Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
10-02-2012

Aqueles que gobernan de costas ao país atopan nos recortes a coartada idónea para laminar a conservación e difusión dos bens culturais galegos

Un patrimonio fotográfico baixo chave

ALBERTE MERA GARCÍA

Retrato de Castelao por Jaime Pacheco, 1926.

Os pobos atopan no soporte fotográfico a captura da súa realidade máis tanxíbel desde finais do século XIX e a vontade expresa de visualizar a súa historia. No noso país, o patrimonio fotográfico é un importante valor artístico, fundamental para a pervivencia da nosa memoria colectiva. Boa mostra disto é o arquivo Pacheco, actualmente paralizado por orde do concello.

A desidia cara á nosa cultura que exercen aqueles que gobernan de costas ao país semella un lobo insaciábel que atopa na crise e nos recortes unha idónea coartada para saír impunes nos medios ante a sociedade. Nesta ocasión, o desinterese do goberno municipal de Vigo afecta a un importante piar do patrimonio fotográfico galego que supón o arquivo Pacheco. Desde o 31 de decembro, este arquivo mantense pechado ao público, as e os traballadores na rúa e carécese de proxecto de futuro algún. Pero o problema maior non está en que se lle negue o acceso a este patrimonio ao público, senón que cada día que o arquivo se manteña pechado e sen profesionais que o atendan, as fotografías almacenadas deterióranse con rapidez.

A importancia do arquivo Pacheco de fotografía radica no contributo que supón para a historia e a memoria colectiva galegas, almacenando entre 120.000 e 150.000 fotografías de retratos de persoas relevantes (retrato de Castelao por Jaime Pacheco, 1926) e de xente anónima, fotos urbanas ou de acontecementos sociais; datadas desde 1870 até case cen anos despois. Trátase dun valor etnográfico construído fotografía a fotografía que configura a historia dunha cidade, do seu desenvolvemento industrial, naval e mariñeiro; que recolle as primeiras manifestacións sindicais recorrendo as rúas do centro de Vigo, as mesmas rúas nas que o dispositivo de Pacheco recollería o desfile das bandeiras nazis e falanxistas poucos anos despois.

Tras o peche do arquivo en decembro, unhas 70 mil imaxes (aínda non catalogadas nin dixitalizadas) atópanse almacenadas en caixas nos sotos da Casa das Artes, carecendo do tratamento de limpeza e conservación precisos que impidan o rápido avanzo dos fungos que deterioran a emulsión fotográfica. A menos que se tomen medidas inmediatas é predecíbel que boa parte dese material ficará inservíbel.

Desde logo, nin esta situación nin a conservación deste patrimonio cultural semella ser de importancia para o goberno do PSOE e a súa concelleira de Cultura, que con manobras distrativas tentan acalar un malestar que nunca deberon pensar que se ía producir. Por riba dos caprichos institucionais do PSOE de borrar o que non for da súa competencia anteriormente, debería primar nunha concellería de cultura a noción de que a catalogación esixe dun persoal permanente e non rotativo, modelo cara ao que o goberno anunciou camiñar.

Hai tres anos configurouse un equipo de traballadores, por primeira vez con coñecementos fotográficos, que tivo na dirección do arquivo a Vitor Vaqueiro, e que tamén por vez primeira desde o 1991, en que comezou a andar o arquivo, catalogáronse e documentáronse gran parte dos fondos (chegando a unhas 25.000 fotografías catalogadas), ordeáronse 60.000 imaxes, realizáronse publicacións, tres exposicións de Pacheco ('Mulleres', 'Os anos escuros' e 'Cartas de punto maior' esta última sobre o mar e o naval na cidade). Dixitalizáronse 13.000 novas fotografías e atendéronse a unhas 8.000 visitas e a 100 proxectos de investigación e outro tipo de exposicións externas ao arquivo.

O Centro Galego de Fotografía ou o baleiro pechado.

Ademais da destitución do director do arquivo en setembro e da orde de paralización da actividade en Pacheco no mes de decembro; a desidia institucional tamén se estende ao Centro Galego de Fotografía; que xunto á Pinacoteca farían do Casco Vello da cidade un referente para a imaxe galega. Este centro impulsado polo BNG daría por fin necesario cumprimento ao contrato de venda do arquivo por parte da familia ao concello en 1991, no que se esixía a posta en disposición dun edificio propio para o arquivo coas axeitadas condicións de humidade e temperatura para a conservación fotográfica. Este edificio rehabilitado e preparado (mais aínda baleiro pola parálise á que lle obriga o PSOE) tiña concretado acoller tamén outros arquivos fotográficos galegos como a obra de Llanos, nesa creación do que sería un novo referente da imaxe galega.

Sobra preguntarse que acontecería se un país normalizado contase cun arquivo de seu con estas características. Unha oportunidade que se está a perder de pór en valor o noso patrimonio nun momento no que as modas e convencións das artes occidentais marcan o interse pola recuperación e revalorización da fotografía antiga e do tipo de imaxe que contén este arquivo.