Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
31-07-2011

A "solución" escollida, utilizar a Grecia de verdugo da expedición, contou co apoio entusiasta dos EUA e da maioría dos estados da UE

A II Flotilla da Liberdade, entre o humanitario e o político

XESÚS RAMÓN GONZÁLEZ BOÁN

Xesús Ramón González Boán a bordo do barco "Gernika"


O Gernika, un pequeno barco como os que fan a travesía da ría entre Vigo e Cangas ou Moaña, chegará nos próximos días a algún porto do Estado Español, posibelmente en Cataluña, despois de que as autoridades gregas levantaran a prohibición de zarpar que o mantiña atracado no porto cretense de Kolimbari.

O Gernika é un dos trece navíos que deberían chegar a Gaza formando parte da "II Flotilla da Liberdade - Sigamos sendo humanos". Como pasaxeiros, 35 activistas procedentes de moi diversos lugares da xeografía ibérica, con diferentes pensamentos ideolóxicos, distintas adscricións partidarias e con visións non coincidentes na caracterización dos obxectivos políticos e/ou humanitarios da flotilla. Unanimidade, iso si, na condena e rexeitamento da política imperial, xenocida e expansionista de Israel en contra (e a costa, e non só) de Palestina.

Houbo quen se enganchou no obxectivo literal da acción: romper o bloqueo marítimo entrando en Gaza por mar. Para eles, o non poder acender os motores e poñer proa a Gaza constituíu unha forte frustración ata o extremo de considerar un fracaso toda a operación. Certo que case ninguén dubidaba de que Israel detería a flotilla en alta mar, pero iso formaba parte da folla de ruta e era o único que xustificaría a non arribada ao porto palestino. Houbo quen, amosando altas doses de inxenuidade política, estaban mesmo convencidos de que os barcos ían zarpar e chegar ao porto de destino.

Hai causas políticas que xeran importantes movementos de solidariedade entre amplas capas da poboación. Palestina, o Sahara Occidental ou, en menor medida o Curdistán,  contan cun forte movemento de simpatía social. Exemplo paradigmático desta empatía solidaria é o programa  "Vacacións en Paz" que cada ano permite a miles de nenas e nenos saharuis convivir durante varias semanas do verao con familias no Estado Español. As familias de acollida  realizan un traballo moi meritorio, mesmo extraordinario diría eu, independentemente das súas motivacións.

Teño participado nalgunha actividade con estas familias en calidade de responsábel confederal da cooperación da CIG e, por veces, é moi doado percibir unha moi forte militancia a prol da causa saharaui que se expresa unicamente en forma de axuda e apoio de carácter humanitario. Con esta perspectiva, o programa saharaui pode ser perfectamente homologábel con aquel outro que acolle a nenas e nenos de Ucraína que aínda sofren secuelas do desastre nuclear de Chernobil. Mais, en termos políticos, esta homologación non é posíbel establecela, pois os dous programas responden a causas e obxectivos ben diferentes. Máis aínda, o programa ucraíno é exclusivamente humanitario, mentres que o saharaui é un programa político que se expresa en clave humanitaria. Ao meu entender, e máis alá das vivencias persoais das familias de acollida e as dos nenos e nenas collidas, o grande valor  do programa "Vacacións en Paz" é duplo: no plano social axuda eficazmente a manter acesa na sociedade do estado español a chama do inconcluso proceso de descolonización do Sahara Occidental e, no plano individual, posibilita que moitos membros das familias de acollida se convertan en militantes sociais e políticos da causa saharaui.

Isto é extremadamente importante pois traspasar a liña da solidariedade aséptica non é sempre moi doado, e moito menos en tempos nos que o activismo social está moi devaluado, o político está desprestixiado e o partidario demonizado. Preciso é recoñecer que tamén aquí a dereita gañou a batalla ideolóxica.

Forzando a casuística, o éxito (ou o fracaso) da "II Flotilla da Liberdade - sigamos sendo humanos" non se pode referenciar en saír de porto ou en chegar a Gaza. Imaxinar esta chegada só é posíbel facendo abstracción do contido e o carácter político das relacións entre Israel e Palestina. Mais é tamén ignorar que a situación actual do Mediterráneo é a dun mar militarizado, por moito que non haxa unha declaración formal en tal sentido. A Flotilla da Liberdade era un novo problema, evidentemente menor a escala xeopolítica mais un problema, nun mar que ten a practica totalidade da súa ribeira sur - desde Marrocos ata Siria, sen esquecer a situación chipriota - en estado de efervescencia; que está a ser o "espazo base" desde o que se materializa a criminal agresión da OTAN contra Libia; que asiste a un importante incremento dos fluxos de refuxiados económicos africanos en dirección a Europa; que vive as tensións derivadas da oposición da OTAN á intención rusa de construír unha importante base naval nas costas da Siria...

De igual modo, só altas doses de voluntarismo e de inxenuidade política poden explicar a elección de Grecia como lugar de concentración e partida da flotilla. Unha sociedade que está a experimentar un desmantelamento brutal do seu colchón social, xa de por si bastante feble, coa desculpa da crise económico-financeira e que ten, como consecuencia lóxica, todos os seus colectivos sociais activos centrados no combate ás medidas antisociais implementadas, non pode prestar moita atención a unha actividade importante mais moi secundaria no actual contexto interno. Se a isto lle engadimos que Grecia vive desde hai un ano unha intensísima lúa de mel política, económica e militar con Israel, non parece que poida estar en moi boas condicións para resistir as presións  a que se viu sometida para impedir zarpar aos barcos da flotilla.

Un outro factor a ter en conta. É coñecida, desde hai moito tempo atrás, a intención da Autoridade Nacional Palestina de presentar no próximo mes de setembro unha solicitude formal de independencia nas sesións da Asemblea Xeral Nacións Unidas. Hai meses que se está a librar unha intensísima batalla diplomática entre israelís e palestinos. Ao día de hoxe, os palestinios aseguran ter arredor de 120 votos consolidados. Pola súa parte, Israel aspira a obter o que ela chama unha "maioría moral", que estaría formada por uns corenta ou cincuenta votos en contra da declaración unilateral de independencia. Conta para iso cos EUA e con varios países da Unión Europea que andan tamén a arracadar votos para a causa deles. A favor de Israel conta, en última instancia, a capacidade de veto no Consello de Seguridade por parte do Reino Unido e dos Estados Unidos.

Neste contexto de conflitividade global no Mediterrráneo e de intensa guerra diplomática, Israel non podía arriscarse a repetir a masacre cometida o ano pasado cando os seus comandos asasinaron a nove activistas turcos que viaxaban no Mavi Mármara formando parte da I Flotilla da Liberdade. Máis tamén non querían someterse ao desgaste político polo eco mediático orixinado por un novo asalto en alta mar aos barcos da II Flotilla.

A "solución" escollida, utilizar a Grecia de verdugo da expedición, contou co apoio entusiasta dos EUA e da maioría dos estados da UE (coas honrosas excepcións de Irlanda e Suecia). E hai que recoñecer que foi a solución de menos custe político pola menor repercusión mediática.

Porque, digámolo claramente, a II Flotilla da Liberdade tiña como obxectivo central a denuncia política da opresión israelí sobre Palestina. Se consideramos a inxente presenza que a Flotilla e os seus avatares tiveron durante tres semanas en innumerábeis medios de comunicación europeos, estadounidenses e israelís; se temos presentes as fortes presións e veladas ameazas exercidas sobre os integrantes da II Flotilla polos respectivos gobernos; se non esquecemos que Israel mesmo recorreu a sabotear varios barcos da II Flotilla; se concordamos en que Grecia, co beneplácito da UE, emitiu un decreto sen base xurídica para prohibir a saída dos barcos (aludindo a unha certa desestabilización do Mediterráneo sudoriental)..., se consideramos todo isto, considero que a II Flotilla  cumpriu sobradamente o seu principal obxectivo. E así o recoñecían tamén moitos dos compañeiros e compañeiras cos que tiven a inmensa sorte de compartir  esta acción internacionalista, solidaria e humanitaria, máis tamén e sobre todo, política.