Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
09-10-2011

A ciberliteratura galega, punto de encontro entre a literatura e as novas tecnoloxías de grande relevancia para a normalización lingüística

A literatura dixital galega

XAVIER GÓMEZ GUINOVART


Paseniñamente, pero sen pausa, a crecente penetración, asentamento e ubicuidade de internet e das novas tecnoloxías na sociedade vai
provocando cambios determinantes nos nosos hábitos de vida e
costumes, na nosa cultura e na nosa economía, uns cambios que tomados
en conxunto configuran os que van ser finalmente os trazos característicos da sociedade da información, do noso presente inmediato e sen ningunha dúbida do noso futuro. O eido da literatura non escapa deste devir e, con cada vez maior insistencia, estamos a asistir a un abrollar de novos xéneros literarios propiciados polo soporte dixital, hipertextual, multimedia, colaborativo e omnipresente posto ao dispor da creatividade polas tecnoloxías da información e da comunicación.

Un dos primeiros novos xéneros en cultivarse en Galiza foi o da creación textual participativa, isto é, a elaboración de textos literarios con algún grao de colaboración colectiva. Neste xénero, cómpre salientar o traballo pioneiro de Camilo Franco, levado a cabo nos tres últimos meses de 1999 na malograda plataforma dixital de Vieiros. De outubro a decembro de 1999, durante 50 xornadas, o escritor Camilo Franco escribiu un relato a partir de dúas palabras enviadas polos lectores e lectoras de Vieiros. O resultado serían 50 textos literarios que foron recollidos no libro Por conto alleo, primeiro libro dixital en galego, publicado posteriormente en papel en 2003 por Galaxia. Aínda que sería posíbel rastrexar algúns outros exemplos posteriores de ficción participativa na literatura galega, e malia a súa aparición temperá, o certo que a vitalidade deste xénero na nosa literatura é máis ben escasa.

Todo o contrario cabería dicir da creación literaria orixinada na blogosfera galega, onde sobresae a literatura do eu nuns dietarios autobiográficos enchidos de reflexións persoais, de confesións, de observacións, de memorias. Por veces, os textos independentes escritos ao longo do tempo nun blog a xeito de dietario acaban sendo recompilados e unificados no papel, dando lugar a libros (denominados blooks, en inglés) como Alusións, de Arturo Casas, recentemente editado por Galaxia a partir das reflexións publicadas polo autor no seu blog Lándoas, activo durante os anos 2008 e 2009. O mesmo espazo creativo dos blogs favorece a autopublicación dixital de poemas e relatos de ficción, moitas veces nas formas textuais de extensión reducida da microliteratura e da nanoliteratura, dous conceptos aínda non ben definidos que apuntan a formas de expresión literaria limitadas a un tamaño de entre unha páxina e un cento de carácteres: nanopoemas como os haicús de O Leo i Arremecághona, ou microcontos como os recompilados no I Certame de MicroQontos.

Nos últimos tempos, Twitter estase a converter na plataforma creativa de maior impacto no ámbito de nanoliteratura. O límite dos 140 carácteres impostos polo Twitter, herdanza minorada dos primitivos 160 dos SMS, non impide facer desta rede social un espazo de enorme fertilidade para o cultivo literario, xeralmente ao redor dalgunha etiqueta en vigor (como #piulempoesia, por exemplo, para a poesía en catalán) ou dalgunha iniciativa individual, como a convocatoria de #luces animada por Xosé Manuel Pereiro a principios deste ano para a publicación en Twitter de microtextos galegos con intención literaria.

Tamén agroma a literatura galega en YouTube, da man doutras vías de expresión artística posibilitadas polo formato videográfico. Creadoras galegas como María Lado ou Lara Bacelo divulgan en YouTube as súas obras audiovisuais inzadas de poesía, con videopoemas memorábeis como Berlín, obra da primeira autora, ou Carta dun domingo pola tarde, da segunda.

Porén, é preciso notar a ausencia de exemplos na ciberliteratura galega para xéneros como o da hiperficción ou narrativa hipertextual, onde os relatos se constrúen mediante fragmentos de texto relacionados por ligazóns que se poden percorrer seguindo distintas traxectorias. A modo de ilustración, un par de excelentes exemplos de hiperrelatos da literatura española son Como el cielo los ojos de Edith Checa ou Pentagonal: incluidos tú y yo de Carlos Labbé.

Tampouco se cultivou até agora en galego o xénero da literatura hipermedia, na que alén do texto e das hiperligazóns se inclúen diversos elementos multimedia, como o son, a imaxe fixa e en movemento, o vídeo e a interactividade, características habitualmente xeradas mediante o programa Flash de Adobe. Algúns exemplos ilustrativos deste novo xénero literario serían Wordtoys de Belén Gache, Consensus Trance de Andy Campbell ou Déprise de Serge Bouchardon e Vincent Volckaert.

Desde o punto de vista da normalización lingüística, resulta de moita importancia a presenza do galego no ámbito da creación literaria, tanto polo prestixio social que gaña a lingua nese campo, como polo enriquecemento que supón para a propia linguaxe. A presenza do galego en todas as manifestacións da ciberliteratura é talvez aínda máis importante, xa que nela conflúen as vertentes cultural e tecnolóxica, facendo desa intersección entre literatura e novas tecnoloxías un punto de encontro de grande relevancia para as políticas lingüísticas do idioma.