hai palabras que son feitos... O poeta nacional non se queda só en palabras pois cando escribe un poema está fundando unha nación onde non hai máis que confusas emocións e desacougo existencial, pronuncia un conxuro máxico que converte de súpeto os sons en palabras ao mesmo tempo que os habitantes en pobo: [O idioma somos nós, pobo común, /vencello que nos xungue e ten en pé, /herencia secular de cada un /fogar no que arde acesa a nosa fe]      

Manuel María, ou como un artista abandona a vaidade e o elitismo propios da súa profesión para chamarlle as cousas polo seu nome e remata cargando sobre si co peso da voz dun pobo que aínda non se sabe nación.