Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
18-01-2012

Austeridade é a palabra chave na terapia da doutrina do choque contra a crise

A ideoloxía da austeridade, ou o momento de pensar a Historia

XON COSTA


Nestes días está tendo unha grande divulgación, sobre todo a través das redes sociais, un documental titulado A doutrina do choque. O auxe do capitalismo do desastre, baseado nun libro de Naomi Klein. Pode verse subtitulado en lingua galega, norma gráfica portuguesa, contrariamente ao que dá a entender o Facebook e demais redes sociais, cuxas ligazóns remiten sempre para La doctrina del shock, con subtítulos en español. Quizá esta sexa tamén unha mostra de como a teoría desenvolvida no documental funciona nos procesos de asimilación lingüística e cultural de sociedades como a nosa.

No documental citado explícase a analízase que é, e como se aplica, a doutrina do choque, esa filosofía política e económica que sustenta que a mellor maneira, a mellor oportunidade para impor as ideas radicais do libre mercado é no período que segue ao dun grande choque, considerando que tal choque pode ser unha catástrofe económica, un desastre natural, un ataque terrorista,  unha guerra. Mais, a idea é que esas crises, eses desastres, eses choques abrandan sociedades enteiras, desprazan e desorientan as persoas, abrindo así unha "xanela" a partir da que se pode introducir o que os economistas chaman "terapia do choque económico". E todo como se se tratar dunha especie de extrema cirurxía de países enteiros, todo dunha vez. Non se trata dunha reforma aquí, outra por alí, mais si unha mudanza de carácter radical.

A doutrina do choque no contexto galego

A aplicación desta doutrina ao noso contexto, sen descartar que se poidan dar outros elementos, céntrase na utilización da linguaxe como a ferramenta máis requintada desa terapia de choque, como elemento infalíbel de introdución de factores de medo. Con respecto a isto cabe lembrar que, só uns días após a toma de posesión do goberno presidido por Mariano Rajoy, se nos comezou a dicir, para o asumirmos con resignación, que estamos moito peor do previsto, que a crise vai a máis, que o desemprego non se detén, que se precisan grandes esforzos e que estes serán recompensados. E por suposto, que a mellor forma de goberno é a do estado centralizador de competencias, que é demasiado caro manter as diferenzas, iniciando así unha campaña contra as comunidades autónomas, e contra a idea mesma de estado plurinacional,  apoiada e divulgada mesmo polas axencias de cualificación internacional.

E nesta terapia de choque velaí como xorde a palabra máxica, a palabra eficaz: AUSTERIDADE. Austeridade, esa é estrela que guía e rexe a acción política presente. Como se dun espectáculo de maxia se tratar xorde a teoría da austeridade.

Mais, que hai detrás desta palabra?

Para comezar, poderíamos adiantar que hai unha práctica económica  que procura a calquera custo reducir o gasto público. Mais non é  de austeridade no seu significado de "rigor, de seriedade, de ausencia de enfeites ou ornamentos" do que estamos a falar; é de austeridade no sentido de redución, cando non eliminación, das partidas orzamentarias para o sector público mentres se destinan esas partidas, ou outras máis elevadas, para potenciar e inxectar beneficios no sector privado; é da austeridade que  toma como albo preferido dos cortes de gastos os proxectos de desenvolvemento e os gastos sociais.
Nos últimos meses temos exemplos abundantes do que supón a aplicación política da austeridade: recortes sociais, privatización de servizos públicos, reforma de pensións, reforma laboral, ... son medidas que conducen ao empobrecemento de millares de galegos e galegas, e todo  en función de medidas de austeridade. E serviu iso para algo? Pois serviu para crear esa sensación de que algo pode suceder e que fai que, por exemplo, as organizacións sindicais do sistema nin cuestionen a reforma laboral.

Mais para alén de todo isto esta política ten, loxicamente, consecuencias ben visíbeis non só no nivel de renda e benestar das persoas, senón tamén, na configuración do ideario colectivo. Porque esta doutrina do choque, esta terapia da austeridade comeza por imbuír na sociedade a idea de confianza cega na iniciativa privada co obxectivo de afianzar un modelo económico baseado na preeminencia absoluta do sector privado, continua co afianzamento dos valores relixiosos como táboa de esperanza e como modelo de condutas que recibirán premio se actuamos segundo os parámetros do sistema, segue coa promoción do individualismo até cotas nunca antes alcanzadas, (especialmente a través do uso doutra palabra fetiche: "emprendedor") circunstancia que ten por efecto inmediato a non credibilidade das organizacións socias, especialmente as políticas e sindicais, e remata por promover a idea do voluntariado como substituto destas institucións, deixando á iniciativa individual o traballo social.

Sabemos que a esta situación non se chega da noite para a mañá. Fixeron falta trinta anos ben planificados para que ese río chegase a este mar. Ese proceso, que aparece ben descrito no doutrina do choque é reversíbel e mesmo sabemos como o facer pois "o estado de choque é o que nos pasa cando perdemos o noso punto de referencia, mais o que nos mantén orientados é a nosa historia". Por iso, nun período de crise, ou de austeridade,  como o que vivimos hoxe é un excelente momento para pensar na historia, para pensar a historia.

Pensémola, e tamén as posibilidades que temos de nos desenvolver dentro deste sistema. Porque a única terapia válida contra a austeridade, é, como proclamaba na súa toma de posesión como Reitor da Universidade da Coruña Xosé Luís Armesto, a sustentabilidade. E  sobre todo, non retrocedamos,  en como dicía Carvalho Calero, confiar na posibilidade de rectificarmos a historia.