Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
18-03-2012

A construción naval ten importancia estratéxica e cría tecnoloxía avanzada. Abandonala é afundir o futuro

Construírmos barcos, navegarmos no porvir

XON COSTA


Segundo leo nun libro de Alberto Vilanova Rodríguez (Los días históricos de Galicia), tal día como o de onte, 17 de marzo, do ano 1622, " dáse coñecemento á Xunta Xeral do Reino de Galiza de o ánimo do Rei Filipe IV terse inclinado para dar a Galiza o voto nas cortes", grazas ás boas xestións de diplomáticos galegos como os condes de Lemos e Gondomar, voto que até ese momento tiña, por nós, a cidade de Zamora. Tamén, xusto é dicilo, é posíbel que axudasen a "inclinar" o ánimo do monarca os 100.000 ducados que houbo que pagar, pois xa por esas datas Quevedo escribía aquilo de "poderoso caballero es don Dinero"

E noutro 17 de marzo, agora de 1752, informa o citado libro, tivo lugar o lanzamento do navío Asia, o primeiro que se comezou a construír no estaleiro de Esteiro e que tivo continuación nos seguintes cincuenta anos coa construción en Ferrol de navíos, corvetas, bergantíns, fragatas, goletas, urcas, bombardas, paquebotes, balandras e outros tipos de naves a un ritmo de unha ou máis de unha embarcación por ano.

Saíron daqueles estaleiros non só o Asía, mais tamén o Eolo, Neptuno, Magnánimo, Intrépido, Medea e, por suposto, moitos con nomes de santas e santos, nunha construción ininterrompida até o día de onte, xa que polo de hoxe non podemos responder. Por certo que este navío, cuxa construción, xunto co San Fernando se iniciara en 1749, foi afundido en 1762 na baía da Habana, xunto co Europa e o Neptuno, tamén construído en Ferrol, para evitar a entrada da frota inglesa naquela cidade, nunha decisión tomada pola Xunta de Guerra presidida polo gobernador D. Juan de Prado, decisión que non serviu para frear os ingleses e que lle custou un proceso a todos os integrantes da Xunta de Guerra que supuxo, concretamente para o gobernador "privación completa dos seus empregos militares, desterro da Corte 40 leguas en contorno por dez anos e que dos seus bens se resarza os danos e prexuízos á facenda real e ao comercio"

.... fomos ficando sós


Douscentos cincuenta anos despois destes acontecementos son as decisións tomadas por diferentes gobernos en ámbitos diversos as que están a punto de conseguir que, na Galiza, todo o sector da construción naval naufrague de forma definitiva, após enfrontar a que, posibelmente, é a maior crise da súa historia, con débedas astronómicas que condicionan a viabilidade de centenares de empresas auxiliares así como millares de postos de traballo directos ou indirectos relacionados co sector naval.

E sucede isto non porque non haxa posibilidades de desenvolvemento do sector, senón por unha serie de decisións, tan equivocadas como as que tomou Juan de Prado no século XVIII mais que, a diferenza daquela, quen agora as toma non ten que responder das súas actuacións ante ninguén, nin resarcir os danos e prexuízos causados, como moito acódese a unha simple intervención televisiva na que se nos afirma que, para favorecer a modernización do sistema económico e adaptalo ás necesidades do século XXI é preciso tomar agora medidas que ... bla, bla, bla.

Dito de outra maneira, son as "esixencias" dos mercados, da Unión Europea, ou non se sabe ben de quen, as que condicionan o desmantelamento dos sectores produtivos galegos, nunha secuencia iniciada hai xa algúns anos e que se desenvolve nunha liña temporal perfectamente definida que camiña en paralelo con todas as reformas que se están a dar nos mercados de traballo, na deslocalización de empresas, na concentración de capital financeiro, etc. Son "comisarios" europeos, que en ocasións confunden a Galiza atlántica coa polaca, cando non é o propio goberno do Estado, os que toman as decisións de apoiar un ou outro sector produtivo en función de criterios nunca explicitados mais que de ningún xeito procuran o mantemento dos sectores produtivos nun espazo que para eles é mera periferia dun sistema que é por súa vez periferia do sistema central.

Ora ben, o problema que temos na Galiza é que eses mesmos argumentos que se aplican ao sector naval tamén serven para xustificar a política pesqueira, a enerxética, a financeira, a agraria tan castigada desde hai vinte e cinco anos, a forestal vía introdución de todo o tipo de especies altamente produtivas e ao tempo igual de degradantes do medio e mesmo a lingüística e cultural, nunha deriva que permite que toda a política de emprego e económica fique en mans alleas, con consecuencias tan evidentes como os altos índices de desemprego e a emigración que observamos na actualidade.

A construción naval posúe unha enorme importancia estratéxica e cría tecnoloxía avanzada con repercusión noutros sectores, por iso é un sector polo que apostan moitos gobernos e por iso na maior parte dos países con construción naval as institucións apoian a construción de buques

Sen o mar e sen o barco ...


Seguramente se pregunten que teñen a ver as dúas referencias históricas do comezo, que Galiza recupere o voto na corte do Rei Filipe coa botadura do navío Asia.

Pois resulta que bastante.

No primeiro caso porque case catrocentos anos despois, unha grande parte dos deputados e deputadas electos polas catro circunscricións electorais galegas, permanecen alleos a toda a problemática derivada da crise do sector naval, e por extensión de toda a Galiza, de xeito que o seu voto máis parece servir intereses de fóra que os nosos propios; só os dous representantes do BNG - transfiguración actual de Lemos e Gondomar- presentan iniciativas tendentes a paliar, cando menos, a crise do naval en Vigo e Ferrol .

O sucedido coa industria naval non é o único exemplo de desmantelamento dos nosos sectores produtivos. Mais pode que sexa o máis significativo se temos en conta que outros, como pode ser o leiteiro, non dispoñen da posibilidade de crear "focos tecnolóxicos e de progreso" tan concentrados como os desta industria hoxe firmemente asentada, basicamente, en Ferrol e Vigo.

Chama a atención o desinterese, por non dicir outra cousa, de quen ten a obriga de defender os nosos sectores produtivos. O Presidente da Xunta, Sr. Feijoo, dixo non hai moito, que "todos os indicadores, todas as previsións estratéxicas falan do século do mar, que é tanto como dicir o século dos países marítimos. Nós sómolo".

É obvio que para percorrer o mar se precisan barcos. A cuestión está en definir se os construímos e reparamos aquí ou se nos contentamos con velos pasar, xa que nisto, como en moitas outras cousas, podemos ser protagonistas ou espectadores. Todo dependerá da percepción que teñamos de Galiza, como a fin da Terra ou como o principio do Mar.