Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
08-03-2010

As grandes empresas, ante o escaso negocio que xeran, xa precisan do montante de traballo que estaban a realizar as pequenas empresas

Ao sistema económico galego sóbranlle autónomos. Só produce para quen paga

ALBERTE MACEIRA BALBOA


Ao sistema económico galego sóbralle xente traballadora porque as corporacións empresariais privadas, que controlan dende os recursos naturais até os sistemas económicos produtivos, precisan das faragullas que lle poden quitar os autónomos deste pais.

As grandes empresas, ante o escaso negocio que xeran, xa precisan do montante de traballo que estaban a realizar as pequenas empresas.

Dentro da lóxica económica funcional do capitalismo, os dirixentes políticos dos estados capitalistas  só cumpren unha función reguladora e controladora sobre a actividade económica, é dicir, son os delegados rexios ao servizo do sistema e se este precisa liquidar e controlar a quen lle estorba o fan sen ningún tipo de escrúpulos.

Imos ver algunhas actuacións do goberno da Xunta para cos autónomos galegos  
Limpeza de autónomos galegos.

Unha das prioridades dos autónomos galegos é o aceso á financiación para o circulante. En case todas as enquisas que se realizaron, a verdadeira prioridade dos autónomos galegos foi a apertura do crédito. Nin reforma laboral nin farrapos de gaita.

Ata o de agora, as liñas de liquidez aprobadas polo goberno da Xunta e transmitidas a través do IGAPE non chegaron coa forza suficiente ás pequenas empresas e aos autónomos galegos.

Unha das causas fundamentais do fracaso destas liñas é o crecente volume de impagados que teñen que afrontar os autónomos galegos.

Para ter acceso a estas liñas de financiación avaladas pola Xunta, os autónomos galegos que a soliciten deben estar  ao corrente coas entidades financieiras, con Facenda e coa Seguridade Social. Este requisito, arestora, o incumpren moitos autónomos galegos debido fundamentalmente á onda de impagados e aos retrasos que sofren nas súas contas.

Nesta situación de multicrise na que estamos mergullados, as ventas redúcense e os impagados de clientes e provedores multiplícanse. Deste xeito aparece o risco de non poder atender os seus compromisos financieiros, producíndose a valoración á baixa das súas contas por parte da banca tradicional. E dicir, os impagados afectan á maioría das pequenas empresas galegas, que á súa vez inflúen directamente no fluxo de diñeiro nas pequenas empresas e a banca lles corta a súa capacidade de endebedamento. Como consecuencia, moitos autónomos vense na obriga de aprazar á súa vez pagos e facturas e, ao non estar ao corrente dos seus pagos, a porta do crédito, tanto público como privado, péchase.

Pódese concluir que as axudas só son para quen pode pagar e moitos dos autónomos van ter que pechar. Poderíamos dicir que estamos ante unha limpeza ou exclusión de autónomos e pequenas empresas galegas.

Control dos autónomos.

Moitos dos impedimentos deseñados para facer limpeza nos autónomos galegos non van ser suficientes para poder con aqueles que mellor se atopen economicamente. Mais compre controlalos.

Cando un autónomo comeza unha actividade industrial, ou cando precisa  mellorar as súas instalacións coa intención de aumentar o sistema de produción, e decide mercar unha parcela nun polígono galego, atópase con que o valor de taxación das parcelas é inferior ao prezo de venta  que o propio Xestur ou outra entidade pública aplica polas súas parcelas.

Polo tanto, a capacidade de financiación para os autónomos deste país non é suficiente para mellorar e aumentar as súas infraestruturas industrias. O que está a suceder co solo industrial galego é un xeito de controlar e frear o crecemento dos autónomos galegos.

Se temos en conta que os traballadores autónomos da nosa nación son os que frean a caída da maior parte dos postos de traballo podemos rematar dicindo que o capital lle sobramos moitos.