Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
18-07-2012

A sociedade "líquido-moderna" é unha versión perniciosa da danza das cadeiras coas maiorías socias situadas nese inmenso campo de xogo onde cada vez hai menos cadeiras e mais xogadores

Galiza, unha sociedade líquida?

XON COSTA


Nos derradeiros tempos proliferan analistas, comentaristas, especialistas de diferente condición e asistentes a tertulias pagadas que se empeñan en demostrar que -tamén na Galiza- non só vivimos por enriba das nosas posibilidades senón que ademais formamos parte dunha sociedade líquida, unha sociedade que, carente de obxectivos, como un líquido se acomoda ao molde. Mesmo hai foros -promovidos por algún xornal- que analizan como educar nunha sociedade líquida e, quen sabe se a Consellaría de Educación non organizará algún curso a distancia sobre fluídos para poder agrupar, pobres pingas de auga, nenas e nenos de diferentes idades en caixas tetrabrik.

Mais a cuestión está en definirmos se Galiza é ou non é unha sociedade líquida (tendo en conta que non é sociedade anónima e si ten caracteres de sociedade limitada)      

O sociólogo Zygmunt Bauman é o autor do concepto “modernidade líquida”. Utilízao para definir o estado fluído e volátil da actual sociedade, unha sociedade sen valores demasiado sólidos, na que a incerteza pola vertixinosa rapidez das mudanzas debilita os vínculos humanos, de xeito que o que antes eran nexos potentes reverteron agora en lazos provisionais e cheos de fraxilidade. Bauman afirma que a vella sociedade, solidamente construída e asentada sobre alicerces estables, case permanentes e inmutábeis como a familia, o emprego ou as institucións políticas, está totalmente desvanecida e que a posmodernidade rompeu todas as ancoraxes co pasado, de xeito que nos movemos nunha contorna precaria e cambiante, na que antigos valores como a fidelidade -amorosa, amical, ideolóxica- a duración ou a renuncia perderon o seu significado. A vida líquida é unha vida precaria, vivida en condicións de incerteza constante e a sociedade "líquido-moderna" é unha versión perniciosa da danza das cadeiras. Iso é a sociedade líquida (hai que indicar que algúns falan xa de sociedade gasosa onde os individuos e as institucións aboiamos á deriva, mais non imos avanzar tanto, sobre todo despois das normas aprobadas estes días polo goberno do estado e que máis que a unha sociedade líquida conducen a unha sociedade incandescente)        

Seguramente podemos concordar con esas análises aplicadas ás sociedades nucleares ou centrais do sistema neoliberal nas que pode haber, hai, comportamentos humanos susceptíbeis de seren analizados cos criterios e parámetros do que se chama sociedade líquida. Mais, en todo o caso, parece evidente que eses comportamentos individuais se manifestan dentro dunha sociedade piramidal e fortemente xerarquizada, case estamental, onde por un lado, no ápice, se asentan os verdadeiros poderes dirixentes que ditan o libro de instrucións para o funcionamento do sistema (o que agora se chama troika) e doutro lado, na base, as grandes maiorías sociais situadas nese inmenso campo de xogo onde cada vez hai menos cadeiras e mais xogadores.      

Neste contexto, e para unha sociedade periférica como a galega, utilizar os parámetros da “modernidade líquida” para analizar os comportamentos e os movementos sociais é un snobismo innecesario, ou polo menos, pouco xustificado, paréceme. E non tanto porque non se detecten comportamentos individuais que encaixen dentro dos valores da sociedade líquida, que os hai, e seguramente en demasía, senón porque a grande maioría da poboación galega acredita e practica valores que a afastan da modernidade líquida de que fala  Bauman e a aproximan máis ao concepto de sociedade sólida embora se vexa, mais que ningunha outra, condicionada polas decisións que proceden do centro do sistema e da cúspide da pirámide. Como mostra poñerei só dous exemplos, un o valor do traballo, e ligado a el o valor da solidariedade; o outro o valor da resistencia contra a colonización.      

Canto ao primeiro non é preciso lembrar que é a nosa unha sociedade que pretende vivir dignamente do seu traballo, quer no agro quer no mar, pescando ou construíndo barcos e que son, en todo o caso, as limitación impostas á nosa produción, ditadas desde o cume da pirámide, as que introducen distorsións sociais contra as que, desde sempre, a sociedade reaxiu xa for coa creación de movementos agrarios únicos ou coa conformación de organizacións sindicais como a CIG, exemplo ben patente do valor da solidariedade con máis de setenta mil afiliados e afiliadas.      

Canto ao segundo, o valor da resistencia fronte á colonización, é evidente a actualidade do pensamento de Castelao cando afirma “sodes uns imperialistas fracasados” pois lingua e cultura, batidas con sadismo, resisten a enxurrada. E máis unha vez o valor da solidariedade aflora en proxectos colectivos como Sermos Galiza.      

Valores non nos faltan, temos capacidade de autoorganización, descartamos aqueles que se autoproclaman líderes imprescindíbeis. Galiza non é unha sociedade líquida. Galiza é unha realidade sólida. E non agardamos, por non o precisarmos  a ningún  D. Sebastián para entrarmos con el na sociedade da néboa.