Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
04-04-2011

Zapatero deixou ben claro que vai continuar as políticas antisociais que leva perpetrando

A saída de ZP, renda solta ao social-liberalismo español

XABIER PÉREZ IGREXAS


José Luís Rodríguez Zapatero anunciou esta fin de semana a súa decisión de non volver a candidatarse á Presidencia do Goberno español en 2012. De seguro que este asunto ha ocupar inxentes páxinas de xornais, minutos de radio e de televisión, e será obxecto de sectarias tertulias políticas nas que se diseccionará até o máis mínimo matiz deste anuncio. Ábrese ademais a veda interna no grande franquiciado electoral que é hoxe o PSOE para ver quen sucederá ao inda Presidente.

Pero ZP vaise a medias. A medias, porque non renuncia ao control orgánico sobre o partido, posto que non dimitiu como Secretario Xeral. A medias, porque non adiantará as eleccións e amosou a súa intención de esgotar a lexislatura. E tamén a medias, xa que os principais nomes das quinielas da súa 'sucesión' política máis que refresco o que achegan é un indiscutíbel continuísmo.

Con todo, e obviando os factores máis evidentes que xustifican a decisión de Zapatero (fundamentalmente electorais), é preciso reparármonos nos aspectos derivados que nos afectan.

Partamos, como ben dixo o portavoz nacional do BNG de que 'o importante non é o cambio de persoa, senón de políticas'. ZP encargouse na súa intervención perante o Comité Federal do PSOE, de deixar ben claro que o goberno español vai continuar, e mesmo aprofundar, nas políticas antisociais que leva perpetrando, ao ditado do neoliberalismo, desde os inicios da crise sistémica, tendo protagonizado o maior retallamento de dereitos sociais e laborais da nosa historia recente. En resumo: de corrección nada, inda maior teima nas mesmas receitas.

O PSOE de Zapatero agora liberado da presión electoral, dado que o Presidente non volverá ser candidato, poderá actuar xa sen ningún freo aplicando o programa político, económico e social da oligarquía española. Se algo podía 'parar' ou alixeirar a deriva dereitosa do goberno socialista era o temor a un desastre electoral que o fixese abandonar o poder. Dando por amortizado electoralmente a ZP, xa non haberá ningunha resistencia interna importante que poida moderar a liña antiobreira do executivo español, nin tan sequera por oportunismo. En síntese, o PSOE perde un candidato -ou renuncia a el- e o capital (FMI, BM, UE, oligarquía española...) afianza o marxe de actuación do social-liberalismo español ao seu servizo.

Dixo tamén con acerto Guillerme Vázquez que o goberno ZP "nos temas fundamentais para o noso país foi semellante a un goberno do PP". Non lle falta nin razón, nin argumentos.

Porén, o que ha de sobrevivir a ZP non apunta maneiras diferentes. Os principais nomes que soan para sucedelo comparten un sólido e indiscutíbel denominador común: todas e todos, sen excepción, son ou foron activos copartícipes das políticas de quen aspiran a suceder. Ulo cambio? Ulo refresco? A elección dun novo candidato, ou candidata, no PSOE, volverá anovar a vixencia daquel axioma de "cambialo todo para que nada cambie". Mudarán as facianas das e dos protagonistas da primeira liña política, mais ningún dos aspirantes -declarados ou oficiosos- pretende cambiar ren na liña política da última década. Non haberá diverxencias ideolóxicas, nin tan sequera de matiz. Apenas unha disputa interna pola cabeza da organización. Emilio Botín pode durmir tranquilo; sexa para quen sexa a vitoria electoral nas eleccións xerais 2012 gañarán os seus.

Con este panorama é indispensábel non caer na trampa dos espellismos. O social-liberalismo español (PSOE) fica entregado de cheo aos intereses do grande capital financeiro e e empresarial, e nesta altura ten no esencial o mesmo perfil antisocial que o propio Partido Popular, posto que ambos comparten o neoliberalismo por programa. Non é algo conxuntural, a súa aposta é ideolóxica e ten calado estratéxico.

Xa que logo, neste contexto difícil a esperanza para o pobo traballador galego pasa por fortalecer social e electoralmente o proxecto político que defende os seus intereses como maioría social, desde o compromiso en chave nacional con Galiza e desde posicionamentos netamente de esquerdas; o proxecto político que encarna o Bloque Nacionalista Galego. Pois, para refutar o prognóstico que hoxe facía a inefábel Leire Pajín de que 'o legado político de ZP será o futuro', é preciso alargar e reforzar en todos os ámbitos a esquerda real que se compromete co pobo traballador da nosa nación, principiando polos concellos o vindeiro 22 de maio.

A vitoria electoral do BNG, sexa onde for, será sempre a derrota do neoliberalismo do PPSOE e unha batalla gañada a favor das clases populares.