Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
09-12-2011

A dereita española ten o camiño marcado polo PSOE para a supresión do dereito ao intercambio de ficheiros con contidos culturais a través da rede

Lei para a censura na Internet: o PSOE propón, o PP dispón

XAVIER GÓMEZ GUINOVART


Disque o goberno saínte da Moncloa non vai aprobar finalmente, no seu derradeiro Consello de Ministros do 16 de decembro, o regulamento que faría posíbel a aplicación da polémica Lei Sinde para a censura na Internet, deixando esta incómoda tarefa ao goberno entrante de Raxoi. As razóns públicas esgrimidas polo PSOE para o seu rexeitamento in extremis a desenvolver esta lei céntranse en cuestións xurídicas e técnicas, aínda que parece evidente que foron motivos políticos os que determinaron a súa decisión.

Lembremos que a aprobación no Congreso dos Deputados español da Lei Sinde en febreiro de 2011 saíu adiante grazas ao pacto entre PSOE, PP e CiU, coa oposición do resto dos grupos parlamentarios. Non aprobando agora por decreto-lei o proxecto de regulamento para a aplicación da Lei Sinde, o PSOE por unha banda non pon en ningún perigo o desenvolvemento futuro da lei por parte do PP e, por outra banda, evita que o seu electorado o identifique como o promotor e o executor desta lei nefasta feita a medida da SGAE e dos lobbies cinematográficos estadounidenses.

Como para tantos outros asuntos, o PSOE propón e o PP dispón: a dereita española ten o camiño marcado polo PSOE para a supresión do dereito ao intercambio de ficheiros con contidos culturais a través da rede, o mesmo que o ten para o recorte dos dereitos laborais ou para a progresiva eliminación e privatización dos servizos públicos da sanidade e do ensino. A alternancia PSOE-PP non vai afectar a dirección destes ataques ás liberdades e aos dereitos, soamente a súa intensidade.

A recente maioría absoluta do PP no Parlamento español vai representar sen dúbida retrocesos máis profundos que nunca nas conquistas sociais e nos dereitos constitucionais de liberdade de expresión e de información. É moi posíbel que o novo regulamento para a aplicación da Lei Sinde que dispoña o PP conteña aínda maiores limitacións ás liberdades que o concibido polo PSOE. Tamén é previsíbel e desexábel que as súas consecuencias prácticas sexan máis propagandísticas do que reais, e que o intercambio de contidos culturais e lúdicos na rede siga existindo dun ou doutro xeito.

No seu tratado Desobediencia civil de 1866 (publicado en galego por Edicións Positivas en tradución de Pablo Seoane), escribía Henry D. Thoreau: "Existen leis inxustas: ¿Contentarémonos con obedecelas, tentaremos emendalas (obedecendo entre tanto ata que teñamos éxito) ou as violaremos de inmediato? Se a inxustiza é de tal natureza que require que sexades axentes da inxustiza, entón eu digo: violade a lei. Que a vosa vida sexa o freo que detén a máquina. En calquera caso, o que eu teño que facer é asegurarme de que non me presto á inxustiza que condeno".

Dúas excelentes lecturas para iniciarse na resistencia ao máis que probábel avance dos mecanismos de control e censura de Internet durante a próxima lexislatura son Música, cine y televisión legal y gratuita en Internet - Guía para madres y profesoras, unha guía didáctica para informar á mocidade sobre os usos correctos da Internet, publicada en resposta á publicada pola SGAE que foi distribuída nas escolas españolas polo mesmo Ministerio de Cultura; e o Manual de desobediencia a la Ley Sinde, con indicacións prácticas e técnicas sobre como evitar a censura gobernamental. Os dous textos poden descargarse libremente e compartirse a través da rede sen conculcar ningunha lei.