Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
01-03-2011

A Consellaría vén de pronunciarse sobre a prohibición de que unha alumna siga acudindo a clase co veo

A Consellaría de Educación e o veo islámico

EDUARDO ÁLVAREZ


A Consellaría de Educación vén de pronunciarse sobre a prohibición de que unha alumna dun centro escolar de Arteixo siga acudindo a clase co veo islámico. Neste informe, a Administración educativa considera que o regulamento de réxime interno do colexio se axusta a Dereito e non conculca a liberdade relixiosa. Aduce que os centros educativos gozan de autonomía en virtude do disposto na LOE e que, por isto, poden elaborar as súas propias normas de organización e funcionamento. Indica tamén a Consellaría que esta situación de Arteixo é análoga ao caso Köse de Turquía. Estes dous argumentos esgrimidos pola Consellaría para ratificar a decisión do colexio de Arteixo carecen absolutamente de rigor xurídico e a sanción, de efectos tan graves para esta nena, constitúe unha tripla violación dos seus dereitos fundamentais á liberdade relixiosa (art. 16 CE), á educación (art. 27 CE) e á igualdade (art. 14), que proscribe a discriminación por razón de relixión.

Alega en primeiro lugar a Consellaría de Educación que os centros escolares teñen recoñecida pola LOE competencia para aprobar as súas propias normas de organización e funcionamento como acontece co regulamento de réxime interno que contén a prohibición de que os alumnos cubran as súas cabezas. Que os centros dispoñen de autonomía é certo, e así se recolle no artigo 124 desa Lei de Educación. Mais, o que endexamais pode ningún regulamento é limitar o exercicio dun dereito fundamental, pois tan só por lei orgánica poden seren estes dereitos regulados, desenvolvidos ou limitados. Así o recoñece o art. 81.1 da CE cando afirma que son leis orgánicas as relativas ao desenvolvemento dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas... A LOE, efectivamente, é unha lei orgánica porque desenvolve o exercicio do dereito fundamental á educación, mais non regula a liberdade relixiosa e de culto. Este cometido teno a Lei Orgánica 7/1980, de 5 de xullo, de Liberdade relixiosa, cuxo artigo terceiro afirma que o exercicio dos dereitos dimanantes da Liberdade Relixiosa e de Culto ten como único límite a protección do dereito dos demais ao exercicio das súas liberdades públicas e dereitos fundamentais, así como a salvagarda da seguridade, da saúde e da moralidade pública... Do feito que o artigo 124 da LOE lles recoñeza aos centros docentes  a capacidade para elaborar  as  súas  normas de organización e funcionamento non se desprende que cada colexio teña potestade para entrometerse na regulación de ningún dereito fundamental. Nin tan sequera os centros educativos poden limitar nin desenvolver a través da súa capacidade autonormativa o dereito fundamental á educación porque o artigo 124 da LOE, segundo a disposición derradeira sétima, queda excluído do carácter de rango orgánico. Nin a Constitución o permite, nin o resto do ordenamento xurídico pode facelo sen incorrer en inconstitucionalidade, como pretende a Consellaría de Educación.

Aduce tamén a Consellaría de Educación para ratificar esta resolución que o caso da alumna de Arteixo é análogo ao asunto Köse sobre o que se pronunciou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos na sentenza 26625/02, de 24 de xaneiro de 2006, inadmitindo a solicitude dun amplo número de alumnas de varios institutos de Istambul, cuxos pais alegaban inxerencia indebida na súa liberdade relixiosa e a violación do dereito á educacións das súas fillas. Para comprender a xurisprudencia deste Tribunal, que xustifica a inadmisión do caso Köse, é preciso referírmonos á súa sentenza nº 44774/98, de 29 de xuño de 2004, caso Leyla Sahin contra Turquía.  Nesta ocasión, unha estudante de Medicina foi expulsada da Facultade por cubrir a cabeza con veo. Leyla Sahin presentou recurso perante o TEDU por considerar que a resolución da Universidade supuxo a violación dos seus dereitos de liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión, proclamados no artigo 9 da Convención Europea de Dereitos Humanos. O Tribunal Europeo dita sentenza que concede a razón ao Estado turco, pero antes de chegar a esta conclusión realiza unha meticulosa análise das circunstancias que rodean os feitos. Ponse de relevo, en primeiro lugar, que a República turca se proclama na súa Constitución como un "Estado de Dereito, democrático, laico e social", construído no principio da laicidade xa desde a súa fundación en 1923. Entra logo o Tribunal a realizar a análise da violación alegada do artigo 9 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos e, para iso, resalta a posición da liberdade relixiosa nos sistemas democráticos. E, deseguido, analiza se existiu ou non limitación do dereito á liberdade relixiosa sometendo os feitos ás catro cuestións seguintes: 1) Se se produciu unha inxerencia no dereito fundamental en cuestión. 2) En caso afirmativo, se a inxerencia está prevista pola lei interna. 3) Se persegue esta inxerencia un interese lexítimo. 4) Se esta inxerencia é necesaria nunha sociedade democrática.

Á primeira pregunta, responde o Tribunal afirmativamente recoñecendo literalmente no parágrafo 71 da sentenza que a Corte constata que o regulamento da Universidade de Istambul, que somete o uso do pano islámico a restricións, e que as medidas conducentes á súa aplicación, constitúen unha inxerencia no exercicio da demandante a expresar a súa relixión. Extrapolando esta conclusión ao da alumna de Arteixo, temos logo constatado que, segundo o TEDH, existe inxerencia no dereito fundamental á liberdade relixiosa en ambas situacións.

Á segunda das cuestións responde tamén o TEDH que, no caso de Leyla Sahin, esta inxerencia está prevista na lei interna turca. No caso da nena de Arteixo, non existe ningunha lei interna que prohiba o uso de símbolos relixiosos no alumnado. É máis, como xa vimos antes, de existir algunha norma relacionada con esta prohibición, no ordenamento xurídico español, tería que ter carácter orgánico, presuposto que nin cumpre o regulamento que se prevé aplicar a esta nena nin tan sequera o artigo 124 da LOE, que está excluído desta condición.

Como terceira e cuarta cuestións previas, o TEDH analiza se esta inxerencia no caso Leyla Sahin persegue un interese lexítimo e se é necesaria nunha sociedade democrática. De forma rotunda conclúe que as medidas tomadas nesta situación están vinculadas á salvagarda do principio de laicidade e á protección dos dereitos e liberdades daqueloutras persoas que non profesan o islam. Afirma o Tribunal que, neste caso, os valores que se deben protexer son os da pluralidade política e os da tolerancia relixiosa nun contexto como o turco, o único Estado de poboación maioritariamente musulmá que conta cunha democracia liberal. Claro está que as circunstancias que rodean o caso Leyla Sahin non teñan ningunha semellanza co de Arteixo: nin o Estado español se proclama constitucionalmente laico nin o feito de que unha alumna acuda a un centro escolar con hiyab pon en perigo a estabilidade política nin atenta contra a liberdade relixiosa do alumnado que asiste e ese mesmo centro escolar.

Xustificar, por tanto, como afirma a Consellaría de Educación, que a expulsión desta nena do colexio en que está matriculada por usar o hiyab se axusta a Dereito constitúe ou ben unha resolución dolosamente inxusta ou ben unha grave ignorancia inescusable do ordenamento xurídico.